Opinión

Hai outros “okupas” máis importantes na Coruña e ninguén fala deles

Fálase moito estes días en todos os medios de comunicación do desaloxo da Insumisa (o nome vén do movemento insubmiso contra o servizo militar obrigatorio, a chamada “mili”), unhas instalacións que eran propiedade do ministerio de Defensa, transferidas despois ao concello da Coruña, que foron okupadas hai varios meses despois de moitos anos de abandono. O desaloxo forzoso coa intervención da Policía Local e da Policía Nacional foi cualificado como un “día negro” polo goberno municipal da Marea Atlántico.

Pero eu quero falar doutros “okupas” máis importantes, que teñen nomes e apelidos, que nunca foron perseguidos pola lei e que, pola contra, foron elevados aos altares, con todo tipo de distincións.

1. Pedro Barrié de la Maza e Alfonso Molina, entre outros, facilitaron a okupación do pazo de Meirás, que é a historia dun espolio continuado, un auténtico roubo ao pobo e non unha doazón a Franco. Para adquirir este pazo aos herdeiros da Condesa de Pardo Bazán formouse a chamada Junta Provincial Pro Pazo del Caudillo, promovida por significados empresarios como Pedro Barrié de la Maza, personalidades do franquismo como Alfonso Molina, banqueiros, industriais e propietarios de medios de comunicación, que utilizaron todo tipo de ameazas e coaccións para conseguir uns ingresos, disfrazados de doazóns. Foron amplamente recompensados; Barrié, que destacou desde un primeiro momento, no seu apoio á sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 con doazóns económicas e de diverso material para o Exército Nacional, recibiu todo tipo de facilidades para incrementar os seus negocios (Electra Popular, empresa propiedade do deputado republicano José Miñones, foi confiscada despois do seu asasinato e adquirida por Barrié a prezo de saldo), e a distinción de Conde de Fenosa. Cumpríase así aquilo que declaraba Franco: “Nuestra Cruzada es la única lucha en que los ricos que fueron a la guerra salieron más ricos”; Alfonso Molina sería designado alcalde da Coruña. Estes dous franquistas gozan aínda hoxe de todo tipo de recoñecemento social e dan nome a dúas das principais avenidas da cidade.

2. O ministerio de Defensa do goberno de España, okupa en 1984 numerosos edificios e terreos de instalacións militares da Coruña, grazas a un convenio asinado polo goberno municipal do PSOE, alcaldía de Francisco Vázquez, e do goberno central, tamén do PSOE. Actuando como unha inmobiliaria dedicada á especulación, Defensa ingresou xa máis de 8.000 millóns das antigas pesetas a través de poxas ou vendas directas. E queren continuar con esa política especulativa cunha poxa pública de parcelas no Campo da Estrada–Maestranza. Sorprendentemente, cando o pleno municipal tiña aprobada o 11 de abril de 2016 unha moción, a iniciativa da Comisión Aberta en Defensa do Común, que esixía a devolución gratuíta para uso público deses terreos e a modificación puntual nesa zona do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que non se poidan construír 200 vivendas; cando a veciñanza da Cidade Vella se pronunciaban en Consulta Popular por esa devolución gratuíta, o alcalde da Coruña facía unhas desafortunadas declaracións lembrando que “hai uns acordos con Defensa que hai que respectar; hai administracións que teñen recoñecidos uns dereitos desde fai moitos anos”. Pode entenderse que o alcalde manifesta a súa disposición a facilitar a venda da Coruña, é dicir, que Defensa siga facendo caixa coa venda duns terreos do común, que sempre foron da cidade, pronunciándose pola conservación dun convenios de hai 34 anos, política impropia dun “Goberno do cambio”.

Debemos recuperar eses terreos comunais, organizar a defensa do común no século XXI, continuando con aquel espírito liberal, progresista e de compromiso coa cidadanía do goberno municipal da Coruña, que xa en 1840 solicitaba a devolución dos terreos do Campo da Estrada porque “el terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación, pues es de este pueblo”. E a corporación municipal da Coruña aprobaba, na sesión plenaria de 10 de novembro de 1858: “Elevar a S.M. (raíña Isabel II) una reverente exposición suplicándole se digne conceder a este ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

3. En 1944, cando se traslada a Aduana, os empresarios Emilio Rey Romero e Pedro Barrié de la Maza, do Banco Pator, okupan unha parcela de 1.482 metros cadrados, terreo situado na avenida da Mariña, entre o edificio de Correos e o paseo do Recheo. Estes empresarios crean a sociedade SAINGA e conseguen autorización para okupar a citada parcela. Neses terreos o arquitecto Jacobo Rodríguez Losada redacta en 1945 o proxecto para a construción dun edificio que sería destinado a Hotel (Embajador) e teatro (Colón), que se inaugura o 15 de novembro de 1948. Afortunadamente, hoxe este edificio é propiedade da Deputación da Coruña, onde ten a súa sede, e xestiona a programación do teatro.

4. Significados empresarios, coa axuda de fascistas e das autoridades, okuparon a dársena do Parrote, con sucesivos recheos, onde están hoxe A Solana e o Hotel Finisterre. Despois da sublevación fascista de 1936, os vencedores ocuparon espazos públicos para facer as súas casas ou promover diversos negocios. Os promotores da Solana e do Hotel Finisterre foron importantes empresarios coa colaboración de significados fascistas, como o nadador Armando Casteleiro Varela (o seu irmán José era concelleiro). Conseguiron en concesión terreos públicos no Parrote para construír unha piscina e sala de festas. As obras inícianse en 1941 e o complexo é inaugurado o 17 de xullo de 1942, véspera da celebración o 18 de xullo do “Glorioso Alzamiento Nacional”. Despois construíron o hotel Finisterre e a ampliación da Solana en 1970 cun novo recheo. Ocuparon un total de 25.000 metros cadrados de terreos públicos, gañados ao mar, como auténtico botín de guerra dos golpistas. Así foi como a empresa Finisterre S.A., na que participan SAINGA e Armando Casteleiro, explotaría o Hotel Embajador, a Solana e o Hotel Finisterre.

Oitenta anos despois, a Autoridade Portuaria da Coruña, é dicir o PP, pretende ingresar cartos para pagar a débeda da construción do porto exterior, a través da poxa do Hotel Finisterre, mentres a Comisión Aberta en Defensa do Común e a Asociación de Veciños da Cidade Vella reivindican a súa devolución gratuíta ao concello da Coruña para uso público, cando acabe a concesión en 2017.

O pleno de novembro de 2017 aprobaba unha moción da citada Comisión para que a modificación do PXOM–A Solana restableza a característica de público de todo o ámbito concesional, é dicir, tamén dos terreos do Hotel Finisterre, co obxectivo de impedir a súa privatización. Acordo plenario que tamén está sen executar.

5. A familia Franco okupa a Casa Cornide coa axuda de Barrié. A Casa Cornide –residencia de José Cornide, investigador, humanista, historiador e patriota galego, que morreu en 1803– tamén forma parte, como o pazo de Meirás, dese espolio continuado. Este pazo urbano do século XVIII acollera a casa consistorial e dependencias municipais e foi mercado en 1957 polo Ministerio de Educación, que o cedeu ao concello mediante permuta por outros terreos.

Carmen Polo, esposa de Franco, quería unha residencia no centro da Coruña para non ter que desprazarse a Meirás cando visitaba Galiza, así que organizaron todo para apropiarse da Casa Cornide mediante poxa pública, celebrada o 2 de agosto de 1962 ao mellor ofertante, e nunha actuación amañada coa intervención do concello, ministerio de Educación, Facenda e significados franquistas e empresarios. Adxudicada a Pedro Barrié de la Maza por 305.000 pesetas (presentouse tamén na poxa-farsa o falanxista José Luis Amor Fernández, subxefe do “Movimiento Nacional” na Coruña). Foi cedida a Carmen Polo, como figura na escritura.

O Pleno do concello da Coruña de 8 de xaneiro de 2018 aprobaba unha moción do BNG, apoiada por Marea Atlántica e PSOE e abstención do PP, esixindo a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da Coruña, instando a Xunta e Goberno do Estado á eliminación dos dereitos hereditarios a efectos tributarios.

Hai que desaloxar a estes okupas (ministerios de Defensa e de Fomento, familia Franco etc.), retirarlles o recoñecemento social e esixirlles que devolvan ao pobo o que sempre foi do pobo. É hora de que o goberno municipal denuncie esta okupación de espazos públicos, faga pedagoxía política, recuperando a memoria histórica, e encabece a mobilización cívica contra a especulación e a privatización do común.

A “institucionalite aguda” é unha grave enfermidade (non estaba no dicionario galego sobre palabras relacionadas coa saúde, que editamos en Esquerda Galega en 1981) na que poden caer gobernos municipais que o fían todo a habilidosas negociacións no campo institucional –sendo “boíños”, respectando convenios e non molestando moito aos poderosos para que non se cabreen– perden contacto coa rúa e esquecen que todo avance na presenza institucional e nas leis veñen historicamente precedidas dun avance na conciencia social e na mobilización cívica. Necesitamos menos conservación do vello e menos respecto ás leis do pasado, e máis radicalidade democrática para avanzar no cambio.

 

Comentarios