Opinión

Desleixo e subtracción do rural

O maxinario colectivo amece a ignorancia co rural, é algo corrente, como se ignorante fose sinónimo de aldeán, que é o que eu son. Ou sexa, un pailán, aquel de maneiras rústicas que non sabe manexarse no trato social. Insisto, maneiras rústicas, cando debería definirse de maneiras brutas ou pouco refinadas. De sempre, aparece o rural como exemplo do negativo. Ó longo da vida coñecín xente así, mais foi unha inmensa minoría fronte á hospitalidade, empatía e agarimo que sempre atopei nas casas de labranza. Canto me teñen agasallado, facéndome sentir non só benvido, senón un deles; como se fose da familia.

Amais das palabras amables e doces, foron os xestos agarimosos os que enfeitizaron a miña alma coa aldea. 

Oposta á ignorancia, a sabedoría procede do estudo ou da experiencia, pousa nas persoas reflexivas e temperadas. Poucas letras tiveron moitos labregos nos anos da gran depresión ou na posguerra civil española. Compensárono facendo da experiencia o seu contrapeso; aprenderon da terra desde a nenez; traballárona, colleitárona e volveron á terra cando xa non se diferenciaban dela. Xeólogos non eran, tampouco estes eran labregos; doutoramento que se obtén cando nin a chuvia, nin a seca, impiden que cadanseu ano haxa cadansúa recolleita. Unha vida intensa, chea de beleza e dificultades, necesitada de constancia, na que os froitos custaron o seu e valóranse. Cultura de esforzo, de educar a mente na paciencia; existencia na que os sentidos exploran cada día a natureza, que mellor escola para exercitar a sensibilidade!

Así foi como conservaron para min un herdo de inmenso valor, clave de bóveda da cultura de seu e doutros almeiros; que me achega á beleza das artes, ós contidos da filosofía ou ós conceptos matemáticos; restra de coñecementos que podo vehicular con tal sorte de legado. Se ben o prexuízo que marxina as xentes do rural tamén o fai coa súa fala, só a ignorancia e a barbarie poden desprezar unha lingua e unha cultura que deron a Galiza a senlleira identidade de seu. O idioma co que se comunicaron, traballaron e adquiriron experiencia, permítenos hoxe estudar e acadar coñecemento; sendo imprescindible falar e escribir correctamente en galego para posuír un mínimo nivel cultural. 

Toda sociedade protexe aquilo que valora; tal non acontece coa nosa fala, cada vez menos unha lingua de berce, cada vez menos estendida socialmente nas principais urbes do país, case desaparecida entre os máis novos. Esta desfeita, mais de outra forma, afecta aos lugares do rural; obxectivo de especial interese para a inversión especulativa: eucaliptais e parques eólicos. Unha conxunción de desprezo polas xentes e a súa cultura co aprecio pola subtracción dos seus recursos. Dito isto para manter a certeza de cal é a Zona a defender, título co que Manuel Rivas sitúa os marcos dunha busca de espazos nos que con austeridade xerar nova abundancia; collendo algunha palabra del.

Comentarios