Opinión

Catro normativas en 140 caracteres

Un amigo lingüista dicíame hai pouco que, con frecuencia, encontraba chíos de twitter nos que o autor utilizara até catro normativas do galego diferentes.

É probábel que non haxa un lugar onde se faga tan evidente a confusión que vive aínda o nacionalismo como nas distintas ortografías que conviven neste momento, sobre todo, nas redes sociais. 

Xa non se trata de que existan, con toda naturalidade, grupos reintegracionistas que respectan unha ou dúas normas, máis ou menos achegadas ao portugués. Iso existiu sempre e ten a súa razón de ser.
    
O que estamos a ver agora é algo distinto. Trátase do que poderiamos chamar espontaneidade ortográfica, practicada por persoas que non teñen nin un interese especial nas cuestións normativas nin un coñecemento mínimo das mesmas.

Digámolo con certo distanciamento: cadros do nacionalismo, axentes da cultura e activistas sociais escriben hoxe cada un ao seu modo e segundo a súa forma de entender, case cada día dunha forma diferente. Os tempos nos que o BNG pedía o respecto as regras coñecidas co nome de ASPG 80, unha norma semellante á oficial, pero máis aproximada ao portugués, parecen moi arredados. Caos ortográfico como síntoma de caos político.

Cadros do nacionalismo, axentes da cultura e activistas sociais escriben hoxe cada un ao seu modo e segundo a súa forma de entender
    

Exteriormente, a situación é parecida á do tempo no que naceu o noso romance, entre o derradeiro latín e o primeiro galego. O propio nome do país aparece nesa época baixo máis dunha ducia de formas diferentes.

Son momentos de creatividade, síntoma de que algo pode nacer. Pero, síntoma tamén de que non existen institucións nin normas respectadas. A evidencia de que non existe un Estado, unha organización, senón tribos diversas e desorientadas. E as tribos acostuman a ser arrasadas polo poder unificado do latín ou da Real Academia Española, onde a norma se impón con man de ferro.

Comentarios