Opinión

Feijóo é un farsante

Que presidente da Xunta temos? Difúndese que é unha persoa de centro dereita, reformista, liberal, dialogante, etc. Outros din que é un ultra disfrazado de moderado, que ten dúas caras. Falemos claro, Alberto Núñez Feijóo é un farsante: hipócrita, mentireiro, troleiro, patrañeiro…(Diccionario Xerais de sinónimos, 1990).

Está blindado, informativamente, o mesmo que o PP. Feijóo non sabe nada e os numerosos casos de corrupción nos que está implicado pasan desapercibidos ao igual que as súas relacións co narcotraficante Marcial Dorado. Pablo Crespo, un dos principais implicados na trama Gürtel e no financiamento ilegal do PP, foi o responsábel de Organización do PP en Galiza de 1995 a 1999 e, cando abandona esa responsabilidade, Feijóo (era conselleiro de Política Territorial) mantivo a Crespo no Consello de Administración de Portos de Galiza até decembro de 2005. Os medios informan pouco dos 37 millóns dos contratos da Xunta con Eulen (a irmá de Feijóo é delegada para a zona noroeste). A Xunta controla os medios de comunicación públicos e o persoal leva 200 "venres negros" coa campaña "Defende a Galega", denunciando a manipulación e falta de independencia da TVG.

Feijóo gañou as eleccións de 2009, após unha campaña cargada de mentiras. Entre outras, denunciou o malgasto da Xunta de Touriño (dicía que mercara 23 coches de alta gama) e despois das eleccións coñecemos que 19 deses coches foron mercados cando Manuel Fraga era presidente da Xunta e Feijóo vicepresidente.

Presume de que é un bo xestor, mais en 2015 inauguraba o hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo baixo a fórmula público-privado e comprometíase a pagar anualmente 72 millóns de euros á concesionaria privada do hospital até o ano 2035, cun custo total de 1.400 millóns de euros. Con esta "exitosa" operación, o custo vai ser tres veces máis do previsto como público. Regalou Novagalicia Banco, resultado da fusión das caixas galegas, a Banesco, un banco venezolano (opera coa marca Abanca), por 1.003 millóns de euros en decembro de 2013. En 2014 tivo xa un beneficio de 1.157 millóns de euros. E outro regalo: unha universidade privada para Abanca, a pesar da oposición das universidades galegas públicas.

Sabemos moi ben do seu interese pola privatización do público, como cando presidía en Madrid o Insalud e Correos. En 2012, xa en Galiza, manifestou que era partidario de privatizar "todo lo que no sea el núcleo duro" da sanidade.

Rexeitou suceder a Mariano Rajoy porque quería a elección por aclamación e declarou en 2018: "Me comprometí con los gallegos, les transmití mi ilusión y confianza. Nos respondieron con su voto mayoritario, y yo, sin haber cumplido mi compromiso, no puedo fallarles porque sería fallarme a mí mismo". Presentouse en 2019 como candidato á presidencia da Xunta co lema "Galicia, Galicia, Galicia", mais esqueceu ese compromiso e  agora está encantado de regresar á capital –"Madrid ama la libertad, por eso quiero volver a vivir en Madrid"– e todos son eloxios para a presidenta Ayuso: "Es una persona honorable que vamos a defender porque no nos presenta dudas su honorabilidad". Leva varios meses coa cabeza en Madrid, facendo campaña por toda España e dirixindo a Xunta por teléfono.

Tamén afirmou: "No tengo intención de pactar con VOX, y no lo haré, es un partido que está contra Galicia". Hoxe é un valedor de pactos e gobernos de coalición con Vox, como en Castela e León, porque "no había otra opción", e asume o discurso da extrema dereita: "violencia intrafamiliar", "inmigración ordenada", "educación libre de adoctrinamiento ideológico", etc. O presidente do PP europeo Donald Tusk cualificaba a entrada de Vox no goberno de Castela e León como "capitulación" e "triste sorpresa".

Pode dicir unha cousa hoxe, mañá outra e ao día seguinte todo o contrario. En Ourense cualificou de "letal" a posibilidade dun pacto con Gonzalo Pérez Jácome. Hoxe defende ese pacto e mantén a Jácome como alcalde porque "garantiza la estabilidad".

Feijóo é un "marxista" (de Groucho Marx) convencido: "Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros".

Comentarios