Opinión

Vítimas do terrorismo de Estado

En xullo de 2011 o Congreso aprobaba a nova Lei de Vítimas do Terrorismo e o Consello de Ministros do pasado 6 de setembro aprobaba un regulamento para o desenvolvemento da citada lei. Este regulamento, que recolle alegacións presentadas por algunhas asociacións, amplía as indemnizacións (dedica 77 millóns de euros para as axudas) e ten un carácter retroactivo desde 1960.

En xullo de 2011 o Congreso aprobaba a nova Lei de Vítimas do Terrorismo e o Consello de Ministros do pasado 6 de setembro aprobaba un regulamento para o desenvolvemento da citada lei. Este regulamento, que recolle alegacións presentadas por algunhas asociacións, amplía as indemnizacións (dedica 77 millóns de euros para as axudas) e ten un carácter retroactivo desde 1960.

Segue sen abordarse o auténtico problema de fondo: a lei non fai referencia, nin contempla indemnización algunha para as vítimas do peor dos terrorismos, o terrorismo de Estado, que padecemos durante corenta anos de ditadura, e da represión que continuou despois das primeiras eleccións democráticas do 15 de xuño de 1977. É un tema que tampouco se abordou despois da morte do ditador Franco porque cumpriuse o que dicía Juan Gelman, poeta arxentino e Premio Cervantes 2007: “Después de los dictadores vienen los organizadores del olvido”. Así foi como os patrocinadores da chamada Transición comprometéronse nun pacto de silencio a esquecer ás vítimas do terrorismo fascista.

"A lei non fai referencia, nin contempla indemnización algunha para as vítimas do terrorismo de Estado, que padecemos durante corenta anos de ditadura, e da represión que continuou despois"

A Lei de Amnistía de 1977 converteuse nunha “Lei de punto final” para todas as persoas que participaron na represión do pobo. Os crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo, que non prescriben, segundo o dereito internacional, quedaron na impunidade e non foron xulgados. Manuel Fraga, por exemplo, tivo moita sorte porque se chega a nacer en Berlin, e non en Vilalba, como ministro de Hitler podería habería sido xulgado e condenado, xuntamente con outros criminais nazis. Aquí, despois de estar no Consello de Ministros da ditadura, firmando con Franco penas de morte e dirixindo a represión como ministro da Gobernación, continuou a súa carreira política, sen condenar nunca o réxime franquista. A “humanidade” de Fraga quedou patente en numerosas ocasións, como en 1962, con motivo das folgas mineiras en Asturias, que chamou “piojosas” ás mulleres dos obreiros, que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo.

"Cómpre a difusión destes nomes, que non aparecen nas estatísticas oficiais, para honrar a súa memoria e esixir verdade, xustiza e reparación"

As familias das persoas que desde 1968 foron vítimas de atentados de organizacións terroristas merecen respecto e consideración. Alégrome que melloren as indemnizacións que van recibir. Mais xa é hora de que as institucións fagan un recoñecemento público, recollido nunha lei, da existencia de centos de miles de vítimas do terrorismo de Estado, entre elas máis de 5.000 galegas e galegos asasinados polo franquismo.

A represión continuou despois da morte de Franco. Nun folleto editado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, titulado O “camarada Fraga” e as vítimas da represión franquista, recolliamos unha relación desas vítimas entre 1969 e 1981. É unha lista moi reducida,  que non inclúe numerosos mortos producidos por atentados do Batallón Vasco Español, Triple A, Gal, grupos de ultradereita e fascistas, etc, nin os producidos en controis policiais ou asasinatos de guerrilleiros. Cómpre a difusión destes nomes, que non aparecen nas estatísticas oficiais, para honrar a súa memoria e esixir verdade, xustiza e reparación.

Algunhas vítimas do terrorismo de Estado e da represión

29-10-1969. Josu Murueta e Antonio Fernández, morren polos disparos das Forzas de Orden Público (FOP) nunha manifestación de protesta ecolóxica contra a contaminación atmosférica en Erandio.

14-3-1970. Javier Escalada falece nun hospital de Iruña (Pamplona) a consecuencia das feridas despois da súa detención nunha manifestación de estudantes contra a nova Lei de Educación, e pasar por comisaría.

21-7-1970. Antonio Huertas Remigio, Cristobal Ibáñez Encinas e Manuel Sánchez Mesa, obreiros da construción, son asasinados en Granada nunha manifestación por disparos da policía.

4-12-1970. Roberto Pérez Jaúregui, obreiro metalúrxico de 21 anos, militante do PCE (i) morre en Eibar polos disparos da policiía nunha manifestación de protesta contra o “Xuízo de Burgos”.

13-9-1971. Pedro Patiño morre por disparos da Garda Civil cando repartía octavillas convocando unha folga da construción.

18-10-1971. Antonio Ruiz Villaba morre polos disparos da policía contra os traballadores durante a folga de SEAT.

10-3-1972. Amador Rey e Daniel Niebla, obreiros da Bazán de Ferrol, son asasinados polas FOP nunha manifestación reivindicativa do convenio. Houbo decenas de feridos de bala.

8-4-1973. Manuel Fernández Márquez, militante do PSUC e CCOO morre cando a Garda Civil ametralla unha manifestación de 2.000 obreiros na porta da central térmica de Sant Adriá de Besós.

17-9-1973. Cipriano Martos, obreiro da construción de 23 anos e militante do PCE (M-L) é asasinado en Reus pola Garda Civil mediante tortura, despois de ser obrigado a beber o contido dun coctel molotov.

24-10-1973. Victoriano Diego Gómez, obreiro afiliado a Oposición Sindical Obrera (OSO), é asasinado pola policía cando repartía octavillas na fábrica de CASA en Madrid.

20-12-1973. Pedro Barrios, de 19 anos, é confundido en Madrid cun activista de ETA e morre quince días despois a consecuencia dos disparos da policía.

2-3-1974. Salvador Puig Antich, anarquista de 25 anos, é asesinado a garrote vil no cárcere Modelo de Barcelona.

1-8-1974. Miguel Roldán Zafra morre en Carmona (Sevilla) a consecuencia dos tiros da Garda Civil contra unha manifestación de vecinos que pedían auga.

20-1-1975. Víctor Manuel Pérez Elexpe, mozo de 24 anos e militante do Partidos dos Traballadores de España (PTE), asasinado en Portugalete polos disparos dun Garda Civil cando repartía octavillas de apoio á folga xeral de Navarra en solidariedade cos traballadores de Potasas de Navarra.

1-5-1975. Manuel Montenegro, traballador de 48 anos, morre cando a Garda Civil dispara contra unha manifestación de traballadores na planta de Fenosa en Teis (Vigo).

12-8-1975. Moncho Reboiras, militante da UPG, é asasinado pola policía en Ferrol.

31-8-1975. Jesús García Ripalda, mozo de 23 anos e militante do Movemento Comunista de Euskadi (EMK), é asasinado polos disparos dun sarxento da Policía Armada cando levaba unha pancarta en solidariedade con Txiki e Otaegi. 

27-9-1975. Jon Paredes “Txiki”, Ángel Otaegi, militantes de ETA; José Humberto Baena, Ramón García Sanz e José Luis Sánchez Bravo, militantes do Frente Revolucionario Antifascista e Patriótico (FRAP), son fusilados despois dun xuízo-farsa sumarísimo.

31-10-1975. Antonio González Ramos, militante do Partido de Unificación Comunista de Canarias (PUCC), morre en Santa Cruz de Tenerife despois das torturas en comisaría dun inspector de policía.

24-2-1976. Teófilo del Valle morre por disparos da policía durante unha manifestación de apoio aos traballadores do calzado en Elda (Alacant)

3-3-1976. Romualdo Barroso, Francisco Aznar, Pedro Martínez Ocio, José Castillo e Bienvenido Pereda, traballadores asasinados por disparos da policía en Gazteiz (Vitoria), cando saían dunha asamblea nunha igrexa. Houbo centos de feridos.

5-3-1976. Juan Gabriel Rodrigo, de 19 anos, morre en Tarragona cando cae desde unha azotea, despois de fuxir da policía durante unha manifestación de protesta polos asasinatos de obreiros en Vitoria (“Vitoria hermanos, nosotros no olvidamos”).

6-4-1976. Oriol Solé Sugranyes, anarquista de 28 anos do Movemento Ibérico de Liberación (MIL) é asesinado a tiros pola Garda Civil en Burguete (Navarra) cando tentaba chegar a Francia despois da fuxida do cárcere de Segovia.

9-5-1976. Ricardo García Pellejero e Aniano Jiménez Santos, carlistas, son asasinados por fascistas en Montejurra.

12-6-1976. Alberto Soliño, veciño de Pasaia, morre en Eibar por disparos da Garda Civil, cando saía do III Certame da Canción Vasca.

9-7-1976. María Norma Mentxaka Gonzalo “Normi”, é asasinada en Santurtzi por elementos fascistas que dispararon contra os participantes nunha manifestación pro-amnistía.

14-8-1976. Javier Verdejo Lucas, estudante de 19 anos e militante da Joven Guardia Roja, é asesinado pola Garda Civil en Praia de San Miguel de Almería cando realizaba unha pintada coa consigna “Pan, Trabajo y Libertad”

8-9-1976. Josu Zabala morre por disparos da Garda Civil nunha manifestación pro amnistía nas festas de Hondarribia.

22-9-1976. Bartolomé García Lorenzo, estudante de 21 anos e militante do Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC) morre por disparos da policía, que asaltaron a súa casa en Santa Cruz de Tenerife.

27-9-1976. Carlos González Martínez, estudante de 21 anos, é asasinado en Madrid por un grupo de fascistas nunha manifestación convocada pola Coordinadora pro Amnistía para lembrar os fusilados do ano anterior.

28-11-1976. Santiago Novas, de 21 anos, e José Javier Nuin, de 18 anos, morren (o primeiro no acto e o segundo quince días despois) a consecucuencia dos disparos dun garda civil de paisano en Santesteban (Navarra). 

15-12-1976. Ángel Almazán Luna é apaleado pola policía nunha manifestación a favor da abstención no referéndum da Ley para a Reforma Política. Morre cinco días despois.

7-1-1977. José Vicente Casabany, traballador de Aisina, morre en Chirivella (Valencia) a consecuencia dun ataque cardiaco, despois de participar nunha manifestación de traballadores reprimida pola policía.

9-1-1977. Juan Manuel Iglesias, de 15 anos, morre en Sestao por insuficiencica cardio-vascular, cando fuxía dunha carga policial contra unha manifestación pro amnistía.

23-1-1977. Arturo Ruiz García, de 19 anos, estudante e traballador da construcción, é asasinado en Madrid polo grupo ultradereita Alianza Apostólica Anticomunista (Triple A), que disparan contra unha manifestación pro amnistía. 

24-1-1977. Francisco Javier Sauquillo, Luis Javier Benavides, Serafín Holgado, Enrique Valdevira e Ángel Rodríguez, que traballaban no despacho de avogados laboralistas de Atocha (Madrid) de CCOO, son asasinados por un grupo de pistoleiros fascistas.

24-1-1977. María Luz Nájera, estudante de 21 anos, morre en Madrid alcanzada por un bote de fume da policía nunha manifestación de protesta pola morte de Arturo Ruiz.

24-2-1977. Francisco Egea, traballador da construción, morre polos disparos da policía en Cartaxena (Murcia) nunha manifestación conxunta de obreiros da construción e do metal. 

13-3-1977. José Luis Aristizabal Lasa, de 20 anos, morre en Donostia por disparo  dunha bala de goma pola policía nunha manifestación pro amnistía.

20-3-1977. Ángel Valentín Pérez, obreiro da construción de 24 anos, morre en Barcelona despois das navalladas que recibe dun dun grupo de ultradereita durante unha manifestación.

30-3-1977. Isidro Susperregi Aldako, militante de Acción Nacionalista Vasca (ANV), de 68 anos, morre en Donostia a consecuencia dun pelotazo de goma da policía recibido dos semanas antes nunha manifestación.

12-5-1977. Rafael Gómez Jaúregui, de 68 anos, morre por disparos das Forzas de Orde Pública (FOP) en Rentería, na semana pro amnistía.

13-5-1977. José Luis Cano Pérez, de 28 anos, morre en Pamplona por disparo dun cabo da policía nunha manifestación pro amnistía.

14-5-1977. Manuel Fuentes Mesa, afiliado a CCOO, morre en Ortuella (Bizkaia) por disparos da Garda Civil cando saía de cear nun restaurante cun grupo de amigos.

14-5-1977. Luis Santamaría Mikelena, de 72 anos, morre en Pamplona de infarto a consecuencia do shock sufrido cando estaba no balcón da súa casa, que recibiu varios impactos de bala. 

15-5-1977. Francisco Javier Fernández Núñez, de 38 anos, é obxecto dunha paliza da policía. Cando dous días despois presenta unha denuncia no xulgado é retido por un grupo de “incontrolados” que lle obrigan a inxerir unha botella de coñac e outra de aceite de ricino, falecendo varios días despois por  unha forte afección de cirrose hepática.

24-5-1977. Gregorio Maritxalar Ayestaran, de 72 anos, morre en Rentería a consecuencia dunha bala da policía cando estaba no balcón da súa casa e a policía reprimía unha manifestación pro amnistía. 

16-9-1977. Gustavo Frecher morre en Barcelona despois de que cinco días antes unha bala de goma da policía destrozase a súa cabeza nunha manifestación para celebrar a Diada Nacional de Cataluña.

20-9-1977. Juan Peñalver Sandoval, morre en Barcelona despois da explosión dunha bomba colocada por elementos fascistas na redacción da revista satírica “El Papus”.

30-9-1978. Antonio Carrión, mecánico de 42 anos, aparece calcinado en Navalcarnero (Madrid). O autor do asesinato foi o utradereitista José Luis Magaña López.

4-12-1977. Manuel José García Caparrós, afiliado a CCOO e militante do PCE, morre en Málaga por disparos da policía nunha manifestación a favor da autonomía andaluza.

13-12-1977. Javier Fernández Quesada, estudante de 22 anos, morre na universidade de  La Laguna polos disparos da policía nunha manifestación de apoio a unha convocatoria de folga xeral.

4-1-1978. Francisco Rodríguez Ledesma, albanel de 56 anos e afiliado a CCOO, morreu como consecuencia das graves feridas provocadas polos disparos da policía que disolvía o 8 de xullo de 1977 unha concentración en Sevilla de protesta contra o expediente de regulación de emprego da empresa textil Hytasa. O gobernador explicou que a policía só fixo “disparos ao aire”.

14-3-1978. Agustín Rueda, preso anarquista, asasinado no cárcere de Carabanchel, despois das torturas e interrogatorios sobre un túnel descuberto nesa prisión.

21.4-1978. Elvira Pracero Rodríguez, de 22 anos, morre a consecuencia dun derrame cerebral, provocado polos golpes que recibiu da policía nunha manifestación en Vigo de traballadores de Ascón.

5-5-1978. José Luis Escribano, afiliado a CCOO, morre nun bar de  Soria por catro disparos dun policía nunha discusión política.

8-7-1978. Germán Rodríguez morre en Iruñea (Pamplona) a consecuencia dos disparos da policía nas festas dos Sanfermines. Horas antes na praza de touros despregouse unha pancarta reivindicativa “Amnistía total”.

11-7-1978. Joseba Barandiaran morre en Donostia por disparo da policía nunha manifestación de protesta pola morte de Germán Rodríguez.

11-9-1978. Gustavo Muñoz de Bustillo, de 17 anos, morre polos disparos da policía nunha manifestación con motivo da Diada Nacional de Cataluña.

27-9-1978. Manuel Medina Ayala, militante do PCE, morre en Sevilla polas navalladas dun grupo ultradereitista nun acto de solidariedade co pobo chileno.

30-10-1978. Andrés Fraguas Fernández, de 19 anos, conserxe do xornal El País, morre cando fai explosión un paquete bomba na portería, colocado por un comando ultradereitista. 

20-4-1979. Juan Carlos Delgado de Coes, do PCE (r) morre en Madrid por disparos de policía da Brigada Central de Información á saída do metro de Lavapiés.

4-3-1979. Ursino Gallego, de 14 anos, morre en Parla (Madrid) polo impacto dunha  bala de goma que dispara a policía nunha manifestación veciñal convocada baixo o lema “Queremos agua”.

29-4-1979. Andrés García, estudante e membro das Juventudes Comunistas, morre a consecuencia das navalladas de fascistas do Frente de la Juventud, escisión de Fuerza Nueva.

3-6-1979. Gladys del Estal Ferreño, ecoloxista donostiarra de 23 anos, morreu polo tiro na cabeza dun Garda Civil nunha sentada celebrada en Tudela (Navarra) na Xornada Internacional contra a Enerxía Nuclear. Por este asasinato o Garda Civil foi condenado a ano e medio de cárcere “por imprudencia”, que non chegou a cumprir integramente.

25-6- 1979. Valentín González, militante da CNT de 20 anos, morre en Valencia polo impacto dunha bala de goma no peito, disparada pola policía, a curta distancia, na folga do Mercado de Abastos. 

29-6-1979. Teodora Sánchez, de 78 anos, morre en Rentería, atropellada por un coche policial, que circulaba a gran velocidade en dirección prohibida para reprimir unha manifestación.

15-7-1979. Salomé Alonso, de 28 anos, morre no barrio madrileño de Malasaña pola explosión dunha bomba colocada por un grupo ultradereitista nun bar.

31-8-1979. José Prudencio García, de 44 anos, é asasinado en Arganda del Rey (Madrid) por un grupo de ultradereitistas de Fuerza Nueva. 

1-9-1979. Ignacio Quijera, de 18 anos, morre por disparos da policía nunha manifestación en Donostia (San Sebastián) pro refuxiados vascos,

13-9-1979. José Luis Alcazo, de 25 anos, é asesinado a golpes de bates de beisbol no parque madrileño do Retiro por un grupo de ultradereita.

20-9-1979. Valeriano Martínez Pérez, de 44 anos, morre en Oviedo por disparos da Garda Civil durante un enfrontamento dun piquete de folguistas do transporte coas FOP.

9-12-1979. Manuel Álvarez Blanco, de 69 anos, e Victoria Arranz, de 64 anos, morren na sede de Valladolid do Movemento Comunista (MC) a consecuencia dun incendio provocado por un grupo ultradereitista.

13-12-1979. Emilio Martínez e José Luis Montañés, estudantes, morren por disparos da policía en Madrid na manifestación contra a Lei de Autonomía Universitaria (LAU).

2-2-1980. Yolanda González Martín, estudante de 19 anos, do Partido Socialista dos Traballadores (PST) é asasinada a tiros en Madrid nun atentado reivindicado polo Batallón Vasco Español (BVE).

10-2-1980. Vicente Cuervo Calvo, de 22 anos, asasinado por un pistoleiro fascista en Madrid durante unha protesta contra un acto organizado pola ultradereitista Fuerza Nacional del Trabajo (FNT) no barrio madrileño de Vallecas.

15-4-1980. Jorge Caballero Sánchez, traballador de Agromán e militante da CNT de 21 anos, foi atacado en Madrid con bates de beisbol e machetes por membros de Fuerza Nueva o 28 de marzo, morrendo quince días despois. En 1987 algúns dos fascistas foron xulgados polo xuíz Carlos Entrena (antigo membro do Tribunal de Orde Público franquista) por “desordes públicos” e non por asasinato.

19-4-1980. Felipe Sagarna Ormazábal, de 42 anos, zapateiro e simpatizante de Herri Batasuna, é asasinado de dous tiros na cabeza en Hernani polo Batallón Vasco Español.

1-5-1980. Arturo Pajuelo Rubio, traballador de CASA, dirixente da asociación de veciños de Orcasitas e militante do Movemento Comunista (MC), morre en Madrid polas navalladas dun grupo de fascistas, que atacaron ás persoas ao finalizar a manifestación do 1º de Maio.

6-5-1980. Juan Carlos García Pérez morre dun balazo cando unha treintena de ultradereitistas do grupo Primera Línea de Fuerza Nueva arrasan un bar de Ciudad Lineal de Madrid -ao grito de ¡Viva Cristo Rey!- que era frecuentado por obreiros, despois dunha manifestación de protesta polo asasinato de Arturo Pajuelo.

6-9-1980. José España Vivas, militante do PCE (r) de 25 anos e veciño de Alcalá de Henares, morre no hospital ao día seguinte de ser detido e sufrir tortura na Dirección Xeral de Seguridade en Madrid.

30-11- 1980. Juana Caso e José Muñoz son asasinados en Barcelona por Salvador Durán, xefe comarcal de Fuerza Joven que, segundo as declaracións do dirixente fascista, confundiu con membros do Ateneo Libertario de Mataró. As armas do crime foron facilitadas por gardas civís.

30-12-1980. Francisco José Rodríguez López, de 21 anos, morre en Valencia polos disparos do ultradereitista José Palazón Sánchez.

10-5-1981. Juan Mañas, Luis Montero e Luis Manuel Cobo, mozos de Santander, asasinados en Almería cando se desplazaban para asistir a unha celebración familiar.   

Comentarios