Opinión

Operación Zeta: así conseguiu o PP a alcaldía da Coruña

A chamada Operación Zeta (a Policía colle o nome da primeira academia de Gerardo Crespo, principal implicado) desvela cousas sobre o PP que non son nada novas, pero aparece tamén informacións moi interesantes, resultado dos rexistros e dos pinchazos de teléfonos, que poñen ao descuberto toda unha estratexia, perfectamente planificada, para conquistar a alcaldía da Coruña.

A chamada Operación Zeta (a Policía colle o nome da primeira academia de Gerardo Crespo, principal implicado) desvela cousas sobre o PP que non son nada novas, pero aparece tamén informacións moi interesantes, resultado dos rexistros e dos pinchazos de teléfonos, que poñen ao descuberto toda unha estratexia, perfectamente planificada, para conquistar a alcaldía da Coruña.

"Crespo é un destacado militante do PP e mantiña excelentes relacións coa cúpula dirixente do partido a todos os niveis: na Coruña con Carlos Negreira , con Romay Beccaria, Diego Calvo, Beatriz Mato, etc".

Como xa quedou demostrado nos casos Gürtel, Camps, Bárcenas etc, o PP tivo durante anos un financiamento ilegal. Isto xa non é unha opinión persoal, senón un feito demostrado pola propia investigación da Policía e corroborado polos xuíces. Recentemente coñecemos que co diñeiro negro, e a través dunha caixa B, o PP pagaba sobresoldos aos dirixentes, financiaba campañas electorais e até pagaba 1,7 millóns de euros da reforma da propia sede central da rúa Génova de Madrid. Están imputados por delitos de corrupción varios tesoureiros como Álvaro Lapuerta e Bárcenas, secretarios xerais como Álvarez Cascos e Acebes, e a actual secretaria xeral María Dolores de Cospedal tamén parece implicada no financiamento da súa campaña electoral en Castela-A Mancha a través de 200.000 euros entregados por unha empresa pola concesión do servizo de recollida do lixo en Toledo. O ex–ministro Jaume Matas está no cárcere e en breve ingresará Fabra, ex–presidente da deputación de Castellón. Con todo isto, o PP pretende presentarse como o abandeirado da rexeneración democrática. Manda carallo!

A Operación Zeta demostra a existencia dunha caixa B. Nun correo enviado a Crespo, dicía a directora da área financeira: “Como que caja B, caja B, será top secret de la KGB…Je, je”. Ese diñeiro negro serviu, entre outras cousas, para facer doazóns de 17.000 euros ao PP. Crespo chega a declarar: “Me dan dos cursos y me piden 6.000 euros para el PP, tómalos”. E ese diñeiro negro servía tamén para pagar favores e facer regalos a altos cargos, funcionarios e familiares. A entrega de sobres con diñeiro era habitual e unha secretaria dicía nunha conversa telefónica: “Se llevaron sobres a la Diputación y también a Madrid, que a ese le siguen untando los 3.000”.

Crespo é un destacado militante do PP e mantiña excelentes relacións coa cúpula dirixente do partido a todos os niveis: na Coruña con Carlos Negreira (alcalde da Coruña), con Romay Beccaria (ex–senador e hoxe presidente do Consello de Estado), Diego Calvo (presidente da Deputación, que aparece como “correo” ou intermediario, o mesmo que na Pikachu, para facilitar as operacións de corrupción), Beatriz Mato (conselleira de Traballo, elixida por Crespo como “Coruñés del año”) etc.

Estas boas relacións permitíronlle a Crespo conseguir 20 millóns de euros de subvencións (15 da Xunta de Galicia) para realizar cursos de formación a través de empresas pantasmas ou relacionadas con autónomos e discapacitados. Tiña en nómina a altos cargos da administración e actuaba como unha auténtica axencia de colocación que recibía peticións de enchufe de dirixentes do PP e de altos funcionarios.

<"Para chegar á alcaldía da Coruña o PP deseñou unha estratexia de longo alcance. Montou unha serie de asociacións de veciños en distintos barrios da cidade, que despois ían agrupando na chamada Federación de Asociacións de Veciños Salvador de Madariaga".

Para chegar á alcaldía da Coruña o PP deseñou unha estratexia de longo alcance. Montou unha serie de asociacións de veciños (nalgúns casos sen local, nin socios) en distintos barrios da cidade, que despois ían agrupando na chamada Federación de Asociacións de Veciños Salvador de Madariaga. Á marxe das asociacións de veciños existentes, algunhas con corenta anos de traballo asociativo e reivindicativo, crearon outra asociación no Castrillón que presidía Francisco Mourelo, hoxe concelleiro de Educación no goberno municipal do PP. En Monte Alto militantes do PP promoveron unha candidatura nas eleccións da xunta directiva, tiveron un fracaso rotundo (13 votos, fronte a 70 da candidatura gañadora) e pouco despois montaron unha “agrupación de veciños e comerciantes”. Foron recompensados con 8.000 euros de subvención polo goberno do PP, mentres intentaron acabar coa asociación histórica do barrio, retirando unha subvención para unha biblioteca, aberta para todas as veciñas e veciños de Monte Alto. Desde o goberno municipal do PP fan contraprogramación, como denunciaron varias asociacións de veciños, subvencionando festas paralelas, cando xa existían outras cunha forte tradición.

O PP botaba man de todos os efectivos posíbeis para desgastar o goberno municipal PSOE-BNG. Así, o 2 de abril de 2009 constituíase outra nova plataforma, formada por medio centenar de entidades, que se marcaba como principais obxectivos “la defensa a ultranza de la ciudad” e “despertar el espíritu coruñés”. Entre as participantes, ademais de varias asociacións de veciños da Federación Salvador de Madariaga, estaban outras entidades: Centro de Estudios Poder Limitado, Asociación de Familias Numerosas, Asociación de Palilleiras, Caballeros de María Pita, Veteranos de las Fuerzas Armadas, Armada Invencible etc. Cando o PP conquista a alcaldía, desactiva a Federación Salvador de Madariaga como elemento reivindicativo e, practicamente, fai desaparecer as plataforma cívicas que promoveu.

Nesta ofensiva do PP para conquistar a alcaldía da Coruña xogaron un importante papel algunhas das persoas que agora aparecen na Operación Zeta. Gerardo Crespo, destacado militante do PP na Coruña, era presidente da Asociación de Veciños do Ensanche, vicepresidente da Federación de Asociación de Veciños Salvador de Madariaga, presidente da Liga Cívica Alas Coruña, presidente do Observatorio Cívico, presidente da Asociación de Empresarios Discapacitados de Galicia, promotor  de Liga de Amigos de La Coruña etc. Participou na campaña para a retirada do carril bus e foi tal o seu entusiasmo en apoiar as campañas sobre seguridade do PP, que incluso chegou a promover desde a Asociación de Veciños do Ensanche a creación de Patrullas Cívicas, á marxe da Policía Local e Policía Nacional.  

"Nesta ofensiva do PP para conquistar a alcaldía da Coruña xogaron un importante papel algunhas das persoas que agora aparecen na Operación Zeta".

Juan Sáenz-Chas, estreitamente ligado ao PP e amigo de Carlos Negreira, promoveu entre 2007 e 2011 desde a Federación Salvador de Madariaga que preside, numerosas campañas contra o goberno municipal do PSOE-BNG ou apoiando iniciativas do PP, demandando seguridade nas rúas. Coincidía con Crespo e con Negreira na defensa do nome Juan Canalejo (fascista e fundador da Falanxe coruñesa) para a hospital da Coruña e manifestábase en contra da retirada da simboloxía franquista. Segundo o sumario, recibía sobres, supostamente, e empregados de Crespo quedaban con el no portal da súa casa para entregarlle o diñeiro.

Héctor Cañete, presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, participou tamén activamente na campaña de desgaste do bipartito. Acusaba ao goberno de acoso policial contra os propietarios de bares, cafetería e pubs e promovía una recollida de firmas contra a ordenanza que prohibía fumar. Defende que non se cobre a taxa de terrazas (a recadación do goberno de Negreira é un absoluto fracaso) por ocupación de espazo na vía pública e arremete contra o BNG porque este esixe o cumprimento da ordenanza municipal de terrazas, aprobada no Pleno de marzo de 2013, que non se cumpre. Segundo a investigación policial, a Asociación Provincial de Hostelería, que preside, recibiu 1,6 millóns de euros da Xunta entre 2007 e 2013 e 2,8 millóns de euros a Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (CEHOSGA). Cañete quedaría, supostamente, co 30% do diñeiro público dos cursos de formación que lle encargaba Crespo. No sumario aparecen tamén pagos da caixa B da empresa Azetanet de Crespo por un total de 300.000 euros, que recibía Cañete persoalmente ou o tesoureiro da asociación.

Feijóo e Negreira continúan coa clásica liña argumental do PP: non saben nada.  O enlace, conseguidor ou valedor de Gerardo Crespo en Madrid era Francisco Ramón de Lucas Blanco “Pachi”, parece ser que é unha persoa próxima a Feijóo e que conseguía para Crespo contactos e até entrevistas con ministros. “Pachi” cobraba de  Crespo 2.000-3.000 euros mensuais. Negreira declaraba que “Nosotros sólo tenemos una contabilidade, que es la oficial, y en esa no aparece absolutamente nada”, pero  Chas recomenda a Crespo nunha conversa que diga a Negreira que “he hecho muchas cosas por el PP y he soltado mucha pasta, coño!”.

"Carlos Negreira sempre mantivo unha estreita e afectuosa relación con Gerardo Crespo. Este foi fundamental para a elección de Negreira como alcalde".

No sumario da Operación Zeta aparece unha mensaxe de texto enviado por Chas a Gerardo Crespo: “Es que lo de Carlos tiene huevos. Que me mande montar asociaciones y nombre a ese mierda director de área. ¡Qué huevos!” [estaba enfadado porque traballa na Deputación e deron a outro un posto que el desexaba]. Isto confirma a estratexia do PP e que foi Carlos Negreira quen impulsou todo o proceso de crear asociacións de veciños e plataformas pantasmas. Negreira di que non sabe nada e que nas manifestacións de Chas “no hay credibilidad”.

Carlos Negreira sempre mantivo unha estreita e afectuosa relación con Gerardo Crespo. Este foi fundamental para a elección de Negreira como alcalde. En plena campaña electoral das eleccións municipais de 2011 Crespo escribía un artigo en La Voz de Galicia onde dicía: “El actual alcalde no cuenta con la misma confianza de la ciudadanía que su antecesor, Paco Vázquez. Javier Losada pierde apoyos día a día y el Partido Socialista acusa una grave crisis. Por el contrario, el Partido Popular por fin tiene un candidato con poder en su partido y con un perfil que congrega amistades”.

Crespo escribía estas mensaxes a Negreira: “Me siento amparado y muy feliz del amigo alcalde que tengo” [antes de iniciarse a Operación Zeta]. “Carlos, parezco un proscrito. Ninguno queréis cogerme el móvil. Carlos, escúchame, luego será tarde” [Cando Negreira sabe que a Policía está investigando a Crespo].

Despois de que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, denunciase en agosto de 2010 que a consellería de Traballo concedía ás empresas de Crespo un millón de euros pola súa militancia no PP, Negreira pacta con Crespo a resposta a esa acusación. Crespo consultaba todo con Negreira, até unha nota de prensa de Alas Coruña, como aparece no sumario. E Negreira di que non sabe nada.

Comentarios