Opinión

Balance de 2022: Galiza conserva 700 restos do franquismo en 90 concellos

Estamos a falar dunha auténtica vergoña nacional. O PP non está interesado en acabar cos restos do franquismo porque foron os promotores da Fundación Francisco Franco para manter viva a memoria do ditador. Manuel Fraga presidía en marzo de 1977 o congreso fundacional de Alianza Popular, despois PP, que acababa con 3.000 "neofranquistas entusiasmados" en pé (recollido polos medios de comunicación) coreando "Franco, Franco, Franco!". Pero hai unha responsabilidade dos partidos de esquerda porque gobernan en tres deputacións e nas principais cidades galegas. Deberían comprender que acabar co poder da dereita e ultradereita esixe un traballo informativo, didáctico e de mobilización cívica para acabar cos restos do franquismo.

O balance é moi pobre despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007, moi insuficiente, pero que nin se aplicou. Desde hai tres meses temos a Lei de Memoria Democrática (LMD), aínda escasa. Dicía nestas páxinas en agosto de 2021 que "falta coherencia, coordinación e vontade política para acabar cos restos do franquismo". Seguimos nas mesmas.

Se o artigo 1.3 da LMD define o réxime franquista como "ilegal", tamén serán ilegais os seus ministros, alcaldes, presidentes das deputacións, gobernadores civís, golpistas, represores, etc. Por que os partidos da esquerda de Santiago e Ferrol, que son maioritarios, non retiran as distincións a 20 e 10 ministros de Franco, respectivamente? Ferrol (Ferrol en Común) e Cedeira (PSdeG) xa retiraron a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida cando era ministro da ditadura. Pero o "camarada Fraga" conserva esa mesma distinción na Coruña (PSdeG), na Deputación da Coruña (PSdeG e BNG) e en numerosos concellos.

Hai unha responsabilidade dos partidos de esquerda, que gobernan en tres deputacións e nas principais cidades galegas

O Rei Emérito perdía en Pontevedra a Avenida Juan Carlos I (BNG e PSdeG), pero o rei fuxido conserva rúas, distincións, retratos e bustos en numerosos concellos gobernados pola esquerda: Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Camariñas, Culleredo, Vilagarcía de Arousa.

O artigo 41 da LMD retira a Pedro Barrié de la Maza o título nobiliario de Conde de Fenosa. Sada retiroulle unha avenida e o titulo de Fillo adoptivo (votos a favor de Sada Maioría, BNG, PSdeG e Alternativa dos Veciños). Corcubión (PSdeG) aprobaba unha iniciativa do BNG e retiráballe o título de Fillo Adoptivo. Pero conserva rúas e distincións na Coruña, Ferrol, O Barco de Valdeorras, Deputación da Coruña.

O concello de Logroño, sendo alcaldesa Cuca Gamarra (PP), retirou a rúa Calvo Sotelo e a LMD o título de Conde de Calvo Sotelo, pero a sala de visitas do palacio municipal de María Pita da Coruña está presidida polos retratos de catros golpistas: José Calvo Sotelo, Severiano Martínez Anido, Mario Muslera y Planes e Miguel Primo de Rivera.

Enrique Otero Aenlle, alcalde de Santiago, gobernador de Lugo e Salamanca na ditadura é Fillo Predilecto de Ribadeo (BNG), pero Campillo de Azaba (Salamanca) con alcaldía do PP, acordaba en 2017 retirarlle a rúa.

Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, retiraba en 2009 a José Antonio Girón de Velasco, significado fascista e ministro na ditadura, a Medalla de Prata das Pontes. A Coruña retiráballe o título de Fillo Adoptivo en 2010, pero Formoso mantén na Deputación da Coruña esta distinción.

Tanto a lei de 2007 como o artigo 35.1 da actual LMD consideran que son elementos contrarios á memoria democrática "a exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar e da Ditadura", pero os incumprimentos son evidentes. O BNG promove ou apoia iniciativas en Vigo, Celanova ou Neda para retirar a Cruz dos Caídos, pero continúan eses monumentos de exaltación da sublevación militar en Pontevedra e Vigo (PSdeG).

O concello do Barco de Valdeorras (PSdeG) acordaba por unanimidade pedir ao concello da Coruña que a rúa Alcalde Peñamaría (participou en 1939 como tenente da Lexión en crimes nesa comarca) sexa cambiada por Mártires de Valdeorras. O goberno da Coruña négase, a pesar das numerosas peticións, entre elas da CRMH.

A Deputación da Coruña mantén a distinción de Fillos Adoptivos aos militares responsábeis da sublevación de 1936, concedida en 1937: Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Figueras e Pablo Martín Alonso. A que esperamos para acabar con esta vergoña e humillación das vítimas do franquismo?

Comentarios