mércores 19/05/21

Grupo Parlamentar Galego: falemos claro

Un mes despois das eleccións xerais, xa sabemos a configuración dos distintos grupos no Congreso: non haberá Grupo Parlamentar Galego.

Un mes despois das eleccións xerais, xa sabemos a configuración dos distintos grupos no Congreso: non haberá Grupo Parlamentar Galego. É unha mala noticia para En Marea, que tivo uns extraordinarios resultados, e tamén para Galiza. En Marea queda integrada no grupo de Podemos (65 deputadas/os), cun presidente, Pablo Iglesias, cun portavoz, Íñigo Errejón e cunha secretaria, Carolina Bescansa, todos de Podemos. Haberá tres viceportavoces para En Comú Podem (12 deputadadas/os), En Marea (6) e Podemos da Comunidade Valenciana (4). Podemos de Andalucía (ten 10 deputados/as) reivindica tamén o mesmo trato que Galiza. Compromís (4 deputadas/os) non acepta a integración no grupo de Podemos e estará no grupo mixto. Estes son os feitos, outra cousa é a propaganda.

Estamos ante unha decisión política de Mesa do Congreso, pero non é ningunha sorpresa, senón o desenlace de todo un proceso no que EU e Anova cederon, desde hai moito meses, toda a iniciativa política e o protagonismo a Podemos, que sempre tivo claro o seu principal obxectivo: a visualización dun grupo parlamentar o máis numeroso posíbel para competir co PSOE. E deron os pasos necesarios:

1. Podemos definía a súa folla de ruta na asemblea de constitución en outubro de 2014: no caso de alianzas nalgunha comunidade autónoma, no logotipo da papeleta electoral figuraría o nome de Podemos. Por outra parte, iniciaron un proceso de primarias para elixir os seus candidatos/as, cun proceso centralista e unha lista de 60 persoas, encabezada por Pablo Iglesias, que decidía as cabezas de lista en todo o Estado. Así, as candidatas/os de Podemos en Galiza foron elixidos cos votos de Madrid, Albacete ou Cáceres.

A única garantía para ter Grupo Parlamentar Galego estaba na presentación dunha candidatura soberana, con centro de decisión en Galiza, sen dependencias

2. Pablo Iglesias lembraba estas condicións nunha reunión con Marea Atlántica o 3 de xullo de 2015: “Es innegociable que el logo y nombre de Podemos esté en la papeleta de todos los colegios electorales”. E Juan Carlos Monedero insistía nas condicións: “Respetar la marca Podemos y el liderazgo de Pablo Iglesias”.

3. A dirección de Podemos sempre tivo claro que a fórmula dunha coalición electoral con EU e Anova podería impedir o grupo galego (incluso cumprindo as condicións de cinco deputados e o 15% dos votos en cada unha das catro circunscricións galegas) porque tanto o PP como Ciudadanos e PSOE, esgrimirían o artigo 23.2: “En ningún caso poden constituír grupo parlamentar separado deputados que pertenzan a un mesmo partido”. Por iso Carolina Bescansa manifestaba a súa opinión sobre a constitución dese Grupo Parlamentar Galego nunha visita a Galiza en agosto de 2015: “Desde el punto de vista reglamentario no es posible. Esa reivindicación es difícil de cumplir”. Pablo Iglesias adiantaba unha posíbel solución e falaba dun grupo “distinto”, pero “no separado del grupo estatal de Podemos” e cun “protocolo de relaciones”. É a mesma proposta que presentou Podemos en xaneiro de 2016 e que aceptaron EU e Anova, pero disfrazada agora de grupo confederal ou plurinacional (antes falaran dunha federación das Mareas con Podemos).

As mareas están a tomar iniciativas para recuperar o protagonismo das bases e despois dunha primeira reunión de case corenta candidaturas municipalistas, manifestaron que esa unidade popular está aberta

 

Na declaración conxunta de Anova e Podemos de 30 de xullo de 2015 non se concretaba a constitución dun Grupo Parlamentar Galego, que era substituído pola referencia a un “espazo parlamentario propio, que teña a Galicia como o seu espazo de representación”. Despois de que Marea Atlántica e Iniciativa pola Unión apostaran por un Grupo Parlamentar Galego, si foi asumido por En Marea no seu programa electoral.

Efectivamente, a decisión última para interpretar o Regulamento estaba e está nas mans da Mesa do Congreso, pero deixar todo pendente da composición e decisión desa Mesa era unha temeridade. Despois da conformación da Mesa do Congreso todo estaba decidido porque un pacto de PP, Ciudadanos e PSOE daba maioría absoluta na Mesa (5) aos dous primeiros, fronte ao resto de grupos (4), e o PSOE conseguía a Presidencia do Congreso.

A única garantía para ter Grupo Parlamentar Galego estaba na presentación dunha candidatura soberana, con centro de decisión en Galiza, sen dependencias, é dicir, a través dun partido instrumental, sen que aparecesen na papeleta de votación as siglas de Podemos. Non se aceptou esta proposta, nin tampouco a confluencia de Iniciativa pola Unión e Marea Atlántica, entre outras razóns, porque EU e Anova aceptaron as esixencias de Podemos: o seu nome debería figurar no logotipo da papeleta, non habería primarias (eles xa tiñan elixidos os seus candidatos/as) e as candidaturas nos seus primeiros tramos serían negociadas polas cúpulas dos partidos.

Este proceso tan pouco participativo e por arriba, provocou que algunhas mareas se negasen a presentar candidatas/os e Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, manifestaba: “En Marea constituíuse como unha coalición de partidos e polo tanto entendemos que non era o sitio para que a Marea Atlántica se integrase”. Outras organizacións, como Equo, abandonaron o proceso porque “incumpren practicamente a totalidade do acordado e xa traballado en común”. Espazo Ecosocialista cualificaba o sistema de configuración das candidaturas para as eleccións xerais como “inercias da vella política”. E Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, tamén era crítico: “Para as eleccións autonómicas os partidos teñen que facer unha reflexión”.

Pensando nos próximas citas electorais, as mareas están a tomar iniciativas para recuperar o protagonismo das bases e despois dunha primeira reunión de case corenta candidaturas municipalistas, manifestaron que esa unidade popular está aberta á participación doutras organizacións políticas e que pretenden estender o proceso a todos os concellos galegos. Creo que son decisións positivas e que poden contribuír á construción dunha candidatura galega de unidade para as próximas eleccións ao Parlamento Galego.

A filosofía está moi clara. Así, Antón Sánchez, de Anova, declaraba: “O motor está na cidadanía. Os partidos son secundarios”. E Xulio Ferreiro: “Podemos é un máis no motor do cambio e deberá integrarse en condicións de igualdade”. Pero a praxe é moi diferente. Podemos impuxo unhas condicións e o seu papel quedaba revalorizado cando os demais consideraron que a súa participación era “imprescindible”.

Despois da negativa experiencia da fórmula de coalición electoral galega con Podemos (sería rexeitada novamente pola Mesa do Congreso para constituír grupo propio), e pensando nas próximas eleccións (posíbel repetición das xerais e despois as galegas), están as mareas dispostas a presentarse como coalición técnica ou partido instrumental (como fixo a Marea Atlántica), que garanta a constitución dun Grupo Parlamentar Galego? Están por un proceso participativo coas bases como actores principais e non  meros acompañantes das decisións negociadas polas cúpulas dos partidos? Están pola celebración de “eleccións primarias abertas á cidadanía, con censo de inscrición rogado” (como dicía Encontro Cidadá por unha Marea Galega) para a elección das candidaturas? Están por construír unha candidatura de unidade popular, superando o marco das corenta concellos con candidaturas municipalistas, e marcándose como obxectivo chegar a todos os concellos galegos (314) e contando tamén para ese obxectivo co BNG, Cerna, Compromiso por Galicia, Equo etc? Espero que sexa afirmativa a resposta a estes interrogantes porque só así poderemos derrotar o PP e cambiar a Xunta nas próximas eleccións. 

comentarios