Opinión

Falta coherencia, coordinación e vontade política para acabar cos restos do franquismo (e II)

Ribadeo, desde 1961, e Lugo manteñen a distinción de Fillo Adoptivo a Enique Otero Aenlle, falanxista e gobernador civil de Lugo e Salamanca, pero Campillo de Azaba (Salamanca), con alcaldía do PP, retiráballe a rúa. E cando a Deputación de Salamanca, presidida polo PP, se nega a retirar a Medalla de Ouro a Otero Aenlle, o deputado do PSOE, Carlos Fernández, manifesta: "¿Pero estamos todos tontos? Añadiendo que todas las personas de las que se solicita la retirada de distinciones son fascistas que colaboraron con el franquismo y por ello le deben ser retiradas a todos", como recolle a acta da sesión extraordinaria e urxente da Comisión de Goberno Interior da Deputación de Salamanca de 26 de febreiro de 2019.

Betanzos retiraba a distinción  de Fillo Adoptivo a Ramón Ferreiro Rodríguez en 2016, pero este falanxista e gobernador civil de Lugo mantén esa distinción e unha avenida nesta cidade.

O Ministerio de Defensa, após denuncia da CIG, cambiaba o nome do colexio Salvador Moreno de Pontevedra, que depende de Defensa, pero mantén a rúa no Arsenal de Ferrol deste militar golpista, almirante e ministro de Mariña na ditadura, pola súa "vinculación con Ferrol".
Ana Pontón e Gonzalo Caballero asinan un manifesto para retirar a Cruz dos Caídos de Celanvoa, pero aí seguen as cruces de Neda, Vigo e Pontevedra.

Juan Antonio Suanzes en Ferrol aínda dá nome a unha alameda, é Fillo Predilecto e ten a Medalla de Ouro

A Coruña retira en 2010 a praza do General Cánovas Lacruz, pero este militar que, xuntamente cos golpistas Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso, organizaron a sublevación na Coruña en 1936, aínda manteñen a distinción de Fillos Adoptivos e Predilectos da provincia da Coruña, concedida pola deputación en xaneiro de 1937.

Juan Antonio Suanzes, que participa na sublevación de 1936 contra o goberno lexítimo da República e despois foi ministro na ditadura, perde en Málaga en 2007 a distinción de Fillo Adoptivo e a Medalla de Málaga; As Pontes cambia a súa rúa en 2017; Puertollando (Cidade Real) retiráballe a Medalla de Prata e Brillantes en 2019, pero en Ferrol aínda dá nome a unha alameda, é Fillo Predilecto e ten a Medalla de Ouro.

O PP aproba en solitario poñer o nome de Antonio Rosón á Sala da Xunta de Portavoces do Parlamento Galego. Foi falanxista de Becerreá en 1936, que proclamou o Estado de Guerra neste concello, participou na represión na zona dos Ancares, presidente da Deputación de Lugo (1949-1951), procurador nas Cortes franquistas desde 1967. Con estes "méritos" Antonio Rosón conserva unha rúa en Lugo.

Pontevedra cambia a avenida Juan Carlos I por Virxinia Pereira, pero o Borbón -recoñeceu que é un defraudador á Facenda e está investigado por varios casos de corrupción- aínda conserva a Medalla de Bronce na Coruña desde 1976; ten un busto na fachada do concello de Ferrol e outro na entrada da casa do concello de Vigo; avenidas en Vilagarcía de Arousa, Culleredo etc.

O PP aproba en solitario poñer o nome de Antonio Rosón á Sala da Xunta de Portavoces do Parlamento Galego. Foi falanxista de Becerreá en 1936

Falemos claro. En todas as deputacións e concellos citados goberna a esquerda. Que manteñan eses restos do franquismo é unha irresponsabilidade, un mal exemplo e unha ofensa ás vítimas do franquismo. Cómpre unha autocrítica por parte de todas as forzas políticas e manifestar un compromiso firme para acabar con esta vergoña nun prazo de seis meses, comezando por facer un inventario polas deputacións, gobernadas pola esquerda, dos restos do franquismo nos concellos da Coruña, Lugo e Pontevedra. Non podemos calar!

Comentarios