Opinión

Beiras e a Fronte Popular

“Eu nacín coa Fronte Popular”.

“Eu nacín coa Fronte Popular”. É a primeira declaración que lle podemos ler a Xosé Manuel Beiras, en A nación incesante, o importante libro de conversas, redactado por Fernán-Vello e Francisco Pillado e publicado en 1989. Trátase, sen dúbida, dunha afirmación de impulso literario que o propio protagonista repetirá máis veces. 

Por carácter, é doado intuír que a Beiras lle tería gustado desenvolver outras vocacións, ademais das de profesor e político. Entre elas, as de novelista (un novelista barroco, ao estilo de Otero) e músico. É probábel que o éxito temperá de O atraso o decantase cara o ensaio. 

Pero, vaiamos a tempos máis actuais. Beiras xustificou, en 2012, a constitución de AGE con dúas frases bastante diferentes. A primeira delas, dicía así: “Rompemos o tabú de que os nacionalistas non nos podiamos aliar con forzas estatais”. 

Pronunciada en ton xubiloso, é unha frase que nunca acabei de entender. Como se podía presentar como un mérito a decisión de subirse á barca que navega, cando menos en certos aspectos, a favor da corrente? O difícil, para un partido nacionalista dun país pequeno, é manterse independente e, polo tanto, con moitos menos apoios. 

Estou convencido de que a inclusión do PG na Fronte Popular foi unha decisión forzada que lle trouxo enormes custos ao partido e a Galiza

A segunda frase, en cambio, soaba a unha máis comprensíbel xustificación: “Vivimos unha situación de crise excepcional que nos obriga a tomar unha decisión semellante á do Partido Galeguista en 1936, cando entrou a formar parte da Fronte Popular”. 

Este segundo argumento é o que quero analizar. Non me parece correcto. Deixando a un lado a dúbida que suscita a comparación do momento presente con 1936, estou convencido de que a inclusión do PG na Fronte Popular foi unha decisión forzada que lle trouxo enormes custos ao partido e a Galiza.

Fago un inciso. Como individuo, creo que son capaz de cantar a copla Puente de los franceses tan ben e case con tanta emoción como Juan Carlos Monedero. Non obstante, como galego considero que a guerra foi algo que nos caeu enriba. Estou convencido de que, en boa medida, non era a nosa guerra e de que o pagamos moi caro. Galiza non padecía naquel momento contradicións sociais nin políticas nin económicas insalvábeis, a diferencia de Andalucía e incluso de Cataluña. Vivía, pola contra, un momento de artellamento interno e de esperanza. Ademais, a decisión do PG de formar parte da Fronte Popular non foi libre, senón forzada por unha Lei Electoral que tratando de evitar a dispersión, acabou por provocar a división en dous grandes bandos, dando lugar ademais a que os extremos, incluídos en cada unha das coalicións, acabasen sobrerrepresentados. 

A inclusión na Fronte Popular provocou a división do PG. E o importante non é que deixasen o partido Risco ou Filgueira, senón os apoios sociais que se perderon. Coa guerra, tronzouse a evolución dunha organización social propia que naquel momento se estaba articulando e da que eran mostra, por exemplo, as numerosas sociedades agrarias. Acabouse, por moitos anos, co empresariado galeguista, caso de Peinador e dalgúns membros das familias Massó e Pastor, por exemplo, que puñan publicidade en A Nosa Terra. Fomos incluídos no bando do proletariado e dos xornaleiros sen terra, sen que en Galiza houbese practicamente ningunha das dúas cousas. Até no mundo do mar, a CNT carecía, por razóns obxectivas, da radicalidade que mostraba noutras zonas. E, sen termos fronte bélica, caeunos unha dura represión enriba.

A inclusión na Fronte Popular provocou a división do PG. E o importante non é que deixasen o partido Risco ou Filgueira, senón os apoios sociais que se perderon

Admitamos que a realidade foi a que foi e que os dirixentes do PG, por culpa desta situación e da Lei Electoral, carecían doutras opcións. Pero, iso non nos pode levar a converter nin a interpretar os seus problemas e as súas limitacións como unha virtude e un exemplo para os tempos actuais. Aí é onde sitúo o erro de Beiras. 

Cara o futuro. Algunhas noticias sinalan que Podemos podería presentarse só ás próximas eleccións ao parlamento autónomo. Seguro que haberá máis declaracións nesa liña e tamén moitos desmentidos. Verémolo. Pero tanto se esa situación se dá, como se os feitos evolucionan dunha maneira non favorábel aos intereses galegos, ou, ao contrario, se a alianza con forzas estatais resulta beneficiosa, penso que Beiras mesmo debe asumir os méritos ou as críticas, sen ampararse na decisión do PG en 1936. 

(Máis información, a respecto da situación galega no 36 e a decisión do PG, en: “Unha visión galega da Guerra do 36 (e II)”. En Biosbardia: biosbardia.wordpress.com).
 

Comentarios