Opinión

Lugo, Sada, A Coruña e Cedeira sinalan o camiño

Nas últimas semanas os gobernos da Deputación de Lugo e dos concellos de Sada, A Coruña e Cedeira tomaron acordos sobre a memoria histórica, retirada de simboloxía franquista, distincións a Manuel Fraga, espolio da Casa Cornide e sobre a monarquía, que poden ser unha referencia para outras institucións.

LUGO. Efrén Castro, deputado polo BNG e responsábel de memoria histórica da Deputación de Lugo, executaba un acordo do goberno provincial (PSOE-BNG) e retiraba en agosto retratos de presidentes da Deputación de Lugo desde 1923 a 1931 e de 1936 a 1939 e até 1979, que  xustificaba así: "As institucións non poden seguir mantendo símbolos de recoñecemento ou exaltación do réxime franquista ou das persoas que o representaron, por respecto á memoria e á dignidade das vítimas da represión. Unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento  a representante políticos dun réxime fascista que a representantes elixidos democraticamente". Estes retratos de presidentes de deputacións ou alcaldes na ditadura continúan sen ningún tipo de diferenciación en centos de concellos de Galiza. No salón de sesións da Deputación da Coruña (goberno PSOE-BNG), están os retratos de seis presidentes. Até cando?

SADA. O pleno de 24 de setembro aprobaba unha moción sobre a monarquía cos votos a favor de Sada Maioría, BNG e Alternativa dos Veciños, abstención do PSOE, en contra do PP, con estes acordos: "Condenar a fuxida do rei emérito mentres está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo. Instar a que Juan Carlos Borbón reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos. Instar ao Goberno do Estado a que inicie os procesos necesarios para a celebración dun referendo ou consulta á cidadanía sobre a forma de Estado, monarquía ou república".

En relación coa monarquía e as distincións ao rei Juan Carlos I, o BNG pedía a retirada da súa avenida en Santiago, un busto na entrada do concello de Vigo, etc, pero o Borbón mantén rúas e distincións noutros concellos de Galiza: Medalla de Ouro de Ferrol, Medalla de Bronce da Coruña e avenidas en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Camariñas, Culleredo, Vilanova de Arousa, Vila de Cruces. O PSOE xa retirou o retrato do rei Juan Carlos do Parlamento de Navarra e aprobou o cambio de nome das súas avenidas en Xixón e Vitoria, entre outros moitos concellos.

A CORUÑA. O pleno de 1 de outubro aprobada unha moción sobre a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da Coruña, presentada polo BNG, recollendo unha proposta de Defensa do Común e doutras 15 entidades da cidade, con estes acordos: "Considerar non grata a presenza da familia Franco na Coruña. Expresar a solidariedade coas persoas que serán xulgadas o 14 de outubro (o  xuízo foi adiado), demandadas pola familia Franco por participar nun acto simbólico e pacífico de denuncia do espolio da Casa Cornide. Apoiar a II Marcha Cívica do sábado 31 de outubro coa mensaxe: Devolución da Casa Cornide ao patrimonio da Coruña. Franquismo nunca máis. Trasladar á Comisión Municipal de Memoria Democrática o estudo da retirada de rúas, retratos,  placas, monólitos e todo tipo de distincións ás persoas que impulsaron, organizaron ou participaron no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia do ditador Franco". Aquí estarían Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina –hoxe dan nome ás principais avenidas da Coruña, son Fillos Predilectos etc– e Sergio Peñamaría de Llano. Barrié ten tamén, entre outras rúas e distincións, a Medalla de Ouro da provincia da Coruña, concedida pola Deputación en 1971

CEDEIRA. O pleno de 2 de outubro aprobaba unha moción, presentada polo BNG e apoiada polo PSOE (ten a alcaldía) e voto en contra do PP, para retirar no prazo de tres meses as distincións de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga (xa eliminaron a súa avenida en marzo) aos ministros franquistas Pedro Nieto Antúnez, Gonzalo Fernández de la Mora, José Antonio Girón de Velasco e Salvador Moreno Fernández; ao falanxista Julio Muñoz de Aguilar, gobernador civil da Coruña na ditadura e promotor da Junta pro Pazo del Caudillo. Manuel Fraga e Girón de Velasco aínda son Fillos Adoptivos da provincia da Coruña.   

Comentarios