Opinión

Camilo e o Bloque, unha reflexión non tan a destempo

Parlamento de cartón, parlamentiño, telegaita, autoanemia (por autonomía), son clixés nacionalistas para descualificar, en diferentes momentos, institucións galegas. Un erro grave de enfoque. O Estatuto de Autonomía do 81 tivo poucos votos a favor (o 20,73% do electorado), pero non polas ansias autodeterministas da poboación, senón polo contrario ou cando menos polo desinterese (a abstención foi do 71,74%). Deste modo, as institucións galegas, creadas na Transición foron subestimadas e tamén criticadas desde a raíz. Non por Camilo Nogueira e o seu “gabinete” —por usar unha expresión de Beiras—, pero si polo Bloque. 

A tradición caciquil, un pouco desconcertada ao principio, aprendeu a servirse desas institucións. O nacionalismo máis activo permaneceu demasiado á marxe. Autonomistas sinceros poucos, antes e agora. Pero agora podemos valorar a Pujol: fixo autonomismo e fixo país. Creou unha nación. Camilo Nogueira e o seu gabinete estaban acertados. Copiaban as mocións de Cataluña. Por que non se impuxo? Porque os gabinetes non ganan eleccións e porque o caciquismo tivo tempo para ser intelixente.

O Estatuto de Autonomía do 81 tivo poucos votos a favor (o 20,73% do electorado), pero non polas ansias autodeterministas da poboación, senón polo contrario ou cando menos polo desinterese

 

O Bloque quedou á marxe de debates importantes ou enfocounos mal, pero acertou en tres puntos: os pés sempre no país; a súa fórmula frontista, diferente dos partidos clásicos, que permitía a pluralidade e daba máis forza ás bases; e a mobilización social, que nos gabinetes sempre provoca tedio e preguiza. Os gabinetes poden ser lúcidos, pero cústalles abandonar a súa zona de confort.

Cando o nacionalismo foi capaz de encaixar as súas dúas rodas no mesmo eixo, o avance foi notábel. Até o indetectábel Amancio Ortega estivo a punto de participar na recompra galega de Fenosa. En Madrid soaron as alarmas. Estamos nun momento diferente, pero as alternativas non serán moi distintas das anteriores. 

 

Comentarios