Opinión

Bo momento para que a mocidade se interese pola política

O pasado día 20 de outubro, cando xa se coñecían os resultados electorais de Bolivia, a revista arxentina Crisis entrevistaba durante unha hora a Álvaro García Linera, o que foi vicepresidente daquel país, no tempo de Evo Morales na presidencia (2005-2019).

García Linera, co seu falar moroso, dá varias claves políticas das que aquí só recolleremos algunhas. Considera o ex vicepresidente que, tras a caída do Muro, a dereita conseguía gañar as eleccións sobre a base de que o seu proxecto era o único factíbel. Dado que esa experiencia entrou en crise no 2008, no momento actual viviríamos un tempo de desorde. A dereita, segundo Linera xa non ten programa e recorre ao mesmo discurso neoliberal fracasado, pero dun modo máis endurecido, cun énfase no racismo, na violencia e no autoritarismo. Por esa incapacidade para ofrecer novas ideas, a dereita pode recuperar o poder, pero será cunha perspectiva de “patas cortas”.

Ábrese así, segundo García Linera, un período de desequilibrio, con conflitos en todo o mundo e que, en función de como actúe cada forza, poderá ser orientado nun sentido moi conservador ou nun sentido claramente progresista. Con esta perspectiva, Linera afirma que é un bo momento para que a mocidade se interese e se comprometa coa política. O escenario parece aberto.

Se isto ocorre no mundo, e sobre todo en Latinoamérica, que podemos engadir ao dito polo político boliviano os que vivimos en Europa, onde as variábeis políticas son en parte diferentes?

O vello continente sufre unha crise económica, non tan forte como a latinoamericana, pero compensada porque a súa crise política podería ser incluso maior. O futuro da propia Unión Europea como unión de Estados podería estar en xogo.

A que se pode aspirar desde un punto de vista que concilie o ideal progresista cun proxecto pragmático? Sobre todo creo que habería que pular por unha redución do atlantismo, é dicir por unha maior soberanía para as propias institucións europeas. E non se trata só da súa independencia militar, hoxe practicamente inexistente dado o mando absoluto dos Estados Unidos sobre a OTAN, senón tamén económica, comunicacional e cultural. Pensemos, por exemplo, que a UE paga o petróleo e o gas que importa de Rusia en dólares e non en euros, como varias veces lle ten ofrecido Moscova. É dicir, a UE trata a súa propia moeda dunha forma subsidiaria.

Outro caso sería o de Strauss-Kahn, membro do Partido Socialista francés e nomeado presidente do FMI en 2007. Foi destituído do seu cargo no 2011, despois de que a policía norteamericana o detivese no aeroporto JFK, acusado de agresión sexual a unha traballadora dun hotel. Varias opinións sosteñen que o motivo de fondo de que a denuncia prosperase foi o proxecto do francés de que o FMI se adherise á política da chamada cesta de moedas, é dicir que as operacións patrocinadas polo Fondo se realizasen non só en dólares, senón tamén en euros ou yuans. O cuestionamento do dólar como moeda única de referencia sempre foi para os Estados Unidos casus belli.

Pensemos, por exemplo, que a UE paga o petróleo e o gas que importa de Rusia en dólares e non en euros, como varias veces lle ten ofrecido Moscova. É dicir, a UE trata a súa propia moeda dunha forma subsidiaria.

Poderiamos falar tamén do sistema de localización por satélite Galileo, de patente europea, e que Washington leva décadas freando, como modo de protexer o seu GPS. Ou das axudas encubertas que habitualmente recibe o cinema norteamericano, así como outros condicionantes legais e opacos, que veñen limitando o crecemento e a distribución das películas que se producen ou que se poderían producir en Europa.

Son estes algúns dos ámbitos nos que as forzas progresistas europeas deberían tratar de actuar. Está comprobado que a rusofobia non é unha boa táctica para a economía do continente, aínda que só sexa porque o gas e o petróleo de Siberia sempre vai ser máis barato que o norteamericano.

Tendo en conta ademais que a II Guerra Mundial rematou en 1945 e que a Rusia actual, por unha parte é ben máis feble que a antiga Unión Soviética e, por outra, non desexa para nada unha volta á Guerra Fría, acaso non chegou o momento de que a UE trate os Estados Unidos como un igual e non como un pai protector?

Comentarios