Opinión

Cataluña e as novas ideas sobre a violencia

 

Non deixa de sorprender a afirmación, realizada por Junqueras xa hai algúns anos, de que a independencia de Cataluña non merece a perda dunha soa vida. Fontana, en cambio, sostiña que ningunha independencia se logra sen sangue. Pero Fontana era un historiador, falaba do pasado. Junqueras é un político e os políticos, os bos cando menos, teñen a misión de aplicar principios novos, en consonancia coa evolución da sociedade.

 

Recentemente, Junqueras engadiu algo: Nin a unidade de España nin a independencia de Cataluña xustifican a perda dunha vida.

 

Os cataláns xa demostraron que están de acordo con Junqueras. ¿Pero asumen tamén os partidarios da unidade ese principio xeral de non violencia no que Junqueras, moi sutilmente, pretende incluílos? Non o creo. Cando menos, non todos. Probabelmente unha parte do aparato de Estado estaría disposta a aplicar, de crelo necesario, un grado de violencia que implicase a perda de vidas. De feito, o sistema democrático ampara aínda, en determinadas condicións, a violencia do Estado e proclama ademais que este posúe o seu monopolio legal. 

 

O Estado, para o caso catalán, está medindo os seus pasos

 

O certo, non obstante, é que o Estado, para o caso catalán, está medindo os seus pasos. A violencia policial do 1-O é unha violencia contida. Se provocou o escándalo internacional foi, máis que pola súa intensidade, polo feito de ir dirixida contra persoas pacíficas que querían votar, é dicir, realizar o acto democrático por excelencia. Esta foi a clave. Violencia de verdade, como a que se produciu tantas veces na historia, é aquela que aínda vemos noutros países, como Palestina. Nese caso é difícil grávala con cámaras. Simplemente, o fotógrafo recibe antes un tiro.

 

É difícil que un movemento tan masivo como o catalán non caia en actos violentos. Pero non o fixo, nin sequera ocasionalmente. A defensa da non violencia representa un cambio de paradigma. Un novo principio para unha sociedade desenvolvida e educada democraticamente. Segundo Arendt, é a miseria a que desata a rabia das revolucións. Sen miseria extrema, a política dun país vólvese máis pacífica.

 

Tamén o respecto ás leis e ás institucións está directamente relacionado co grado de benestar xeral. (O que estes días se xulga en Madrid non é un problema legal, senón máis ben de dobre legalidade). 

 

A non violencia, nas sociedades máis desenvolvidas, é así unha máxima de actualidade, que a maioría da poboación apoia

 

A non violencia, nas sociedades máis desenvolvidas, é así unha máxima de actualidade, que a maioría da poboación apoia. A ETA non a derrotou o Estado, senón este novo clima social. Os seus propios partidarios deixaron de apoiar os seus métodos. Hoxe, un atentado provoca unha condena total, sen excepcións.

 

Cómpre lembrar que todo isto é algo recente. O asasinato político foi considerado unha práctica normal ao longo de toda a historia. A traxedia mortífera na que se involucraron os activistas de todas as causas ten expresión dramática en múltiples textos gregos, pero tamén en interesantes obras contemporáneas, como “As mans sucias” de Sartre.

 

Con todo, e como sucede sempre, este cambio dun paradigma a outro non vai estar exento de pasos atrás e de contradicións, sobre todo por parte de quen ten máis que perder.

 

Aquel terrorismo de hai un século, co anarquista con bomba como figura principal, ou os grupos armados dos sesenta e incluso as guerrillas, están a desaparecer do hemisferio Occidental. Algo distinto é que cheguen até aquí os ecos, en forma de atentado islámico, das guerras que se libran noutros lugares.

 

Pero farán o mesmo os Estados? Exteriormente tratan de disfrazar a súa intervención de política humanitaria. Pero que farán respecto á política interna? O probábel é que non renuncien, pero si que a oculten máis, ademais de reducila.

 

A maiores do que coñecemos ou sospeitamos actualmente de España, podemos ilustrarnos co recordo do Deep State ou Estado Profundo que, nos Estados Unidos, eliminou a un presidente, ao seu irmán e aspirante ao cargo, e aos dous principais líderes negros. Algunhas persoas, que parecen sensatas, afirman que Obama non se atreveu a aplicar certas políticas, precisamente polo ocorrido nos sesenta.

 

A non violencia é xa, en todo caso, unha consigna esencial para os que defenden unha maior democracia, pero non hai que esperar que os medios conservadores evolucionen ao mesmo ritmo.  

Comentarios