Opinión

Eu si son político e de esquerdas

Nunca pensei que, despois de 40 anos de democracia, fose necesario facer esta confesión: eu si son político e de esquerdas. Confeso que milito desde hai case 50 anos, que ocupei responsabilidades institucionais e políticas, e que nunca ingresei un euro por esa actividade.

Nunca pensei que, despois de 40 anos de democracia, fose necesario facer esta confesión: eu si son político e de esquerdas. Confeso que milito desde hai case 50 anos, que ocupei responsabilidades institucionais e políticas, e que nunca ingresei un euro por esa actividade. Confeso tamén que quedei un pouco atrasado ou desfasado porque agora o moderno, o que vende, é a indefinición ou a equidistancia e semella que esta actitude cada vez prolifera máis e dá, de momento, bos réditos electorais.

"Confeso que milito desde hai case 50 anos, que ocupei responsabilidades institucionais e políticas, e que nunca ingresei un euro por esa actividade".

Aínda lembro aqueles carteis nos bares do barrio de Bilbao onde vivía: “Prohibido cantar, blasfemar e de política ni hablar”. Eran tempos (ano 1964) en que declararse político estaba moi mal visto e os que se rebelaban podían acabar no cárcere. Por iso o ditador Franco dicía aos seus ministros: “Ustedes hagan como yo, no se metan en política”. Xa, daquela, entendín que iso da política debía se unha cousa boa porque estaba prohibida.

Cincuenta anos despois, Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, convocaba en Madrid aos candidatos e candidatas que encabezarán as candidaturas do seu partido nas comunidades autónomas e, concretando a estratexia electoral, dicía: “No sois políticos, sois ciudadanos”. Lembreime dos bares de Deusto, dos consellos de Franco, e cheguei á conclusión de que algunhas das mensaxes que se difunden –con gran aceptación na sociedade polo desprestixio dalgúns políticos– son reaccionarias, xa que non serven para educar politicamente á xente e son un retroceso respecto a conquistas democráticas, difundindo que a política é unha cousa mala e que os políticos, en xeral, non son de fiar. Todos facemos política e todos somos políticos, esta é a mensaxe que deberiamos difundir se queremos conquistar o futuro, educar politicamente a futuras xeracións e non pensando só en conseguir hoxe un puñado de votos.

"Aínda lembro aqueles carteis nos bares do barrio de Bilbao onde vivía: “Prohibido cantar, blasfemar e de política ni hablar”. 

Está de moda nalgunhas formacións políticas emerxentes manifestar que non son de esquerdas, nin de dereitas. Que son “transversais”. Din que pretenden así ocupar a “centralidade” e superar vellos esquemas. Estas ideas, difundidas nun primeiro momento por Podemos, son asumidas xa por dirixentes de Cidadáns, o partido de Albert Rivera, e por algunhas das chamadas “Mareas”, que se negan a definirse como de esquerdas.

A loita de clases desapareceu por arte de maxia e agora só hai que falar de “xente”, “dos de arriba e dos de abaixo”. Naturalmente, o tema da República xa non é importante e un pode ser “juancarlista” ou “felipista”, afiliarse por internet a calquera deses partidos ou facer un regaliño ao rei o día seguinte do 14 de abril, Día da República. Por certo, Pablo Iglesias perdeu unha boa ocasión para entregarlle unha carta a Felipe VI no Parlamento Europeo coas reivindicacións que enviou ao rei a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña con motivo da súa visita á cidade da Coruña: que retire os títulos nobiliarios concedidos polo seu pai e Franco a golpistas e persoas que cometeron crimes contra a humanidade; que condene o franquismo e os crimes cometidos por ese réxime, etc. Pero, seguramente, se entrega esa carta e non unhas peliculiñas, non tería as portadas que conseguiu nos medios de comunicación. Así funciona isto: terás cobertura informativa, sempre e cando non cuestiones o sistema, nin a monarquía como forma de Estado.

"Preséntanse como un partido que quere acabar co réxime de 1978, pero non cuestionan a forma de Estado, é dicir a monarquía, imposta polo franquismo, e non recoñecen o dereito a ese proceso constituínte para as nacións do Estado"

Afortunadamente, cada día están máis clarificadas as distintas posicións. Xa sabemos que moitas forzas políticas falan, por exemplo, do dereito a decidir, pero a interpretación que fan deste dereito é moi diferente. Así, como motivo da abdicación do rei Juan Carlos, as organizacións políticas da Coruña: BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, PCG, CxG, Nós-UP, entre outras, asinaban o manifesto Galiza pola República e polo dereito a decidir, no que se dicía: “Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado”.

Pablo Iglesias xa explicou que Podemos non entende así o dereito a decidir e que o proceso constituínte debe darse cun carácter estatal. Curiosamente, preséntanse como un partido que quere acabar co réxime de 1978, pero non cuestionan a forma de Estado, é dicir a monarquía, imposta polo franquismo, e non recoñecen o dereito a ese proceso constituínte para as nacións do Estado, como Galiza, porque non o permite a Constitución española. É o mesmo discurso, neste tema, que PP e PSOE.

Comentarios