Opinión

Que facer?: Alianza Social Galega

A resposta á crise económica e social xa foi unha realidade en 2012 e chamábase Alianza Social Galega (ASG). A situación era distinta porque non había unha pandemia, pero si unha grave crise económica e o goberno galego e os de Madrid executaban unha política antisocial. Constituíase ASG o 18 de outubro de 2012 coa participación dos sindicatos UGT, CCOO, CIG, e sesenta entidades de todo tipo, “para darmos unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, con consecuencias moi graves para as condicións de traballo e de vida da maioría social”.

ASG acordaba “sumarse á convocatoria de Folga Xeral do 14 de novembro de 2012 por compartir os obxectivos da mesma: rexeitamento da reforma laboral e dos recortes na prestación por desemprego, e dos salarios e o emprego público, contra o deterioro na ensinanza e sanidade, a paralización dos servizos públicos, o aumento do IVE, a amnistía fiscal e contra todas aquelas medidas que van incidir negativamente na actividade económica e no emprego, afondando na crise”. Esa convocatoria foi un éxito e 500.000 persoas participaron nas manifestacións en toda Galiza. O 20 de decembro de 2012 ASG convocaba concentracións contra as políticas do PP: “O Goberno de Mariano Rajoy celebra o seu primeiro ano de goberno impoñendo novos recortes nas pensións e na educación, privatizando a xustiza e condenando á pobreza extrema as familias e persoas desafiuzadas; en definitiva, ditando normas que nos fan retroceder varias décadas en liberdades e dereitos sociais e laborais”.

Sinalaba o manifesto, que hoxe ten plena vixencia, da convocatoria de folga xeral: “As políticas que se veñen aplicando atenden só aos intereses dos mercados ou, o que é o mesmo, da banca e do capital financeiro internacional, que mediante o seu neoliberalismo depredador mingua e pretende reducir á mínima expresión, cando non finiquitar, o noso estado do benestar. Estamos a padecer as consecuencias dunhas políticas que nos levan a un cambio de modelo social, que nos empurran a unha sociedade máis inxusta e menos igualitaria”. Acababa así o manifesto: “Estamos firmemente decididos a loitar para que os nosos fillos e fillas poidan vivir nunha sociedade galega máis xusta, libre, democrática e sustentábel social e ambientalmente”.

Unha alternativa á crise debería ter en conta a realidade galega: recuperación dos 9.000 millóns de euros do rescate da banca en Galiza, base para unha Banca Pública Galega; tarifa eléctrica galega; intervención pública de sectores estratéxicos como o enerxético e comunicacións; política fiscal solidaria, acabar coa precarización e privatización dos servizos sociais. Hoxe tamén é necesaria unha Alianza Social Galega, coa participación das forzas políticas, e a CIG, como sindicato maioritario, debería tomar a iniciativa.

Comentarios