Opinión

O contralmirante González-Llanos

Esta é a historia oficial de José María González-Llanos y Caruncho, enxeñeiro, catedrático da Escola Superior de Enxeñería Naval de Madrid, director de Bazán, fundador de Astano, etc. É hora de coñecer a biografía silenciada.

En Ferrol coñecemos biografías secuestradas de significados fascistas que conservan todo tipo de distincións. Camilo Alonso Vega, ministro da represión, loce estas credenciais nunha escultura no Hospital Juan Cardona: "Hijo Ilustre de la ciudad. Soldado heroico. Gobernante ejemplar. Paradigma de lealtades y generoso benefactor". Pedro Nieto Antúnez, ministro na ditadura, é presentado como "gran marino, patriota" e conserva desde 1961 a distinción de Fillo Predilecto "por su constante apoyo a las aspiraciones del pueblo ferrolano en pro del mejoramiento y progreso de la ciudad".

González-Llanos ingresa na Armada como aspirante con 14 anos; en 1919 era alférez de navío e en 1921-1922 participa na Guerra do Rif. En 1935 era director da factoría de Ferrol da Sociedad Española de Construcción Naval (SECN). Apoia a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 e poucos días despois cesa como director da SECN e embarca o 7 de agosto de 1936 como Capitán de Corbeta no cruceiro Canarias da Armada sublevada, desembarca o 7 de novembro de 1936 e, habilitado como capitán de navío, regresa ao seu posto de director.

O Canarias participa na batalla de Cabo Espartel, lembrada nunha placa en xuño de 2018, con aprobación unánime do concello de Mijas (PSOE, PP e CS): "En memoría de la tripulación del destructor Almirante Ferrándiz, buque de la II República Española. Fue hundido el 29 de septiembre de 1936 por el crucero Canarias, sublevado contra el gobierno democrático. Murieron entre 98 y 102 tripulantes. Diecisiete supervivientes fueron fusilados".

Os sublevados asasinaron máis de 1.000 persoas na comarca de Ferrol e acabada a Guerra Civil fusilaron 200.000 persoas en todo o Estado. A Resolución 39 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas definía a ditadura de Franco en 1946 como "réxime fascista".

González-Llanos ten condecoracións que recoñecen o seu apoio á sublevación de 1936 e ao exército fascista. Recibe a "Medalla de la Campaña (1936-1939) ", condecoración militar concedida entre 1938 e 1939, destinada a premiar tanto accións de vangarda (combate) como na retagarda. O ferrolán Gabriel Pita da Veiga y Sanz –almirante en 1972 e ministro de Mariña (1973-1977), que presenta a súa dimisión cando se legaliza o Partido Comunista de España– recibiu tamén esta medalla.

González-Llanos recibía a Medalla de Prata da cidade no pleno de Ferrol de 17 de abril de 1943, presidido polo alcalde Eduardo Ballester Peris (1939-1947). É tamén Fillo Predilecto (3/6/1968), distincións que aínda conserva. Ese mesmo Pleno concedía a Medalla de Prata a significados franquistas como os ministros Alfonso Peña Boeuf e José Ibáñez Martín.

 

A primeira corporación democrática de Ferrol eliminaba 61 rúas franquistas en 1981, entre elas as de González-Llanos (hoxe Circunvalación) e Salvador Moreno (hoxe Irmandiños). Unha Resolución do pasado 17 de marzo da ministra de Defensa eliminaba, entre outras, as rúas González-Llanos e Salvador Moreno Fernández do Arsenal Militar. E o Pleno de Ferrol do pasado 31 de marzo, sen ningún voto en contra (votos a favor do PSOE, Ferrol en Común e BNG, abstención do PP) aprobaba a retirada da distinción de Fillo Predilecto a González-Llanos e a estatua que ten no barrio de Esteiro (cunha inscrición no lateral que di: "La Marina a su Contralmirante"). Agora, o PP presenta unha moción para que non se execute o citado acordo e non se retire a estatua.

 

En aplicación da Lei de Memoria Histórica –"As Administracións públicas tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura"– estes dous militares non deberían conservar rúas, estatuas e distincións. A batalla continúa!

 

Comentarios