Opinión

Pactos da Moncloa: xa vimos esta película e sabemos como acaba

Falemos do contexto no que se asinan os chamados Pactos da Moncloa o 25 de outubro de 1977: catro meses despois da celebración das primeiras eleccións democráticas; moitos partidos non puideron presentarse coas súas siglas porque aínda non estaban legalizados (nacionalistas, republicanos ou que estaban á esquerda do PCE como ORT, MCE, LCR, PTE). Eses pactos non tiñan só un significado económico e social, senón político. Tratábase de que permanecese intacto o poder do gran capital e o aparato xudicial e represivo (Policía e Forzas Armadas); preparar as condicións para a aprobación dunha Constitución un ano despois e para a consolidación da monarquía.

Asinaban estes pactos os partidos UCD, PSOE, PCE, AP, PNV, PSP e CDC-Minoría Catalana, que contaron co apoio da patronal e dos sindicatos CCOO e UGT. Non houbo, nin moito menos, un apoio unánime, nin a nivel político, nin sindical.

Eses pactos trouxeron unha perda do poder adquisitivo da clase traballadora polo tope dos incrementos salariais; abría a porta ao despido libre, etc. As promesas de melloras de tipos social quedaron sen executarse. Hoxe aínda non houbo unha valoración autocrítica dese pacto social por parte do PCE, CCOO e UGT, pero Julio Anguita, ex–dirixente do PCE e de IU, declaraba recentemente: “Si hacemos una reedición de los Pactos de la Moncloa, mal lo van a pasar los trabajadores, sobre todo los precarios y toda la gente que en estos momentos está malviviendo”.

Houbo unha importante contestación a ese pacto con folgas e manifestacións de miles de persoas en todo o Estado, como as convocadas en Galiza pola Intersindical Nacional Galega (ING), Comisións Labregas e outros sindicatos. A nivel de Estado a resposta foi importante por parte de sindicatos como SU, CSUT e CNT.

Persoalmente, estaba en Madrid en 1978 e participei na manifestación de 20.000 persoas do 1º de maio, convocada polo Sindicato Unitario (SU), apoiada pola Organización Revolucionaria de Traballadores (ORT), Movemento Unitario de Parados (MUP) e Federación de Asociacións de Veciños. Estes eran los lemas da convocatoria: “Unidad sindical contra el Pacto Social de la Moncloa”; “Frente Común de Trabajadores por el pan, el trabajo y la libertad”.

As persoas en paro estaban, daquela, o mesmo que agora, especialmente afectadas polas medidas económicas do goberno e polos pactos sociais. A ORT, co apoio do SU, impulsaba a organización deste colectivo, que culminaba na chamada Marcha dos Parados. Nun acto de máis de 20.000 persoas, celebrado o 19 de marzo de 1978 no palacio dos deportes de Madrid, quedaba constituído o Movemento Unitario de Parados (MUP). Experiencia histórica e unitaria, que podería impulsar tamén en Galiza o principal sindicato, é dicir, a CIG.

É previsible que os partidos maioritarios (PSOE e PP) e outros asinen un pacto social como en 1977 e na crise que se inicia en 2008. Non sería nada novo porque xa vimos esta película moita veces e sabemos como acaba: PSOE e PP xa se puxeron de acordo en poucas horas para cambiar o artigo 135 da Constitución (sempre dixeron que non se podía modificar). CCOO e UGT asinaron numerosos pactos sociais coa patronal e asinaron co goberno de Zapatero o incremento da idade de xubilación até 67 anos.

Cómpre que a CIG, como sindicato maioritario, lidere a constitución dunha fronte ampla sindical e social contra un novo pacto social como o da Moncloa e en defensa das maiorías sociais e non do capital (as tres principais eléctricas tiveron uns beneficios de 4.986 millóns de euros en 2019). Os acordos asinados pola CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC poderían ser unha boa base: “Protección social sen exclusións, que garantan o emprego, os salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora”. “Deixar atrás as políticas neoliberais e asegurar un financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas e ás grandes empresas”; “Intervención pública de sectores estratéxicos da economía como a banca e as eléctricas”.

Comentarios