Opinión

Soños e alvarizas

Unha alvariza é un muro circular que garda un conxunto de colmeas. Amecendo semellanzas, as fronteiras da unión Europea serían unha sorte de alvariza á que miles de inmigrantes intentan acceder, chegando a arriscar a propia vida para logralo; primeiro en terra, atravesando fronteiras vixiadas por mafias e ditaduras oligárquicas; logo nun mar que poema xerfa en Senegal e réquiem na líquida inmensidade en que se recrea a beleza e afogan tantos soños. Malia a exacerbación con que a extrema dereita trata o feito migratorio, son unha porcentaxe pequena os que entran ilegalmente en España fronte a unha inmensa maioría que o fai de forma legal. Os datos son fríos, como icebergs que amosan unha pequena parte e escoden baixo da auga a magnitude da realidade; non abondan para comprender o verdadeiro significado dun fenómeno máis antigo que o propio ser humano. 

Pór nome a un deses números podería mudar a percepción que algúns teñen, se o meditan devagar. Suxírolles o caso de Roberto, quen chegou de Cuba fai anos e traballa nunha gandería de vacas frisoas en Castroverde. Será por estar afeito a vivir con austeridade que é tamén dun soñar austero, non máis alá de traballar en Galicia uns anos para poder inverter e emprender na súa terra. Esas son as súas razóns, as que o moveron a aventurase e fiar o seu futuro a tal decisión. Non lle foi mal, logrou unha estabilidade laboral en simbiose cun sector necesitado de man de obra, nun rural baleiro e deprimido ó que contribúe a soster. Atrévome a asegurar que para esta terra é imprescindible a súa presenza entre nós; representa a centos de traballadores do sector gandeiro, amais doutros que se nutren de asalariados de fóra, como o forestal, a produción agrícola en invernadoiros e o coidado de persoas maiores. Por tanto, é evidente que vertebran laboral e socialmente o rural; sen que a sociedade valore a súa contribución como debera; agás escollidas excepcións, velaí a do gandeiro que contratou a este cubano; quen, por certo, entrou legalmente en España.

Así como a inmigración traspasa as fronteiras e contribúe a que aumente o mel nas colmeas, deixei que me atravesara O abecedario no país das alvarizas, de Xulio Pardo de Neyra, que acaba de publicar Medulia. Poemario  de enorme beleza e gran poder evocador, no que a abella e o seu zunido se consagran como portadoras do espírito dun pasado que morre, que en realidade viaxa cara á esfera da memoria. A súa lectura resultoume suxerinte, erótica e conceptual; un todo por forma e contido, que afonda na nosa identidade colectiva e na natureza do desexo e da posesión, non sendo só unha mera sucesión de poemas. 

Collo del uns versos que puideran expresar a unión cos nosos e talvez coa terra, inda mellor, co identitario; por resaltar a importancia do intercambio cultural que se produce entre os traballadores inmigrantes e nosoutros, facéndonos ver que o diferente non é peor nin mellor; mais si unha oportunidade no individual e como pobo.

e polo cordón q nos fura o embigo

a placenta sempre retratará un nome.

De muller.

Para Roberto, o nome é Cuba; e quere escoitar no zunido das abellas os outros nomes queridos de muller.

Comentarios