Opinión

Aprender a vivir coas contradicións

Cando, tras as pasadas eleccións, lle escoitamos dicir a algúns nacionalistas que os resultados do BNG foran debidos á falta de conciencia nacional ou cando vemos que Francisco Rodríguez critica a actitude dos nacionalistas que non tiveron pudor en votar unha forza estatal, dámonos conta de que estamos, en ambos casos, ante un erro conceptual, ante unha idea da realidade –previa á ideoloxía– equivocada.

O marxismo tradicional consideraba que, unha vez resolta unha contradición dialéctica, esta quedaba resolta para sempre. Tan convincente foi nesta crenza, que o propio Kissinger chegou a afirmar que calquera país que se pasase ao bando socialista quedaba nese bando para sempre. A volta ao capitalismo non era posíbel. Tal teoría levou os Estados Unidos a considerar calquera transformación progresista dun país como un asunto de guerra, como sucedeu en Chile.

O marxismo tradicional consideraba que, unha vez resolta unha contradición dialéctica, esta quedaba resolta para sempre

Nos propios países socialistas proclamábase oficialmente a desaparición das contradicións, o que de paso eliminaba a necesidade do debate político na sociedade e incluso eliminaba, na practica, a posibilidade de crear unha verdadeira obra artística, pois toda obra artística de valor nace dalgún tipo de conflito. O papel da prensa, por exemplo, quedaba así reducido á información sobre o cumprimento dos plans produtivos.

A necesidade e a construción do “home novo” era teorizada, nesa época, desde distintas fontes. Pero resultou que a personalidade humana tiña niveis máis profundos dos esperados e que estes non desaparecían nin coa eliminación das clases sociais nin cos cursos de reeducación. Pénsese, por exemplo, no individualismo, na envexa ou na cobiza persoal como estímulo da produtividade. Moitas destas cuestións, que forman parte do noso ADN desde hai miles de anos, poden ser limadas, moderadas ou reorientadas pola sociedade, pero non desaparecerán nin sequera en varias xeracións. 

Volvendo ao noso contexto, o político ten como ansia principal eliminar as contradicións que o rodean, para así desenvolver o seu proxecto. Pero, por empregar un dito tradicional, cuxa verdade confirmaría calquera psicólogo, parte do que expulsa pola porta, vólvelle entrar pola fiestra. 

O BNG quedou unido despois da ruptura de Amio, superando así as insoportábeis tensións internas que sufría até aquel momento. Sen embargo, agora a consigna é volver á unidade anterior a Amio, é dicir, unirse con aqueles aos que non se soportaba. Pero a situación cambiou, a consigna quedou atrasada.

O político ten como ansia principal eliminar as contradicións que o rodean, para así desenvolver o seu proxecto

Temos un nacionalismo atrasado por non comprender que as contradicións non se eliminan facilmente. 

No mesmo tipo de erro, pero á inversa, caen os que preconizan a conversión do BNG nun partido, ideoloxicamente unificado. Pensan que, usando outro dito familiar, morto o can (a UPG) acabouse a rabia. Pero, nese caso, as contradicións tamén volverían, aínda que fose por outro camiño ou baixo outro aspecto.

A dialéctica marxista ensina a superar as contradicións a través da loita. Pero a vida e a política son máis complexas do que o marxismo tradicional cría e son moitas as contradicións coas que se fai necesario convivir. 
Saber xestionar ese alto nivel de contradicións, e buscarlle a cada caso unha saída razoábel, é unha das obrigas de todo bo político. Moitos elementos negativos, poderían ser reconvertidos en positivos, por exemplo, situándoos no lugar apropiado, do mesmo modo que algúns psicanalistas sosteñen que unha persoa con tendencias asasinas ou sádicas pode ser útil á sociedade se a convertemos en ciruxán. 

Comentarios