Opinión

Biografías secuestradas (I): Jesús Alonso Fernández

O relato oficial recolle biografías "exemplares" de moitos empresarios, como recentemente co falecemento de Jesús Alonso Fernández. Sucedeu o mesmo con Emilio Botín, presidente do Banco Santander, defraudador de Facenda, que tiña 2.000 millóns de euros en contas secretas na banca suíza, que non declarara.

No meu libro Indecencias e corruptelas, falaba de Empresarios exemplares e terrorismo patronal, sinalando a Gerardo Díaz Ferrán, presidente da CEOE, que non pagaba a nómina e as cotizacións á Seguridade Social de máis de 600 traballadores e traballadoras de Air Comet, empresa que presidía. Recibía o apoio do 95% da Executiva da CEOE e doutro empresario "exemplar", José Manuel Fernández Alvariño, presidente dos Empresarios de Pontevedra, que nunha 'Carta abierta' subliñaba a "autoridade moral" do presidente da CEOE.

Despois está o "terrorismo" ("Utilización do terror de maneira sistemática e indiscriminada con finalidade política e social", segundo o Dicionario Xerais) dalgún empresario para acabar cun goberno municipal. Jesús Alonso Fernández (nado en Boiro en 1929, falecía o pasado 27 de maio) foi alcalde de Boiro polo PP de 1995 a 2003. As crónicas oficiais falaban de que as súas empresas empregaban 4.500 persoas (3.200 na Barbanza) e hai quen o cualificaba como "un dos bos e xenerosos". Deixa unha importante corporación empresarial, como recollía Moncho Ares, delegado de La Voz de Galicia na Barbanza: Jealsa, que agrupa as conservas de pescado Escurís, Rianxeira, MareAperto, Robinson; Jealfer, dedicada á moda; Inmobiliaria Alessa; enerxéticas Beltaine e Seanergy, con centros de producción en Galiza,Chile, Guatemala e Brasil; participa no grupo atuneiro Albacora e en Fripusa, dedicada ao almacenamento de túnidos.

Falta outra biografía secuestrada e non podemos calar porque sería unha fraude. Exiximos verdade, xustiza e reparación. Era o maior capitalista do Barbanza, dos máis importantes de Galiza, sempre ao servizo do PP, e non puido soportar a perda da alcaldía en 2003. Xosé Deira, profesor de filosofía, dáballe a alcaldía ao BNG, un auténtico terremoto político: a democracia e a ética derrotaban o capital e o caciquismo. Alonso non parou un minuto nunha campaña continuada de desgaste do goberno municipal BNG-PSdeG-PSOE, pero que derrotaba novamente ao PP en 2007.

Como os métodos utilizados até ese momento non deran resultado, Alonso aproveitaba a cea de Nadal de 2010 co persoal do grupo Jealsa-Rianxeira para ameazar con marchar de Boiro se continuaba o goberno municipal presidido por Deira. Este tipo de actuacións, auténtico terrorismo, no sentido de crear medo, deberían estar contempladas no Código Penal e castigadas co cárcere pero, como dicía Iñaki Gabilondo, "la justicia española no es ciega, es tuerta: ve muy bien con un ojo, el derecho".

"Cando a empresa se converte en política", titulaba Galicia Confidencial (28-12-2010). "Si en las próximas elecciones estos señores repiten mandato, yo me voy de Boiro". "Si las cosas marchan mal, muchos de vosotros perderíais los puestos de trabajo". Alonso rematou o seu discurso, cheo de alusións políticas, dando o seu total apoio ao candidato do PP na localidade, Juan José Dieste: "No os pido solo el voto para él, sino que le ayudemos en la campaña. Él es un economista, con prácticas en nuestra empresa, que no tiene nada que ver con el filósofo o los dos pintantes que le acompañan en el gobierno".

O BNG acusaba Jesús Alonso de "coaccionar os seus traballadores e condicionalos para que tomen partido polo PP". "É inevitable que os traballadores sintan medo polo seu futuro se non fan o que se lles aconsella. El sábeo e aprovéitase da súa posición de superioridade". Definía a Jealsa-Rianxeira como "unha peza clave para a economía e o emprego de Boiro e do noso país" e lembraba que "desde o Concello se apoiou e se apoiará a esta empresa para que continúe coa súa actividade moitos anos, sempre, claro está, que cumpra coa legalidade", (La Voz de Galicia, 27-12-2010).

Nas eleccións municipais de 2011 o PP recuperaba a alcaldía de Boiro e poucos días despois Jesús Alonso aparecía nun xantar todo risoño, acompañado de Mariano Rajoy. En 2019 o PP perdía a alcaldía. 

Comentarios