Opinión

Meirás: cinco preguntas e catro respostas

Que teñen as torres ameadas de Meirás, neste tempo de pandemias e futuros incertos, para seguir sendo noticia? Meirás resoa cada día en medios e voces de diversa natureza. Proliferan as mensaxes e emerxen novos debates. Este breve artigo pretende sintetizar esa abundancia de informacións en torno a cinco preguntas e catro respostas.

Que é o Pazo de Meirás? Un complexo arquitectónico representativo de moitos momentos históricos diferentes, que foron deixando pegada nas súas pedras. Con especial notoriedade en tres deses momentos. Creación arquitectónica dunha figura central das letras como foi Emilia Pardo Bazán, que fixo das Torres escenario de traballo, de vida e de encontro. Epicentro estival do poder nunha ditadura que amordazou a sociedade durante corenta anos. Símbolo da impunidade do franquismo nos corenta anos seguintes, exemplo palpable e doloroso das pervivencias en democracia de estruturas e privilexios orixinados naquela ditadura. Hoxe o Pazo de Meirás é, sobre todo, iso: un símbolo asociado ao franquismo e a Franco.

Por que o Pazo de Meirás é propiedade pública? Polo seu vínculo coa xenial autora de La Tribuna? As razóns que fundamentan a decisión da maxistrada Marta Canales para determinar que se trata dun patrimonio do Estado son outras. Se o ditador –e despois a súa descendencia– posuíron Meirás foi en base a unha escritura de compra-venda fraudulenta. O inmoble xa fora vendido pola mesma propietaria tres anos antes a unha Junta Pro-Pazo del Caudillo que pretendía facer doazón ao Xefe do Estado. A este negocio simulado súmase a outra razón de peso. Malia á súa inscrición como propiedade particular, o Estado consideraría o Pazo de Meirás como un edificio público, asumindo as administracións os costes da súa xestión, uso e obras de mellora.

Como se conseguiu que o Pazo de Meirás chegase a ser propiedade pública? O triunfo que representa rematar con ese símbolo de impunidade foi produto dun longo proceso de reivindicación colectiva. Unha loita cimentada no coñecemento do pasado, na indignación que producía saber que a adquisición do Pazo fora financiada a través de coaccións á veciñanza e que, para que chegase ás mans de Franco, empregáranse procedementos represivos. A historia teceu un relato documentado e ordenado do que acontecera e os movementos sociais conseguiron crear unha opinión favorable á devolución do inmoble. O debate foi sumando novos axentes, construíndo consensos impensables pouco tempo antes, arrastrando aos reticentes cara á única posición defendible desde un punto de vista ético. Finalmente, o Estado decidiu iniciar o percorrido xudicial que nos leva ata aquí.

Por que considero que a sentenza última da Audiencia Provincial é inasumible? Porque, se ben ratifica que o Pazo é propiedade pública –e, á marxe doutros aspectos tamén cuestionables–, realiza interpretacións que deforman o pasado cun obxectivo: negar a mala fe por parte de Franco e da súa familia na posesión do inmoble. Os mesmos que se valeron dun fraude para herdar unha propiedade sostida con fondos públicos. Os mesmos que se beneficiaron da posesión ilexítima dun edificio adquirido mediante abusos sobre unha poboación aterrorizada. Esta negación da mala fe implica ter que compensalos economicamente polos gastos realizados desde 1975 sen que eles deban retribuír nin un céntimo do beneficio ilícito de ter posuído algo que non lles correspondía. Por iso, cando o Estado anunciou a decisión de non recorrer, volveron agromar o debate e a mobilización cidadá. Cun resultado, novamente, satisfactorio. Cando menos desde o punto de vista da saúde democrática: hai recurso de todas as administracións implicadas. A decisión do Tribunal Supremo non a podemos aventurar, mais xa non será produto de non ter feito o suficiente.

Entre tanto, esa última pregunta, propiciatoria de novos debates. Cal debe ser o futuro do Pazo de Meirás? Déixoa aberta á intelixencia reflexiva do público lector, non sen advertir que, ao meu ver, a súa resposta non poderá estar desligada do que hoxe representa a silueta das tres torres, como símbolo dunha ditadura e da ruptura desexada co noso pasado máis incómodo.

Comentarios