Opinión

O perverso goberno de Feixoo: pésima xestión da pandemia

Feixoo vai de campión, pero vou describir, brevemente, algúns aspectos da súa pésima xestión da pandemia, recollidos en numerosas informacións nestas páxinas.

Política de recortes e privatizacións, que deron lugar á situación actual, como denunciaba a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública: redución do orzamento de sanidade en máis de 1.000 millóns de euros; perda de 800 camas nos complexos hospitalarios entre 2010 e 2014; temos 3,33 camas por 1.000 habitantes cando a media comunitaria é de 5.04; nas UCI de Galiza hai 5,92 camas por 100.000 habitantes e 8,28 no Estado español; redución de 1.121 prazas de persoal sanitario.

Falta de equipos de protección de traballadoras e traballadores. O 28 de abril aínda houbo concentracións de traballadoras reclamando probas da COVID-19 a todo o persoal e a 16 de maio había 2.066 positivos.

Actuación irresponsábel nas residencias para maiores, cando a Xunta coñecía desde 2017, cando menos, as graves deficiencias das residencias privadas, segundo informe do Consello de Contas. Despois de detectarse o primeiro caso na residencia de Celanova, un mes despois aínda había 39 positivos e as familias denunciaban que “seguen sen dispor de persoal médico e de enfermería residente”. Na residencia DomusVi San Lázaro a Xunta tardou catro días en autorizar a hospitalización de residentes, segundo a propia directora, finalmente trasladados a HM Rosaleda. O goberno de Feixoo rexeitou o traslado a centros hospitalarios de grandes dependentes. A asociación de familiares informaba que nesa residencia houbo 37 traballadoras positivas e, de 150 persoas residentes, 116 quedaron infectadas. A Xunta daba unha cifra oficial de 22 falecidos, cando foron 53 porque “non contaron os que deixaron morrer na residencia” (223 en toda Galiza, que non foron hospitalizadas).

Represión do persoal sanitario por criticar a actuación da Xunta, cesando a unha xefa de servizo de Vigo e ao director da residencia de maiores de Molgas, que declaraba: “A Xunta actuou tarde e mal porque hai que detectar de forma precoz os casos positivos na residencias, que non son hospitais e hai que derivar eses enfermos a centros onde se lles ofreza atención sanitaria”.

As residencias privadas son un gran negocio, en conivencia coa Xunta, controlado por fondos de investimento estranxeiros. Hai 247 residencias para maiores con 16.431 prazas (77,21%) e só 74 públicas con 4.838 prazas (22,8%). DomusVi (a súa máxima responsábel Josefina Fernández recibía en 2016 de Feixoo a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Vigo) ten 21 centros en Galiza e declarou un beneficio de 197 millóns de euros en 2017. A Fundación San Rosendo, patrocinada polo bispado de Ourense, con 67 centros e 3.600 prazas, está dirixida por persoas próximas ao PP e recibía de Fraga a Medalla Castelao. O 45% das falecidas pola COVID-19 (620) son de residencias para maiores. A precariedade laboral nas privadas e ter como obxectivo a consecución de beneficios, provoca que estes centros sexan os máis afectados pola pandemia.

Organizacións do persoal sanitario e familiares de residentes denunciaron ante a Fiscalía a situación destas residencias: “Non só e a COVID-19 a que mata ás anciáns, senón tamén a imprudencia, o abandono, a neglixencia e a falla de auxilio practicado ás vítimas”. A Fiscalía mantén abertos seis procesos contra residencias e investiga deficiencias en oito.

Feixoo mantén pechados os centros de día que afecta a máis de 14.000 familias e, ante a contestación social, anuncia que se poderá pedir cita para atención individual. Por outra parte, reclama protocolos de actuación ao Goberno central en caso de rebrote, cando ten todas as competencias.

A CRTVG é o aparato de propaganda de Feixoo. Aproveitou este medio público para dar máis de 40 “mitins” desde a declaración do estado de alarma. O Comité Intercentros denunciaba a “manipulación informativa”, cualificando a cobertura da pandemia como “un irresponsábel e trapalleiro exercicio de precampaña electoral ao servizo do candidato Feixoo”.

Comentarios