Opinión

Xustiza social, soberanía e neoliberalismo

Rajoy, Montoro, De Guindos, e compañía, séntense fortes, optimistas, porque seica a economía vai medrar este ano no 1,2% do PIB, segundo o FMI, e o 1,6% no ano 2015; unha estimación esta última que o Goberno eleva ao 2%. 

Rajoy, Montoro, De Guindos, e compañía, séntense fortes, optimistas, porque seica a economía vai medrar este ano no 1,2% do PIB, segundo o FMI, e o 1,6% no ano 2015; unha estimación esta última que o Goberno eleva ao 2%. A outra boa noticia para o PP sería a queda da prima risco, e que o custe da prestación por desemprego sexa moito menor, o que permitiría cumprir os compromisos de déficit público máis doadamente. Abraia que o Goberno considere positivo reducir o desequilibrio fiscal pola vía de eliminar e deteriorar servizos básicos, como a sanidade e o ensino, e prestacións esenciais como as pensións, dependencia, e moi especialmente en desemprego (uns seis mil millóns menos este ano). Neste último caso, a rebaixa do gasto é consecuencia tanto da reforma regresiva realizada polo PP ao inicio da presidencia de Rajoy, como de que moitos parados/as esgotaron o dereito a recibir o seguro ou un subsidio. 

 "O Estado español é o territorio da OCDE onde máis medrou a desigualdade social entre 2007 e 2010"

No 1º trimestre deste ano había, segundo a EPA, 101.500 fogares na Galiza nos que todos os seus integrantes estaban no desemprego, e 34.000 familias que carecían de calquera tipo de ingreso. Unha situación límite, dramática, que dá lugar a que un 22% dos menores estean por debaixo da liña de pobreza. Para este segmento da poboación, cada vez máis grande e consolidado como realidade estrutural, a dereita non ten ningún plano de resgate como o aprobado con urxencia para a banca, nen amosa a sensibilidade manifestada coas grandes fortunas e altos directivos. Como consecuencia desta política elitista o Estado español é o territorio da OCDE onde máis medrou a desigualdade social entre 2007 e 2010, e o segundo con maior desigualdade da Unión Europea, só por detrás de Letonia. 

Estas son as tendencias sociais dominantes, tanto no Estado español como na maioría dos países do mundo, que fan da globalizacion neoliberal o becerro de ouro. Daquela, pensar que co medre do PIB mudará esta tendencia, que pon o acento na explotación social, na opresión nacional e nas diferenzas territoriais, é pura utopía. Son necesarios grandes cambios na correlación de forzas e mobilizacións que forcen mudanzas sistémicas, para que isto aconteza. Ao gran capital élle funcional o actual contexto, e mesmo moitas empresas que están afectadas pola crise soñan con transferir os custes ás clases populares, sen moita contestación. O certo é que, hoxe, quen decide en exclusiva a actitude dos gobernos son a Bolsa, a prima risco, e os investimentos externos, mentres que as mobilizacións sociais, os sindicatos ou os parlamentos perderon poder. E o modelo de relacións laborais a copiar é o de China, India ou Indonesia, e non como hai algunhas décadas o de Suecia, Dinamarca, ou os países socialistas. 

"Procurar a competitividade en base a reducir salarios e prestacións non ten fin, porque dentro da propia UE están facendo o propio economías tan fortes como a francesa"

As clases dominantes, especialmente en Europa, xa non venden como un éxito do sistema un salario  e condicións de traballo dignas, e boas prestacións públicas, senón un posto de traballo e uns servizos básicos mínimos, co argumento de que “se viviu por riba das posibilidades” e porque “os baixos salarios son garantía de emprego nun mundo moi competitivo”. Mais, o certo é que, mentres baixan os salarios, soben os lucros empresariais, os ingresos das grandes fortunas e altos directivos.  Asemade, procurar a competitividade en base a reducir salarios e prestacións non ten fin, porque dentro da propia UE están facendo o propio economías tan fortes como a francesa, e a medida que se eliminan os aranceis polos tratados de libre comercio a competencia se alarga e intensifica. Por outra banda, tendo Galiza e Portugal salarios máis baixos que Madrid, Euskadi e Cataluña, xérase nestes últimos máis emprego. Xogan polo tanto na creación de emprego máis factores: como o poder político, as  regras económicas (que apoian uns sectores e afectan outros negativamente), a tecnoloxía, etc.

En poucas palabras: o capital, ademais de impoñer un modelo que é funcional á centralización e concentración da economía e do poder, puxo a competir como nunca antes a clase traballadora a nivel mundial, mediante a deslocalización de empresas, libre circulación do capital e garantía dos investimentos, emigración masiva, economía de escada, e tratados de libre comercio. E, por se iso non abondase, con todo os recursos dos estados, dende os militares ate os mediáticos, traballando nesta tarefa. Moi poucos países están á marxe desta lóxica, e os que pretenden facer políticas de redistribución do traballo, da riqueza e do poder, sen rachar coa globalización, ou sexa coa hexemonía do capital sobre a sociedade, terminan máis cedo que tarde perdendo o control da economía e recuando nas conquistas sociais, por mellores que sexan as intencións e revolucionarias as proclamas.

"Serían posíbeis os salarios dignos en todos os sectores e categorías cunha distribución máis equilibrada das rendas do traballo e o capital"

Por iso, neste momento histórico, o aspecto principal está na cuestión da soberanía. E esta, nos países dependentes e non imperialistas, só se pode acadar ou manter mediante un cambio sistémico, que rache coa dependencia económica e política. Este é o único xeito de evitar que se secuestre ou torza a vontade popular, mesmo en países onde gobernan forzas reformistas ou revolucionarias. Se non fose deste xeito, se todo fose cuestión de boas palabras, dado o grao de acumulación de riqueza dos países da Europa occidental sería posíbel manter sen retallos os servizos e prestacións sociais, malia o envellecemento da poboación, dado que medrou a taxa de actividade e a produtividade. Poderíase baixar a mínimos o desemprego, só eliminando as horas extras e aquelas que se realizan forzadas polas empresas sen ningunha compensación. Serían posíbeis os salarios dignos en todos os sectores e categorías cunha distribución máis equilibrada das rendas do traballo e o capital, por exemplo, como a que había hai tres décadas, malia que daquela a porcentaxe de asalariados/as era moi inferior. Non son propostas socialistas, só keynesianas, posíbeis nun contexto no que a renda por persoa dobra a de hai unhas décadas, no que as condicións eran máis favorábeis, que non as xustas, para amplos sectores da sociedade. 

Agora ben, mesmo sendo todas as anteriores propostas reformistas posíbeis, e malia as promesas de compromiso coa sociedade (mesmo da dereita), na práctica aumentan as desigualdades sociais, o desemprego e a exclusión social. Non é polo tanto un problema de capacidade económica, senón de hexemonía do capital, de represión social, dunha correlación de forzas moi favorábel ás clases dominantes. En resumo, para non me estender moito máis, neste tempo histórico non é posíbel desenvolver a economía nun país dependente, e facer un reparto máis xusto do traballo e da riqueza, sen soberanía. Mais tampouco é posíbel ter soberanía real, ou sexa ao servizo das necesidades das clases populares do país, se non se desenvolve unha economía autocentrada e sustentábel, ao servizo do pobo, ou sexa, non dependente do capital globalizado, que neste momento histórico abrangue á inmensa maioría das grandes e medianas empresas. 

http://manuelmera.blogaliza.org/