Opinión

Xogando ao despiste co naval de Vigo

Os dous principais estaleiros de Vigo, Barreras e Vulcano, están a piques de pechar. Non é un tema menor xa que, ademais do persoal da factoría, en plena actividade dan traballo a máis de 3.000 persoas nas empresas auxiliares. A construción dos barcos están terciarizadas hai anos, e as empresas principais só xestionan a dirección, os aspectos comerciais e técnicos do proxecto. Asemade, trátase dun sector que ten un efecto multiplicador na actividade económica e na creación de emprego. É así, tanto porque se trata  da matriz e parte final do proceso da construción do barco, co que isto implica na adquisición de bens e servizos, como polo aumento do consumo por mor dos ingresos salariais.

A esta altura a única alternativa para salvar estas empresas, posta en práctica pola Xunta de Galiza e os dous principais sindicatos nos estaleiros (CCOO e UGT), pasa porque se resolvan os conflitos entre os principais accionistas. Esperan que estes pacten unha solución en Barreras, que prefiren ollar como definitiva, cando no mellor dos escenarios sería transitoria e con data de caducidade. E que apareza un empresario “salvador” antes da liquidación definitiva en Vulcano (pendente dunha resolución xudicial).

Neste último estaleiro o cadro de persoal xa foi despedido, sobre 70 persoas, no pasado mes de outubro. Por se non abondasen os atrancos o Presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, pretende recuperar os terreos cedidos ao estaleiro e que lle dan saída ao mar; o tema está agora pendente do que decida o Consello de Estado. Aínda que o Conselleiro de Industria lle teña manifestado a López Veiga que existe un compromiso para que Vulcano continúe en Teis, non parece que o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo se dea por aludido. Por outra banda as supostas ofertas de adquisición do estaleiro non se terminan de confirmar, neste aspecto a actitude de López Veiga non axuda e ademais serve como escusa.

Nas saídas que se manexan priman os intereses económicos, o emprego e o tecido industrial é algo moi secundario

En relación co conflito de Barreras neste xornal publicouse unha información o pasado venres encol dos atrancos que neste intre se poñen por parte de Pemex ao proxecto de Ritz Carlton. Algo que era de esperar, porque nas saídas que se manexan priman os intereses económicos, o emprego e o tecido industrial é algo moi secundario. E estes intereses son moi distintos segundo se trate de Ritz, Pemex ou García Costas. A primeira está exclusivamente preocupada en terminar o cruceiro e, se todo fose ben, ademais construír o segundo barco, sempre reducindo os sobre custes e evitando toda responsabilidade sobre a xestión anterior no estaleiro. Pemex quere marchar da empresa, por decisión do novo Governo, e rexeitar toda responsabilidade sobre as débedas contraídas, e García Costas reducir á mínima expresión as débedas contraídas e conseguir novos investidores.

Ou sexa, as tres partes que hai que poñer de acordo teñen obxectivos que son moi difíciles de conciliar, porque implica que terceiros suxeitos, por exemplo os salarios das auxiliares, os adiantos das armadoras para a construción, e os prestamos bancarios, deben aceptar unha redución ou dar por perdidas contías que representan millóns de euros. Ritz desbota estes compromisos e só quere asumir “politicamente” a dirección da empresa para terminar o cruceiro, daquela que renuncie ou non queira falar dos barcos comprometidos con Havila e Armas. Deixo aquí este tema, que ademais muda cada día, porén que no esencial amosa a diverxencia de intereses, onde todos queren tirar tallada ou cando menos perder o mínimo posíbel. Repito, o emprego non importa, a non ser polos custes das indemnizacións.

Sendo evidentes os atrancos e polo tanto as dificultades para lle dar unha rápida resposta á situación de parálise de ambos estaleiros, o que é evidente, e resulta inadmisíbel, é a pasividade que sobre o tema teñen as institucións públicas. E neste aspecto hai que destacar á Xunta de Galiza, porén tamén o Ministerio de Industria e o propio Concello de Vigo. Non abonda con reunir ás partes e manifestar que é un tema importante no que se está comprometido, xa que sen medidas de acompañamento son declaracións baleiras. Estas institucións debíanse reunir e ter unha proposta única, evidenciando que van en serio. Por exemplo, propondo a entrada no accionariado do sector público ou mesmo a nacionalización de ambos estaleiros. Por que non, maxime cando Berreras xa foi de propiedade pública?... Cando interesa, vexase o caso das autoestradas de Madrid ou Bankia, a nacionalización considerase como normal. Porque neste caso non, máxime cando a xestión privada foi un desastre? Ou, a actitude depende do territorio que afecte?

Outro aspecto, ao que facía mención no limiar do artigo, é o referente a postura dos partidos e organizacións sociais, e moi especialmente das centrais sindicais. Os poderes económicos, as institucións, non axen igual cando existe unha actitude pasiva do povo que cando este se mobiliza masivamente esixindo unha solución que manteña as empresas e o emprego. Neste aspecto e no caso concreto de estes estaleiros a CIG leva feito unha morea de mobilizacións, a maior parte en solitario, e o BNG incluíu esta problemática no acordo de investidura co PSOE. Mais non abonda, especialmente cando existe a posibilidade de que o povo de Vigo saia masivamente a arroupar estas reivindicacións a prol do emprego (como o fai en tantos outros temas).

O limitado da resposta actual responde á falta de unidade e especialmente a unha actitude pasiva dos sindicatos CC.OO e UGT

O limitado da resposta actual responde á falta de unidade e especialmente a unha actitude pasiva dos sindicatos CC.OO e UGT. Un perfil baixo que se estende a partidos como o PSOE e PP, dando folgos a que as prioridades para os grupos económicos confrontados en Barreras e Vulcano sexan exclusivamente as empresariais. Apostalo todo a esperar pasivamente o que estes cheguen a un acordo ou deixen que todo morra nos xulgados, significa renunciar a evitar por todos os medios que o peche sexa ao final a solución imposta polos grupos económicos en conflito, e pola pasividade institucional e dunha parte do sindicalismo. Lembremos que as auxiliares do sector, nas que a CIG tiña unha gran forza, despediron ao persoal e unha minoría foi recolocado noutras empresas. A maior parte emigrou o está no paro.

Neste aspecto a mobilización convocada para o día 30 de xaneiro pola CIG en todas as cidades de Galiza, contra a desfeita industrial, é unha boa noticia. Amosa iniciativa e compromiso coa clase traballadora e a nación galega. Está en xogo non só Barreras e Vulcano en perigo de peche, e as centrais de Meirama e Endesa no mesmo camiño, tamén están na corda frouxa Navantia, por falta de traballo para os vindeiros dous anos, e as empresas elctrointensivas por mor do prezo excesivo da enerxía, como en Alcoa, Celsa, Ferroatlántica, Emesa, Megasa,... Sería importante que esta mobilización contase co apoio de partidos, asociacións de veciños, estudantes, sindicatos agrarios, etc. Ou sexa, que ademais de reflectir que hai forzas que loitan con todas os seus medios a prol da xustiza social, a igualdade, e a soberanía, esta é unha actitude de País, que abrangue ao conxunto das clases populares organizadas. Sería o necesario e lóxico, porén neste intre semella que é moito pedir. Haberá que seguir a traballar por este obxectivo, que permita avanzar nun cambio cualitativo.

https://obloguedemera.wordpress.com/