Opinión

Non queremos monarquía, herdeira do franquismo

Franco falecía o 20 de novembro de 1975 e dous días despois Juan Carlos Borbón non escatimaba eloxios ao ditador Franco no seu discurso de proclamación como rei de España perante as Cortes: “Una figura excepcional entra en la historia”; “España nunca podrá olvidar a quien como soldado y estadista ha consagrado toda la existencia a su servicio”.

O 22 de novembro cúmprense 45 anos da súa proclamación como rei (1975-2020), unha data que non pode pasar desapercibida. Por iso a plataforma cívica Galiza pola República –en 2014, cando abdica Juan Carlos, convocaba na Coruña unha manifestación unitaria coa participación de máis de 3.000 persoas e en xullo de 2019 realizaba unha concentración na Coruña de rexeitamento da monarquía, coincidindo co 50º aniversario da designación de Juan Carlos polo ditador Franco como o seu sucesor– publica un manifesto pedindo o apoio de organizacións políticas, sindicais, fundacións e asociacións de toda Galiza e invitando a celebrar concentracións en cidades e vilas de Galiza o sábado, 21 de novembro, baixo o lema: “Non queremos monarquía, herdeira do franquismo. Galiza non ten rei. Que devolvan o roubado”.

Subliña o manifesto que a monarquía é herdeira do franquismo: “O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo”.

Sobre os numerosos casos de corrupción e escurantismo dos Borbóns: “Queremos que se investiguen todos os ingresos de Juan Carlos Borbón e de toda a Familia Real e que devolvan todo o adquirido irregularmente”.

O manifesto fala da soberanía de Galiza e do dereito de autodeterminación: “Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español”.

Adianta tamén a República que queremos: “Que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977”.

Hai unha grave pandemia, pero está vixente o dereito de manifestación. Debemos coidar a saúde de todas e todos, participando con máscara e respectando a distancia de seguridade, pero non podemos calar: Non queremos monarquía!

 

 

Comentarios