Opinión

Vigo Ciudad de Vacaciones, ¿Dìgame?

Inda que non podería aclarar a ningún Zavalita o momento en que se fodeu Vigo, si indicarlle que nas decisións que determinan un modelo de cidade, vai inscrita a dirección que tomará finalmente. E dous modelos se seguiron entre o silencio e a complicidade xeral. Noutrora foi a opción por un desenvolvemento urbanístico propio da especulación inmobiliaria, frente a un urbanismo responsabel acorde co seu entorno. Hogano é o modelo de cidade temática, fronte á cidade sustentabel.

Se existe unha imaxe que visualiza claramente o modelo de desenvolvemento polo que optou Vigo, é sen dúbida esa megabola de Nadal, chantada no centro da vila: unha gran carcasa recuberta de lucería rechamante cun espazo interior oco. Un conxunto valeiro con cero elementos identificadores do que debe ser unha cidade sustentabel: unha cidade de espazos de convivencia, diversidade e benestar. É a diferenza entre a cidade espectáculo, a cidade vacacional, a cidade selfi e a cidade sustantabel.

Uns trazos deseñan os dous modelos e os separan de modo rotundo.

As cidades sostibeis son cidades cooperativas, feitas para os seus cidadáns para o seu disfrute, para vivir e convivir. As cidades espectáculo están pensadas non para a veciñanza senón orientadas cara o espectador-consumidor e funcionan como reclamo turístico.

As cidades sustentabeis son solidarias con calquera outra cidade, non compiten con outras o seu modelo é compatibel coa existencia de aquelas outras cidades que escolleran este modelo de desenvolvemento. As cidades temáticas opónse ás outras cidades temáticas coas que entran en competencia no logro da atención mediática e no control do fluxo turístico.

As cidades sustentabeis son aforradoras e buscan a eficiencia enerxética. Executan políticas ambientalistas e ecolóxicas. As cidades espectáculo malgastan os recursos. Na percura do show, da última novidade, da derradeira ocorrencia, precisan dunha continúa aportación de recursos para alimentar ó monstro nunha espiral sen fin, con intervencións de corto ciclo de vida, nun potlatch de cartón pedra carente de función social. Para seguir inflando a burbulla temática, para que o show mediático siga actuando, para continuar sendo o centro de atención, precisan continuamente incrementar as partidas presupuestarias, detraendoas de aquelas outras que por non ter visibilidade mediática non producen espectáculo (movilidade, cohesión social, bibliotecas de barrio, entramado cultural ligado ó país, biodiversidade, mellora dos barrios e non unicamente das zonas máis visitadas...)

E como cada modelo terá os seus partidarios non asombrará que os rexidores das cidades sustentabeis, sexan convidados a participar en debates sobre crecimento inclusivo das cidades e os das cidades espectáculo, digamos de Vigo, aos platós televisivos onde un rexidor histriónico conte por enésima vez e de modo cansino as súas archicoñecidas, insufribeis e aburridas parvadas. Será igualmente polo mesmo motivo que os concellos sustentabeis reciban o recoñecemento de persoeiros das diveras disciplinas implicadas en desenvolvementos sustentabeis na construcción de espazos saludabeis e sostibeis e os concellos espectáculo o do gremio de comerciantes, hostaleiros e operadores turísticos que ven nese modelo de cidade vacacional e compulsivamente consumista boas oportunidades de negocio. Por suposto apuntando á creación de postos de traballo, argumento infalibel e polivalente que tanto serve para manter unha industria contaminante na ría de Pontevedra, tirar polo vertedoiro unha morea de cartos públicos ou desforestar a Amazonía.

Vigo escolleu o camiño do espectáculo, do selfi, do grotesco. Non elixiu os modelos de cidades responsabeis senón guións de películas de Disney para un ridículo Nadal branco de neve artificial, lucerío multicolor e bailes importados. E a incentivación dun consumismo irracional. Cómo senón é posibel calificar a instalación dunha noria de 50 metros de altura, nunha cidade que a escasos cincocentos metros ten un miradoiro natural de 150 metros de alto dende onde contemplar a vila, a ría e por riba de balde?.

Esta proposta de cidade parque temático prescinde de calquera emblema identificativo da cidade e a súa historia por un mostrario de lucerío rechamante para consumo dun turismo pouco esixente e igual que non existe ningún entorno máis despersonalizado que o interior dun aeroporto internacional, coas mesmas tendas de marcas e establecementos de restauración, non hai nada máis despersonalizado que unha cidade temática, coas mesmas atraccións en maior ou menor número que as outras cidades temáticas da competencia. De aí que as representacións propias carezan de interese e quedan relegadas fronte a un novo merchandising promocional que sustitúe incluso ó escudo da cidade: unha noria de feira no canto do Castelo de O Castro, e unha triste sebe coa forma dun ridículo lagarto pola Oliveira.

Con todo, entrementres persoas ou colectivos coa suficiente autoridade normativa para facerse ouvir non se posicionen con claridade fronte a este modelo cidadá turistificador, entrementres uns medios de comunicación amansados, que ben saben que calquera crítica ó patrrón significaría o fin dunhas subvencións encubertas, sigan louvando a súa última barrabasada, entrementres unha veciñanza pouco crítica, consentidora e apampada que pensa que esta festa non a paga ninguén, continúe a contribuir irresponsabelmente coa súa parte alícuota ó deterioro medioambiental e ó estragamento de recursos, compre supoñer que o esperpento rechamangueiro proseguirá ata que o propio esgotamento do modelo o faga estoupar. Modelo ó servizo do ego e autoestima personal de quen relegou a xestión dunha política municipal pensada para o benestar e conviencia veciñal en favor da xerencia dun Marina D´Or.

Volvemos ao comenzo. Vigo ciudad de vacaciones ¿dígame?

Comentarios