Opinión

Que as bandeiras dos balcóns non nos impidan ver o bosque

A secesión de Cuba, en 1898, causou en España unha profunda depresión. Ese ano foi chamado o do “desastre”. Moitos intelectuais, até aquel momento non demasiado preocupados pola política, convertéronse en abandeirados da identidade. Castela e o castelán, como ideas reitoras, ganaron novo pulo. Había nostalxias do imperio. A actual bandeira española saíu dos cuarteis e comezou a coñecerse nas rúas a partir de 1907. 

Pero, por debaixo de todo isto, o réxime da Restauración, e os dous partidos dinásticos que se alternaban no poder, entraron en crise. 

Había motíns frecuentes, con mortos, froito de escaseces varias; folgas importantes como a de 1917, de carácter xeral e revolucionario; a cruel e absurda guerra de Marrocos; o crecemento dos nacionalismos interiores, sobre todo do catalán.

Castela e o castelán, como ideas reitoras, ganaron novo pulo. Había nostalxias do imperio

 

O españolismo rampante das institucións, acompañado, por suposto, de múltiples medidas centralizadoras, era a saba que tapaba unha longa e profunda inestabilidade.

O exceso de bandeiras apunta sempre a unha crise de identidade, a un problema.

A mellor cobertura para un Estado é a de que se lle atribúa o valor de “natural”. O peso do “natural” outórgao a institucionalización. Durante toda a vida nos parecerá natural o que aprendemos na escola. Tamén nos parece natural a lei e o que oímos nos telediarios. O “natural” non se enfatiza, non se destaca.

As bandeiras españolas expresan, pola contra, un momento de debilidade. Dous millóns de cataláns queren irse. Como pode ser?

O “chute” de españolismo e adrenalina fortalece a parte máis externa do corpo, a bravata ideolóxica, a eclosión de funcionarios de orde pública fotografándose en pose, pero tamén se pode ver como un sinal de alarma. Unha chamada a filas, pero contra que? Contra a diversidade, contra as linguas “que non se entenden”, contra os cataláns.

As bandeiras españolas expresan, pola contra, un momento de debilidade. Dous millóns de cataláns queren irse

 

Todo iso é preocupante, pero quizais son peores as épocas de paternalismo, de man no lombo, de tolerancia aparente. O Estado, un estado ben arraigado nos seus altos funcionarios, en leis e regulamentos, sabe ser familiar e até campechano cando se sente forte. A súa rixidez destes días apunta a que quizais os outros, os cidadáns, os periféricos, non somos tan febles como cremos. 

Comentarios