Opinión

Merecida homenaxe a Domingos Merino

O martes, 29 de abril, ás 20 horas no Circo de Artesáns da Coruña, Domingos Merino vai recibir unha merecida homenaxe. Foi o primeiro alcalde nacionalista da Coruña elixido democraticamente, que tomaba posesión en abril de 1979 cando tiña 39 anos. Non podemos esquecer que outros alcaldes como Alfonso Molina e José Manuel Liaño Flores foron  nomeados a dedo polos seus servizos á ditadura franquista.

O martes, 29 de abril, ás 20 horas no Circo de Artesáns da Coruña, Domingos Merino vai recibir unha merecida homenaxe. Foi o primeiro alcalde nacionalista da Coruña elixido democraticamente, que tomaba posesión en abril de 1979 cando tiña 39 anos. Non podemos esquecer que outros alcaldes como Alfonso Molina e José Manuel Liaño Flores foron  nomeados a dedo polos seus servizos á ditadura franquista.

"Merino sufriu unha operación de acoso e derribo desde o primeiro día da toma de posesión. Os poderes fácticos da Coruña –capital, igrexa, militares etc– consideraron que era un perigo para os seus intereses"

Merino sufriu unha operación de acoso e derribo desde o primeiro día da toma de posesión. Os poderes fácticos da Coruña –capital, igrexa, militares etc– consideraron que era un perigo para os seus intereses e para a política urbanística especulativa que eles desenvolvían.

Pouco despois da constitución da corporación municipal, o Pleno de 29 de xuño de 1979 iniciaba os traballos do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) que era aprobado inicialmente o 21 de decembro de 1982. Posteriormente os grupos municipais do PSOE e PP impediron o debate e aprobación deste Plan antes de que acabase o mandato desa corporación. Finalmente, ese Plan inicial sufriu importantes modificacións por parte do goberno do PSOE, presidido por Paco Vázquez, para favorecer a construtores e promotores, e foi aprobado polo Pleno o 10 de novembro de 1984 e pola Xunta en xaneiro de 1985.

A chegada da democracia abriu importantes expectativas porque a xestión do alcalde franquista Liaño Flores estivo plagada de escándalos como a desaparición de documentos do avance do Plan Xeral de Ordenación Urbana, a aprobación do Plan Parcial de Mato Grande co voto de calidade do alcalde etc.

As primeiras actuacións do goberno de Merino indicaban xa unha decidida aposta contra a especulación e para pór freo ao poder de catro construtores que controlaban todo. Na Comisión Provincial de Urbanismo conseguiuse cambiar os criterios do Plan Parcial de Mato Grande para evitar outra desfeita urbanística como na Agra do Orzán. Fíxose unha investigación sobre a desaparición dos documentos do PXOU e iniciáronse os traballos para a revisión e adaptación do mesmo.

"As primeiras actuacións do goberno de Merino indicaban xa unha decidida aposta contra a especulación e para pór freo ao poder de catro construtores que controlaban todo".

Por outra parte, a corporación municipal franquista deixaba a economía do concello en bancarrota. Quince días despois da toma de posesión de Merino houbo que recorrer a unha operación de tesourería de 373 millóns de pesetas para poder facer fronte aos gastos correntes e pagar a nómina do persoal dese mes. O déficit do orzamento ordinario de 1978 era de 115 millóns de pesetas e había unha débeda de 399 millóns de pesetas. Como resultado dunha nefasta xestión da derradeira corporación municipal da ditadura, o Orzamento Municipal ordinario foi de 1.548 millóns de pesetas para 1978 e só 50 millóns de pesetas para investimentos. A corporación municipal que preside Merino aproba un orzamento para 1980 de 2.347 millóns de pesetas e un orzamento especial de urbanismo de 237 millóns de pesetas.

En menos de dous anos o goberno municipal de Domingos Merino desenvolveu importantes actuacións para o futuro da cidade: inauguración do Cemiterio Municipal de Feans; aprobación definitiva do Plan Parcial do Polígono de Durmideiras; aprobación do catálogo e medidas de protección dos edificios e conxuntos de interese histórico-artístico; aprobación do orzamento e financiamento do Colexio Universitario, embrión da futura Universidade da Coruña; aprobación dos trámites para a construción da Escola Oficial de Idiomas; construción do centro de FP de Monte Alto (IES Anxel Casal); construción dos colexios de EXB de Labañou, Monte Alto, María Pita, Salgado Torres e da Escola Infantil de Monte Alto; adaptación do Estadio Municipal de Riazor para a celebración na Coruña do Campionato Mundial de Fútbol de 1982; reforma do Hospital Municipal Labaca; apertura da Biblioteca Municipal de Durán Loriga; elaboración de proxectos e orzamentos para a construción do novo Parque de Bombeiros, Matadoiro e Mercado Central de Froitas; inauguración do Mercado Municipal de Inés de Castro; elaboración dos proxectos dos novos mercados municipais de Monte Alto e Palavea.

"Non podían asumir como alcalde a un traballador que vivía na rúa Marconi do barrio de Monte, republicano e nacionalista de esquerdas, que  retira un busto do ditador Franco nada máis chegar á alcaldía"

Aqueles que controlaron e puxeron alcaldes durante corenta anos de ditadura nunca recoñeceron a Merino como o seu alcalde. Non podían asumir como alcalde a un traballador que vivía na rúa Marconi (alí viviron anarquistas históricos como José Villaverde) do barrio de Monte, republicano e nacionalista de esquerdas, que  retira un busto do ditador Franco nada máis chegar á alcaldía, que fai en galego o discurso no Pleno da toma de posesión, que acabado ese Pleno iza a bandeira galega no balcón do concello e que, respectando o carácter aconfesional do Estado, recollido na Constitución, non participa institucionalmente en actos relixiosos. E aproveitaron todas as ocasións para debilitar a Merino.

O tema da capitalidade foi manipulado cun interese electoralista. O PSdeG-PSOE e o nacionalismo apoiaban unha lei sobre a capitalidade no Parlamento de Galicia, pero mentres os partidos nacionalistas tiveron unha posición coherente, defendendo o mesmo en todo o País, o PSdeG permitiu que na Coruña Paco Vázquez abandeirase un localismo reaccionario, utilizando a capitalidade como arma arroxadiza contra outras cidades galegas. Merino ten profundas convicións ideolóxicas e políticas, fixo valer o que manifestou no seu discurso de investidura –“A Coruña ten que ser un faro para Galicia” – e non participou naquela farsa a pesar das presións.

 "Os Plenos da corporación celebrábanse pola tarde para facilitar a asistencia da cidadanía, que sempre era moi numerosa, e ás veces acababan despois das doce da noite. Hoxe aínda queda moito por reivindicar daquel espírito e daquelas conquistas"

Outro dos episodios claves, que provocaron a súa renuncia á alcaldía en febreiro de 1981, foi o Pleno municipal despois do 23 F. Merino negouse a aprobar unha moción de apoio ao rei Juan Carlos e recibiu numerosas críticas por parte dalgúns partidos e medios de comunicación. Repítese a mesma historia e trinta e cinco anos despois hai quen segue empeñado en presentar mocións de apoio a unha monarquía caduca e corrupta.

A transparencia na xestión, a austeridade e o control do gasto, a oficialización do uso do idioma galego, a democratización e participación cidadá, presidiron esta etapa da primeira corporación democrática. O concello foi realmente a Casa do Pobo. Os Plenos da corporación celebrábanse pola tarde para facilitar a asistencia da cidadanía, que sempre era moi numerosa, e ás veces acababan despois das doce da noite. As reunións da Permamente (equivalente á actual Comisión de Goberno) eran públicas. A cidadanía e os xornalistas tiñan acceso a toda a documentación e expedientes municipais. Hoxe aínda queda moito por reivindicar daquel espírito e daquelas conquistas.

Comentarios