Opinión

O artigo 2º da Constitución foi imposto polo Exército

O 6 de decembro a Constitución Española está de aniversario. Como todos os anos, escoitaremos que foi o resultado dun consenso entre todas as forzas políticas. Unha Constitución que se elabora nunha Transición da ditadura á democracia, cualificada como modélica, pero que deixou en postos de máxima responsabilidade do Estado –Cortes, Xudicatura, Forzas Armadas, Policía etc.– significados franquistas. Poucos días despois da morte do ditador Franco, o rei Juan Carlos concedía á familia todo tipo de distincións e títulos nobiliarios como o Señorío de Meirás e o Ducado de Franco, cualificando corenta anos de ditadura como “gloriosa etapa histórica de nuestra Patria” (BOE nº 285, 27-11-1975).

Como sempre, non haberá moitos artigos de opinión que lembren que entre os “pais” da Constitución estaba Manuel Fraga, ministro de Franco, que morreu sen o menor arrepentimento por asinar penas de morte contra loitadores antifranquistas e que estivo sempre orgulloso dos seus servizos á ditadura. E ninguén falará de que, despois de corenta anos de democracia, o Emérito Rei Juan Carlos e o Rei Felipe VI aínda non condenaron a ditadura criminal, caso único nos países democráticos.

O Emérito Rei Juan Carlos e o Rei Felipe VI aínda non condenaron a ditadura criminal, caso único nos países democráticos

 

Tampouco haberá moitas reportaxes que falen do papel fundamental que xogou o Exército na Transición e na elaboración do texto constitucional que se votou no referendo de 6 de decembro de 1978. Afortunadamente, persoas que viviron o proceso de elaboración da Constitución, participando na propia Ponencia, deixaron a súa testemuña por escrito en libros publicados, pero bastante silenciados.

A acta da sesión da Ponencia de 22 de agosto de 1977 (as actas da Ponencia Constitucional están recollidas na Revista de las Cortes Generales) recolle que “o representante da MInoría Vasco-Catalá oferece un texto transaccional para o artigo 1º dividido en tres apartados que, con algunhas rectificacións, na forma en que se adxunta a esta minuta, foi adoptada como elemento de traballo na primeira leitura. Para o artigo 2º ofereceu igualmente un texto conciliatorio, que se adoptou tamén como documento de traballo en primeira leitural. O representante de Alianza Popular manifestou a súa oposición á redacción pola súa referencia ás nacionalidades, anunciando un Voto Particular sobre o tema. Do mesmo xeito o representante do PSOE e grupo comunista anunciou a posibilidade dun Voto Particular pola inclusión dunha referencia á monarquía. O texto adoptado únese igualmente a esta minuta".

Após a primeira leitura ficaba así o artigo 1º da Constitución: "1. España constitúese nun Estado democrático e social de direito que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico, a liberdade, a xustiza, a igualdade e o respeito ao pluralismo político; 2.-A soberanía reside no pobo, que a exercer de acordo coa Constitución; 3.-A forma política do Estado español é a monarquía parlamentar nos termos definidos na Constitución". E o artigo 2º: "A Constitución recoñece e a Monarquía garante o direito á autonomía das diferentes nacionalidades e rexións que integran España, a unidade do Estado e a solidariedade entre os seus pobos".

Que sucedeu despois? Iso é materia reservada, que non debe coñecer a cidadanía, e por iso non aparece nas actas da Ponencia. Afortunadamente, Jordi Solé Tura, que presidía a Ponencia (era rotatoria) e, xa que logo, era unha testemuña excepcional, explica o que sucedeu no seu libro Nacionalidades e nacionalismos en España (Alianza Editorial, 1985). Cando estaban en pleno debate das emendas na Ponencia, apareceu un mensaxeiro da Moncloa cunha nota que indicaba como debía ser a redacción do famoso artigo 2º: A Constitución española fundaméntase na unidade de España como patria común e indivisíbel unidade da nación española". Despois deste recadiño, de procedencia militar, sen dúbida, o texto definitivo quedaba así: A Constitucion fundaméntase na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivísibel de todos os españois, e recoñece e garante o direito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas".

Jordi Solé Tura, que presidía a Ponencia (era rotatoria) e, xa que logo, era unha testemuña excepcional, explica o que sucedeu no seu libro Nacionalidades e nacionalismos en España (Alianza Editorial, 1985)

O propio Solé Tura dá detalles dos feitos no citado libro: “A última hora de la tarde, chegoume en tanto que presidente da sesión, un papel escrito a man e procedente da Moncloa na (sic) que se propuña unha nova redacción do artigo 2º. Era unha redacción complexa, en que se introducían os conceitos de ´patria´ e de ´nación´, mais na que se mantiña o termo ´nacionalidades´. Era, de feito, unha refundición de conceitos que reflectía moitos dos pontos da discusión final entre UCD, os comunistas e os nacionalistas, mais tamén os resultados da presión exterior. Como presidente da sesión, finalmente celebrada, fixen observar, porén, que o texto adolecía dunha redacción deficiente e tiña mesmo problemas sintácticos. Mais a resposta que me deron os representantes de UCD é que non se podía variar nen una coma, porque aquel era el texto literal do compromiso alcanzado cos sectores consultados. Evidentemente, non se especificou cais eran estes sectores, mais non é dificil adiviñalo".

O texto definitivo do artigo 1º –“A soberanía nacional reside no pobo español (a primeira lectura dicía “A soberanía reside no pobo”); e a referencia no artigo 2º á “Nación española como patria común e indivisíbel de todos os españoles”– é un tema de actualidade porque é utilizado continuamente para negar, entre outras cousas, o dereito a decidir das nacións do Estado español. Non é casualidade que na sentenza do Tribunal Constitucional contra o Estatut de Cataluña de 2010 apareza até catorce veces a referencia a que España é indisolúbel.

Josu Erkoreka, dirixente do PNV, analiza a gravidade destes feitos no seu blog de 12-4-2009: “A confesión é sobrecolledora. Admitir que o artigo en que se define a base sobre a que ´se fundamenta´ a Constitución foi impuesta aos representantes da vontade popular por uns ´sectores consultados´ de natureza extraparlamentar, é algo que cuestiona moi seriamente a lexitimidade da norma fundamental. O artigo 2º da Constitución –o que articula a cuestión nacional no Estado español– ten unha xénese antidemocrática. Foi concebido por poderes fácticos extraparlamentares –ninguén pon en dúbida que eran militares– e imposto aos representantes lexítimos da vontade popular, vaia vosté saber baixo que caste de ameazas".

Pola súa parte, o xornalista Antonio Baños, no seu libro La rebelión catalana fai o seguinte comentario: “Así que o artigo 2º, ese conxuro que a tropa constitucional enarbora inflexibe porque ´nos lo dimos los españoles´ resulta que nolo deron escrito ´los sectores consultados´. Algúns con gorra de plato e outros con coroa. España é indisolúbel e indivisíbel porque un motorista trouxo unha nota de Palacio. En fin, como siempre”.

Como é posíbel este silencio cómplice? Como é posíbel que non se faga referencia a esa “presión exterior”, que deu orixe ao artigo 2º da Constitución?

 

Como é posíbel este silencio cómplice? Como é posíbel que non se faga referencia a esa “presión exterior”, que deu orixe ao artigo 2º da Constitución, nos artigos de opinión, debates, declaracións de catedráticos de dereito constitucional, reportaxes nos aniversarios da aprobación da Constitución etc. que se publican estes días? 

Case corenta anos despois de aprobarse a Constitución, as Forzas Armadas seguen mandando moito e son utilizadas como ameaza cando o pobo quere exercer o seu dereito a decidir. Por iso María Dolores de Cospedal, ministra de Defensa, lembraba o 5 de outubro de 2017, poucos días despois da celebración do referendo de Cataluña, que a misión do exército é “garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional”.

Comentarios