Opinión

Que está en xogo en Siria?

A liberación de Alepo por parte do exército sirio non está a ser doada. Non tanto pola resistencia da oposición armada, militarmente derrotada nesta cidade, senón fundamentalmente polo balbordo mediático alentado polas potencias occidentais, para restar importancia a este triunfo do Goberno sirio. Neste aspecto, existe unha converxencia de intereses entre os Estados Unidos e aliados e os grupos terroristas, que se manifestou na incursión e ocupación de Palmira polo Estado Islámico (Daesh). Unha acción imposíbel de realizar sen o consentimento (ou acordo) coa OTAN que controla este espazo aéreo, e que “casualmente” afrouxou a presión militar sobre Raqqa e permitiu a saída de Mosul dun importante continxente de tropas do Daesh. A pretensión do imperialismo era obrigar o Goberno sirio a desviar forzas a Palmira, xa que esta cidade ten un carácter emblemático. É así, tanto en termos históricos, como porque foi onde comezou o cambio de tendencia da guerra. Queríase evitar, con esta manobra de diversión, a caída de Alepo, ou cando menos, adiar este acontecemento.

A pretensión do imperialismo era obrigar o Goberno sirio a desviar forzas a Palmira, xa que esta cidade ten un carácter emblemático

Engádense aos motivos anteriores, os temores dos mercenarios estranxeiros e dos grupos terroristas, culpábeis de crimes de guerra, mesmo filmados e transmitidos polas redes no seu día, a ser detidos ao abandonar a zona ocupada. Para eles é fundamental un acordo que lles garanta o anonimato na masa de civís desprazados até chegar á zona controlada por Al Nusra. Por algo Rusia fala de que as negociacións e o proceso das saídas afastaron a “moderados” de radicais. Neste aspecto hai unha pregunta aínda sen resposta. Até que punto se alenta dende o exterior esta actitude numantina diante da posibilidade de que se deteñan mercenarios e asesores estranxeiros? Será porque se podería vincular a oposición armada a potencias rexionais ou ligadas á OTAN? O certo é que dos 50.000 habitantes que seica fican na zona aínda non controlada polo exército, só 15.000, sumando terroristas e familiares, solicitaron o traslado a zonas de Siria ocupadas pola oposición armada. Son dados que contradín o argumento de que o Goberno sirio é considerado polos habitantes do leste de Alepo como un mal moi superior ao dos xihadistas. Estes últimos son presentados agora, polos medios sistémicos occidentais, como uns rebeldes democráticos e mesmo revolucionarios.

O sector hexemónico das clases dominantes está a perder espazo no conflito que mantén con outros sectores internos do capital e coas potencias emerxentes

A liberación de Alepo, a cidade máis povoada e industrial de Siria (antes da guerra), afecta tanto a correlación de forzas mundial, como a situación política interna nos Estados Unidos, nos principais países da Unión Europea, e nas potencias rexionais como Arabia Saudita e Turquía. Teñamos en consideración que Siria é un dos principais puntos onde se está a decidir militarmente se se mantén a orde actual ou imos cara un mundo multipolar; e isto afecta a concentración e centralización do poder e da riqueza, en prexuízo das corporacións de Estados Unidos e aliados, polo que ten implicacións mundiais e rexionais. Sen dúbida, o sector hexemónico das clases dominantes está a perder espazo no conflito que mantén con outros sectores internos do capital e coas potencias emerxentes. Expresión deste cambio de tendencia é o triunfo do Brexit en Gran Bretaña, a perda do referendo en Italia, ou que Trump poda ser o próximo presidente dos Estados Unidos. Todas estas mudanzas son unha expresión da oposición popular á globalización, xa que esta favorece exclusivamente ao gran capital e a sectores económicos moi determinados, como o complexo industrial militar, os medios sistémicos, a gran banca e seguros, o sector farmacéutico e enerxético, etc. Véxase que estas empresas están asociadas fundamentalmente co consumo interno e poden ser nacionalizadas sen maiores prexuízos para os países que tomen esta decisión. Daquela que, para alén de que os atrancos aos tratados de libre comercio afecten negativamente os intereses do capital hexemónico, engadiríanse novos problemas para as transnacionais se os governos toman medidas nacionalizadoras.

As decisións que tome Trump no futuro serán moi importantes e marcarán o camiño aos seus aliados

Polo tanto, no é casual que os poderes dominantes procuren evitar a presidencia de Trump, ou cando menos condicionar a súa política no futuro. Utilizan para este fin, tanto os medios sistémicos como o governo norteamericano saínte. Este último está a tomar medidas e realizando declaracións que alentan ao máximo a confrontación. Pasos semellantes estanse a dar na UE en relación ao Brexit, ao referendo italiano, e ao conflito en Siria. Polo tanto, podemos afirmar que ficamos nunha conxuntura moi perigosa, xa que as clases dominantes seguen considerando que o mal menor é a confrontación, negándose con teimosía a procurar unha saída consensuada, de aceptación da multiporalidade, do respecto á soberanía das nacións. Evidentemente a xustiza social non está entre as prioridades de ningunha das grandes potencias. Dado o peso dos Estados Unidos no mundo, as decisións que tome Trump no futuro serán moi importantes e marcarán o camiño aos seus aliados. Sendo así, pódese albiscar que o futuro desta pequena guerra mundial que se está a librar en Siria, tanto polas intervencións de potencias externas, como polos governos que arman e pagan os mercenarios, decidirase nos vindeiros meses, dependendo se hai cambios nas prioridades por parte de Washington. Porén, aínda que Estados Unidos e a OTAN se desvinculen do conflito (algo que nunca farán totalmente), todo fai pensar que conquistar a paz levará máis tempo, pola existencia dos fortes intereses estratéxicos dos governos da rexión. Ademais, cando se alimentan monstros, como o Estado Islámico a Al Nursa, estes cobran despois vida propia.

http://manuelmera.blogaliza.org/