Opinión

Os de abaixo

Javier Fouce empuxa a padiola dentro de urxencias, para e agarda xunto á triaxe; o frío da noite entra con el. Unha celadora saúdao e coloca outra padiola á par da que acolleu o paciente na ambulancia. Un de cada lado, en contacto estreito co enfermo, desprázano con suavidade despois de acougalo cunhas palabras; usando un transfer, ata que queda centrado nas andas do hospital. O ancián treme, deseguida unha enfermeira achégase a el. Minutos despois o seu destino é un box de alto risco, debido á febre e á dispnea.

A Covid-19 non daba tregua naquela primeira onda, moitas imaxes de dor e desolación están almacenadas na cabeza de Javier, técnico especialista en transporte sanitario; a soidade do enfermo cando o sacan de entre os seus, coa pneumonía axexando; asemade, as miradas dos seres queridos anubradas co temor de non volvelo ver. Os celadores do Hula tamén sentiron orballar os ollos; como cando a angustia tan densa que se palpa, dunha viúva afectada polo virus, deixa en silencio a urxencia ao ir camiño da planta covid; o mesmo que o seu home fai poucos días. Soa; aínda que realmente non, porque a celadora amais do traballo físico intenta agarimala preguntándose como facelo; secasí soa, realmente si, separada dos dela e rodeada de esforzados sanitarios que semellan aliens e astronautas a partes iguais. Probablemente aterrada. 

Agora, a vacinación avanza a bo ritmo; máis de dúas mil persoas reciben unha dose nunha quenda de traballo. Vexo cada día como acceden ao hospital, algúns preocupados, bastantes desorientados; moitos non saben como descargar o código QR que lles enviou o Sergas. Certo que os hai que amosan ánimo e exhiben o móbil como se levaran nel un premio especial; estes precisan pouca axuda, os outros contan coa disposición incondicional do equipo de celadoras que os organiza e dirixe: explican con paciencia como acceder ao nomeado código, auxilian nas escaleiras mecánicas, facilitan cadeiras de rodas e sorrín saudando un por un ata que saen do hospital co devezo da protección. Celadoras, xa que na súa maioría son mulleres; que merecen recoñecemento porque sen elas o Hula non funcionaría. 

Non pretendo máis que valorar o traballo dos que case nunca saen nos medios de comunicación: celadores, pinches, limpadoras; persoal administrativo, de admisión de urxencias por exemplo; de mantemento; técnicos de raios, auxiliares de enfermería; compañeiros do servizo de ambulancias, da cafetería e tendas do hospital, máquinas de vending etcétera. Pedindo desculpas a aqueles que esqueza neste intre; resaltando por encima de todo a capacidade de resistencia amosada polo persoal sanitario e non sanitario deste e do resto de hospitais, que afrontaron esta loita longa e dura con esa palabra por veces desgastada, neste caso anovada; resiliencia. 

Acabo así estas palabras humildes e torpes, cunha frase final; tal que pronunciase un brinde. Por todos os de abaixo, imprescindibles para que o hospital se manteña arriba.

Comentarios