Opinión

O xiro á esquerda do PSOE, un engado

Malia que rolda de prensa de Pedro Sánchez do pasado martes, posterior á xuntanza do Governo, centrouse na intervención nas medidas tomadas polo Executivo no que vai de lexislatura e a transcendencia de contar cuns orzamentos propios para ao vindeiro ano, as preguntas dos/as xornalistas estiveron dedicadas case que en exclusiva á saída do Rei emérito, ou fuxida, do Estado español. Destacando nas respostas aos medios a pechada defensa que fixo da Monarquía, convertendo para tal fin a Felipe VI nunha figura exemplar. Unha valoración tan afastada da realidade que cae polo seu propio peso, e deixa mal parado ao PSOE mesmo diante dunha gran parte da sua base electoral, como reflicten as enquisas.

A marcha-fuxida do Rei é un feito de gran transcendencia xa que inclina a unha maioría social da povoacion a prol dun réxime republicano (como reflicten as enquisas), o que permitirá abrir máis unha vez o debate sobre un estado plurinacional e confederal. E polo tanto sobre o dereito de autodeterminación, aínda que non lle goste ao PSOE, e por suposto a toda a dereita. Porén asemade na rolda de prensa, na contestación ás preguntas Sánchez despexou a folla de ruta sobre a cuestión laboral e fiscal, temas moi importantes e ligados entre si, e que ademais foron os que marcaron  o perfil social do Governo na campaña electoral. Neste caso os medios ignoraron ou lle deron un lugar secundario e estes temas ao informar sobre a comparecencia do Presidente. Analicemolos.

Na contestación ás preguntas Sánchez despexou a folla de ruta sobre a cuestión laboral e fiscal

Sánchez puxo un énfase especial en que esperaba aprobar os orzamentos co apoio de todos os grupos, algo que el sabe que non é realista, mais que ten a finalidade de presentar as forzas que voten negativamente ou se absteñan como os atrancos que impiden que cheguen os fondos europeos para a reconstrución. En realidade está abrindo ás portas a Ciudadanos para non ter que depender, e facer cesións, ao soberanismo catalán, e mesmo sendo algo difícil se lle desen os números tampouco do vasco e galego. É verdade que esta opción do PSOE non gosta moito en UP, mais as súas declaracións semellan máis dirixidas á súa base electoral, que a considerar a formalización dun acordo coa dereita neoliberal como un punto de ruptura da coalizón de governo. Ademais, en todo caso, se este fose un aspecto fundamental para UP o lóxico é que a ruptura se producise polas afirmacións de Sánchez sobre a reforma laboral, a cuestión fiscal e seu apoio cego á monarquía.

Na rolda de prensa o Presidente do Governo afirmou que a reforma laboral era un tema que seguiría o seu curso na Comisión cos “axentes sociais”, ou sexa coa patronal e sindicatos, “que tan bos resultados dera no salario mínimo interprofesional e nos ERTEs”. Agora ben, tendo en consideración as diferenzas abismais que hai entre a patronal e os sindicatos en temas de tanto calado como os que están sobre a mesa, mesmo sendo CCOO e UGT forzas que manteñen unha actitude derrotista, as diferenzas son tan primarias que un acordo semella imposíbel. Lembremos que se trataría de recuperar a ultraactividade dos convenios e que prevalezan os de sector sobre os de empresa, entre outros aspectos. Podemos esperar sentados por este acordo! Algo que o governo sabe, por iso tomou a decisión de utilizar o decreto nas baixas por enfermidade para evitar os despedimentos abusivos, caneando a Mesa e a postura refractaria da patronal.

Outra afirmación clarificadora foi en relación co tema fiscal, adiando a súa modificación para cando finalice a crise

A outra afirmación clarificadora foi en relación co tema fiscal, adiando a súa modificación para cando finalice a crise, coa escusa da grave situación da empresa privada. Polo que, tanto os novos impostos, como aqueles que se ian modificar para lograr que existise unha presión fiscal máis equitativa, quedan na neveira. É verdade que a continuación afirmou que son reformas que se farán, porque el e seu governo teñen unha actitude diverxente coa dereita neste tema. Mais é leria, porque na práctica a reforma fiscal conxelase (aumentando o déficit público). As escusas pasan por alto que hai empresas e fortunas que seguiron acrecentando lucros e riqueza durante a pandemia, e unha reforma fiscal só lles afectaría ás que obteñan importantes beneficios, dado que sería progresiva.

Resulta evidente é que sen unhas relacións laborais máis xustas e unha fiscalidade máis equitativa manterase a actual tendencia, pola que ano tras ano aumenta a taxa de lucros empresarial a costa do retroceso salarial e nos servizos públicos. O que non implica que non haxa empresas que reduzan cadro de persoal e pechen, mesmo en etapas de expansión económica, como nos últimos anos. Hai moitos aspectos que inciden na actividade empresarial, entre eles o proceso de centralización e concentración do capital que é consubstancial coa globalización neoliberal, aínda que esta no futuro teña unha forte base europea. Tamén incide a caída do consumo (polo aumento do desemprego e o recuar dos salarios), e a falta de investimento en tecnoloxía e innovación, etc.  

Tendo en consideración a conxelación da reforma laboral e dunha maior presión fiscal desaparecen moitos dos atrancos para que Ciudadanos apoie os orzamentos, aínda que sigan a defender unha  rebaixa impositiva sobre as empresas e os altos ingresos. Este xiro á dereita por parte do PSOE, coa escusa da crise, será resultado do pacto para acceder aos fundos de reconstrución da UE e súa aposta polo sistema?

https://obloguedemera.wordpress.com/