Opinión

Alonso Montero e o franquismo que “ya no era muy duro”

Que quere dicir iso de “tecnicamente”? Non é a primeira vez que se intentan camuflar os servizos ao franquismo como unha cuestión técnica ou presentar a franquistas como tecnócratas. 

Non vou polemizar sobre a elección pola Real Academia Galega (RAG) de Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015, mais as declaracións políticas do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, con motivo  desa elección non poden quedar sen resposta. Nunha entrevista en El País de 21 de setembro de 2014 Alonso Montero define a Filgueira Valverde como “erudito, polígrafo e sabio” e, a continuación, manifesta: “Filgueira tecnicamente nunca fue franquista”.

"Non é a primeira vez que se intentan camuflar os servizos ao franquismo como unha cuestión técnica ou presentar a franquistas como tecnócratas".

Que quere dicir iso de “tecnicamente”? Non é a primeira vez que se intentan camuflar os servizos ao franquismo como unha cuestión técnica ou presentar a franquistas como tecnócratas. Cando participei nunha Comisión de Expertos no concello da Coruña para a eliminación da simboloxía franquista  estaba sobre a mesa a retirada da distinción como “Fillo Adoptivo da Coruña” de numerosos ministros de Franco, entre eles Manuel Fraga, e tiven unha polémica pública con Juan José Sánchez Arévalo, daquela vicepresidente do Ateneo Republicano. Sempre defendín que Fraga non merecía esa distinción, concedida en 1968, polos seus servizos á ditadura franquista. Sánchez Arévalo defendía ou desculpaba a Fraga porque estaba entre aqueles que “participaron como tecnócratas, administradores o servidores ministeriales de un régimen dictatorial”.

Non sei se para o presidente da RAG Filgueira era un tecnócrata, mais o que está claro é que foi un servidor do franquismo, é dicir, dunha ditadura criminal, como recollía a Resolución 39 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946: “De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime Fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini”.

"Foi un servidor do franquismo, é dicir, dunha ditadura criminal, como recollía a Resolución 39 da Asemblea Xeral da ONU de 12 de decembro de 1946"

Para xustificar o seu discurso, é dicir, que Filgueira non foi un alcalde franquista, Alonso Montero declara: “Fue alcalde de Pontevedra del 59 al 68, pero era una época en que el franquismo ya no era muy duro”. “Fue alcalde porque muchos amigos le instaron, casi le obligaron”. Na ditadura non nomeaban como gobernadores ou alcaldes a calquera, senón a aquelas persoas de probada fidelidade á causa, pero o presidente da RAG desculpa a Filgueira porque “casi le obligaron”.

O camarada Alonso Montero, que está moi ben de memoria a pesar da súa idade, esqueceu que nese período a represión fascista era feroz. Un marxista e comunista de toda a vida debería lembrar que en 1963 foi asasinado o camarada Julian Grimau, dirixente do PCE, e ese mesmo ano executados a garrote vil os anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado. A xuíza arxentina María Servini ten aberta unha causa por estes crimes contra a humanidade. E Xosé Filgueira non sabía nada deses crimes.

"Un marxista e comunista de toda a vida debería lembrar que en 1963 foi asasinado o camarada Julian Grimau, dirixente do PCE, e ese mesmo ano executados a garrote vil os anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado"

En 1966 era detido o camarada Marcelino Camacho, dirixente de CCOO, e ese mesmo ano creábase Tribunal de Orde Pública (TOP) para reprimir a miles de persoas por manifestación ou asociación ilícita, entrre outras cousas. O goberno pecha as universidades de Madrid e Barcelona e moitos profesores, como Enrique Tierno Galván, Luis López Aranguren e Agustín García Calvo eran separados das súas cátedras. Aproveitando a Lei de Prensa e Información, promulgada polo ministro franquista, Manuel Fraga, pechan xornais e multan a xornalistas; desde 1966 até 1975 foron abertos 1.270 expedientes a distintas publicacións e 405 acabaron en sanción. O subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla foi multado con 50.000 pesetas en 1968 e ese mesmo xornal era multado en seis ocasións entre os anos 1967 e 1968. A ditadura declaraba estados de excepción para aumentar, aínda máis, a represión. O abade de Montserrat era obrigado a exiliarse por criticar o réxime franquista en Le Monde… Para Alonso Montero todo isto “no era muy duro”. Filgueira Valverde, que foi alcalde de Pontevedra de 1959 a 1968, non sabía nada disto, dedicábase a facer obras de caridade e, segundo Alonso Montero, “utilizó el franquismo para hacer desde dentro el máximo bien a quien sea y ayudar a aquellos que tenían dificultades”.

Alonso Montero tamén esquece que cando ese franquismo “ya no era muy duro”, o ministerio de Información e Turismo do “camarada Fraga” prohibía a difusión de Sempre en Galiza. O escritor Alberto Míguez era multado con 50.000 pesetas e condenado polo TOP a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El Pensamiento político de Castelao. E Xosé Filgueira non sabía nada. 

"Alonso Montero tamén esquece que cando ese franquismo “ya no era muy duro”, o ministerio de Información e Turismo do “camarada Fraga” prohibía a difusión de Sempre en Galiza"

Ademais de alcalde, o homenaxeado Filgueira Valverde foi procurador nas Cortes franquistas e estaba alí cando estas designan en 1969 o príncipe Juan Carlos como sucesor de Franco na Xefatura do Estado. O mesmo Alonso Montero recoñece na citada entrevista: “Estuvo en una comisión depuradora de bibliotecas. Pero no mandó quemar libros como hicieron los falangistas”. É dicir, só participaba na selección dos libros que había que queimar e eran os falanxistas os encargados de acabar o traballo.

Alonso Montero pode defender a Filgueira Valverde como colega e como padriño do seu ingreso na Real Academia Galega en 1993, mais o seu discurso político é impresentábel e pode servir como argumento para lexitimar un franquismo que “ya no era muy duro” e para lexitimar a actuación de persoas que dedicaron moitos anos da súa vida ao servizo dunha ditadura criminal.

Comentarios