Opinión

Xornada nacional de loita. Lembranza e actualidade

O vindeiro 27 de xuño cúmprense catro décadas da realización da 2º Xornada Nacional de Loita, convocada no ano 1978 pola Intersindical Nacional Galega (ING). Estaba apoiada polas Comisiós Labregas (CCLL), Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), Unión do Povo Galego (UPG) e Unión da Mocidade Galega (UMG). O lema da xornada era: “contra a política económica do governo; na defensa do posto de traballo na Terra”. Era a resposta activa ás ameazas de perdas de postos de traballo e peche en empresas como: Ascon, Corfi, Regojo, Bein, San Remo, Unión Cradytor, Barros Chavín, Castro Caride, Unicar, etc. O desmantelamento atinxía de cheo ao sector industrial galego que, ademais tiña unha dimensión moi reducida, dado que Galiza cumpría na cadea de valor o papel de fornecedor de materia prima e man de obra barata para a emigración. 

No panfleto que se repartiu para a ocasión en Vigo afirmábase: “no caso do sector naval, a redución do 60% da capacidade produtiva, e por tanto dos postos de traballo, é dicir, que dos aproximadamente 32.000 traballadores imos quedar só 13.000 e os 19.000 restantes ficaran na rúa”. Destacábase que a xornada estaba convocada xunto “coa organización da clase labrega, Comisións Labregas”, e remataba o texto cos lemas:”Pola defensa do posto de traballo na Nosa Terra!!! Contra o capitalismo colonial!!! Solidariedade con Ascon, Corfi e Regojo!!! O día 27 paros e asembleas!!!”.

Ademais da defensa do emprego, outro dos aspectos que motivaban a Xornada Nacional de Loita do 27 de xuño era a aplicación do Pacto da Moncloa, que foi asinado o 25 de outubro de 1977. O sindicalismo nacionalista contestou esta claudicación da esquerda estatalista realizando manifestacións en novembro de 1977 e unha Xornada de Loita o 27 de xaneiro de 1978. O pacto xustificouse nas dificultades económicas e nun posíbel golpe militar. Con esta escusa os asinantes acordaron que os salarios aumentaran moi por debaixo da inflación, ou sexa, que a clase traballadora asumise os custes do duro axuste que estaba impoñendo o capital para manter beneficios. Asinaron o acordo os partidos políticos: UCD, AP, PSOE, PCE, PSP, CSC, PNV, CiU. Este pacto social sería apoiado inmediatamente pola patronal así como por CC.OO e UGT. 

Ademais da defensa do emprego, outro dos aspectos que motivaban a Xornada Nacional de Loita do 27 de xuño era a aplicación do Pacto da Moncloa

 

O Pacto da Moncloa dividiu o movemento sindical, convenio a convenio, e implicou o primeiro gran retroceso para a clase traballadora. Unha clase que se fora fortalecendo durante os últimos anos do franquismo, malia a dura represión, e conseguindo importantes conquistas durante os primeiros tempos da transición a través dos paros e mobilizacións en empresas e sectores. 

A primeira Xornada de Loita, convocouse pola ING o 27 de xaneiro, como resposta a este pacto social anti-obreiro, e foi un éxito de participación. Fixéronse paros e asembleas en moitas empresas, e manifestacións en 15 cidades e vilas do país. Os xornais indicaban tamén que foran detidas 15 persoas. O Eixo, voceiro da ING, valoraba en 30.000 as persoas participantes. Non se pode obviar que estas mobilizacións, e a presenza activa nos convenios de sector, e a xornada de loita, permitiron que o sindicalismo nacionalista acadase nas eleccións sindicais de principios de 1978 o terceiro lugar e 1.079 delegados e delegadas, mais do 15% do total. Converténdose deste xeito en referencia da esquerda rupturista. 

A Segunda Xornada de Loita tamén consistiu na realización de paros parciais, asembleas nas empresas, e manifestacións en 17 cidades e vilas do país (dúas máis que na xornada anterior). A Nosa Terra salientaba que fixeran pronunciamentos de apoio os comités dunhas 500 empresas, e que na manifestación de Vigo participarían tres membros do comité de folga de Ascon na pancarta de cabeceira. La Voz de Galicia, que dedicaba paxina e media ao tema, e que aparecía en portada, salientaba que “as mobilizacións transcorreron con normalidade, agás en Pontevedra, onde se envorcaron vehículos, fixéronse fogueiras e barricadas”. 

A Segunda Xornada de Loita tamén consistiu na realización de paros parciais, asembleas nas empresas, e manifestacións en 17 cidades e vilas do país

 

Algo pouco común na actualidade, no Eixo dábanse ademais as claves axitativas e organizativas da xornada: “demostrar que o sindicalismo nacionalista anticapitalista e anticolonial, a ING, non é unha alternativa testimuñal, senón que é unha central con incidencia real, é un instrumento operativo da clase traballadora (...) A campaña plantexouse en varias etapas: unha primeira de sensibilización (...) a través de asembleas, telegramas de solidariedade, recollida de cartos  pra manter os conflitos. Posteriormente: recollida de sinaturas de delegados e delegadas de comités de empresa (...) a ocupación de 16 locais da AISS (delegación de Traballo) de toda Galiza, para que a prensa recollese a acción”. Interesante, non só se procuraban socializar os obxectivos sindicais e políticos, senón tamén a folla de ruta e os métodos de traballo. 

As dúas xornadas nacionais de loita de 1978 foron fundamentais para o avance do sindicalismo nacionalista. Eran o resultado da coherencia, da confianza no proxecto, do atrevemento e da iniciativa. Métodos de traballo que axudaron a que se deran pasos para unificar no nacionalismo á maioría da esquerda rupturista. Obxectivos, folla de ruta e xeitos de facer que permitiron, que no ano 1984, se dera un novo salto cualitativo coa convocatoria dunha folga xeral nacional o 12 de febreiro. Á que seguiron outras dúas o mesmo ano. Destas loitas, e das que hoxe se realizan, fortalécese a CIG para ser a forza con maior capacidade mobilizadora e con máis afiliación na nación galega. E, segundo os últimos dados, tamén a primeira en representación institucional polo número de delegados e delegadas. 

As dúas xornadas nacionais de loita de 1978 foron fundamentais para o avance do sindicalismo nacionalista. Eran o resultado da coherencia, da confianza no proxecto

 

Sen dúbida aínda lle quedan moitos retos por diante ao sindicalismo nacionalista galego. Por exemplo, é necesario que a CIG se converta na central sindical hexemónica. Un paso importante para conquistar a liberación nacional e a xustiza social. Mais para iso é esencial non esquecer a orixe, aprender da historia, analizar a realidade acotío, prever os escenarios posíbeis, e ter unha inmensa creatividade e atrevemento para gañar a complicidade social. A CIG chegou até aquí grazas á entrega e sacrificio de centos, milleiros, de homes e mulleres que co seu esforzo construíron o que é o maior proxecto de auto-organización do povo galego. Neste aspecto quixera lembrar que hai agora 45 anos, na primaveira de 1973, na Pontevea, nun prado na marxe da provincia de Pontevedra do río Ulla, rente da ponte, un pequeno grupo de persoas creaban a Fronte Obreira da Unión do Povo Galego (UPG). Desta Fronte Obreira xurdirían os xermolos sindicais e o eixo esencial para as construcións futuras: do SOG, a ING, e andando o tempo a CIG.

https://obloguedemera.wordpress.com/