Opinión

Xogámonos moito na “reconstrución”

Todo parece indicar que o Governo de Pedro Sánchez atopou o camiño para rebaixar a presión do PP e comprometelo nas algúns aspectos do proxecto de “reconstrución”, daquela que Ana Pastor substituíse a Álvarez de Toledo en intervencións e reunións chaves. Aínda que nas xuntanzas entre PSOE e PP non houbo acordo, as portas seguen medio abertas A interrogante sobre este cambio do PP é canto durará, tendo en consideración as moitas modificacións que este partido realizou na súa dinámica como oposición dende que o preside Casado,... retornando sempre ao aznarismo.

Algúns analistas apuntan que este cambio do PP debese á decisión de Ciudadanos de facer de bisagra para recuperar protagonismo, apoiando os últimos estados de alerta, e os criterios para a nova normalidade, o que deixaba aos de Casado como cómplice de VOX e moi virados á dereita. Porén, mesmo que isto puidese incidir coido que a clave desta mudanza está na decisión da patronal de apostar polo dialogo e a presión (na Bolsa, mediática, ameazas de peche e redución de persoal), co obxectivo de conseguir as máximas axudas para o empresariado no plano de reconstrución, así como frear a derrogación de reforma laboral ou reducila aos aspectos menos significativos.

Queda pendente a derrogación da reforma laboral, que o PSOE pretende reducir a aspectos moi limitados

Aclarado por parte de Pedro Sánchez que vai aumentar a fiscalidade para o tramo superior do IRPF e subir o imposto de sociedades ás grandes empresas, e que non vai baixar nen pensións nen salarios aos/as empregados públicos, despéxanse (polo momento) que estas promesas electorais non forman parte das concesións que fará ao bloque patronal+partidos de dereita+poderes fácticos. Entre outros temas queda pendente a derrogación da reforma laboral, que o PSOE pretende reducir a aspectos moi limitados (como a ultra-actividade dos convenios e a prioridade dos de sector sobre os de empresa), deixando fóra outros de gran transcendencia, como é o descolgue das empresas dos convenios. Deixando o tema para un acordo da Mesa Social. Tamén fica no caixón o aumento fiscal ás grandes fortunas, o imposto ás empresas dixitais e ao investimento en Bolsa.

Agora ben, esperar que haxa respecto da derrogación da reforma laboral un acordo entre patronal e sindicatos, mesmo sendo estes tan moderados como CCOO e UGT, é practicamente imposíbel, porque implicaría o suicidio de calquera das dúas partes. Resulta evidente que neste aspecto de tanta transcendencia o Governo prefire seguir mareando a perdiz, gañar tempo, para conseguir os fondos da UE e aprobar os orzamentos, e apostar por medidas no ámbito laboral menos conflitivas, como pode ser un aumento simbólico do salario mínimo interprofesional (téñase en conta que a maio o IPC anual era negativo, concretamente un -0,9%) e negociar un novo Estatuto dos Traballadores/as que levaría anos.

Lembremos que a recuperación da ultra-actividade no convenios, que teñan prioridade os de sector sobre os de empresa, evitar o descolgue das empresas dos convenios, así como a derrogación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal, son esenciais para fortalecer a mobilización laboral e polo tanto mellorar as condicións de traballo e aumentar os salarios (e tamén o consumo). Daquela que estes deberían se aspectos centrais na reconstrución, que vaia asociada á industrialización, tecnoloxía e innovación. Porén para a patronal o central segue a ser a obtención de lucro, tal como se evidencia na Bolsa.

Outros aspectos fundamentais na reconstrución son os sectores polos que se vai apostar, as alternativas para aqueles que sufran transformacións

Outros aspectos fundamentais na reconstrución son os sectores polos que se vai apostar, as alternativas para aqueles que sufran transformacións, como se van a repartir os recursos a nivel territorial, e cal vai ser o papel neste proceso das autonomías e nacionalidades subalternas. Polo tanto son temas fundamentais para Galiza, dado que ficamos nunha conxuntura de profundas transformacións. Teñamos en conta a experiencia negativa do confinamento, nas que non só os partidos da dereita senón tamén o PSOE e UP apostaron por a toma de decisións centralizadas, ignorando as particularidades das autonomías. Pretendíase deixar patente quen exercitaba o poder, e ademais fixalo na conciencia colectiva, que non houbese dúbida que para as decisións e accións estratéxicas o centro de mando debe ser Madrid, porque ali están os medios e as persoas capaces de ofrecer solucións. Reducindo así o papel do Estado das Autonomías a algo circunstancial, e puramente administrativo (até as rexións italianas tiveron maiores competencias no confinamento).

Neste aspecto o centralismo leva tempo realizando unha alianza coas grandes cidades, dándolle máis competencias e protagonismo, que resta as nacionalidades subalternas, para emparedalas entre dúas frontes. Polo tanto haberá que seguir moi de preto as proxecto de reconstrución, e cales son as condicións que se impoñen para conceder as axudas da UE. Para alén da escenificación para a galería, este partido xogase en varios campos e sen o povo.

https://obloguedemera.wordpress.com/