Opinión

Pedro Barrié e Alfonso Molina non son coruñeses exemplares

P edro Barrié de la Maza ten unha placa na fachada da casa natal na praza de María Pita, que o cualifica como "ejemplar coruñés".
Tivo un papel destacado no financiamento do exército de Franco en 1936 e as chamadas "doazóns patrióticas" do Banco Pastor acadaron 454.888 pesetas no período 1936-1939. Como director do Banco Pastor, Barrié participou na represión con seis despedidos e 51 sancionados, e na información ao Gobernador Civil facía referencia á "labor depuradora que esta entidad realiza entre su personal". 

Promotor da Junta pro Pazo del Caudillo para a adquisición do pazo de Meirás por 450.000 pesetas, foi tamén unha peza clave para que a Casa Cornide, parte do patrimonio público, acabe como propiedade de Carmen Polo, esposa de Franco. 
Como agradecemento aos servizos prestados á ditadura, Franco concedeulle o título de Conde de Fenosa e foi nomeado procurador nas Cortes franquistas (1946-1967).

O informe sobre Barrié do Instituto José Cornide para o Consello da Memoria Democrática conclúe: "Deben ser retirados os honores a persoas que tiveron un papel destacado no apoio aos sublevados en 1936 e na represión de traballadores da entidade que presidía polo que se lle deben retirar os honores concedidos: substitución da denominación da avenida que leva o seu nome, a retirada de Fillo Predilecto e tamén o seu retrato".

Alfonso Molina Brandao ten unha placa na casa natal en Porta Real da Coruña, que o define como "coruñés ejemplar".
Despois do 18 de xullo de 1936 serviu no exército sublevado como tenente honorífico de enxeñeiros. Nomeado presidente da Cámara da Propiedade da Coruña en outubro de 1936 até 1943, procedeu á depuración do persoal. Foi suspendido de emprego e soldo o arquitecto José Caridad Mateo, fillo do xeneral Caridad Pita, fusilado polos golpistas.

Como presidente da Cámara favoreceu a recadación (73.876 pesetas até agosto de 1938) para doar o Pazo de Meirás a Franco. Como enxeñeiro da Deputación dirixiu traballos no pazo financiados pola propia Deputación e como alcalde puxo medios municipais a disposición do ditador para realizar traballos de reforma e rehabilitación no pazo.

Foi nomeado alcalde polo ditador Franco desde 1947 até 1958 e procurador nas Cortes franquistas.

Como concelleiro participou na represión. A Comisión Permanente de 19 de agosto de 1938 acordaba separar a Luís Vidal Ogén do cargo de Practicante da Beneficiencia Municipal, despois do expediente instruído pola Inspección Provincial de Sanidade para depurar a súa "actuación social e política".

Sinala o citado informe que "polo seu papel como presidente da Cámara da Propiedade, que o implica directamente en actividades represoras, se lle debe retirar os honores concedidos: título de Fillo Predilecto, Medalla de Ouro, cambiar o nome da avenida, retirar o monólito en Porta Real e o seu retrato".

Pedro Barrié e Alfonso Molina non son coruñeses exemplares, senón franquistas ao servizo dunha ditadura criminal.

Comentarios