Opinión

Voto exterior, dereitos e deberes

Nun programa encol de Cuba, feito pola televisión pública do Estado español, no marco da visita do presidente Pedro Sánchez a este país, aparecían centos de persoas fronte ao consulado na illa procurando a cidadanía. Seica este ano chegarían a cen mil os que terían este dereito. Unha imaxe que pretendía de xeito subliminal dar unha visión negativa da situación na illa. Agora ben, asemade escoitando a noticia necesariamente tiña que ligala ás 42.000 descendentes de galegos e galegas que xa teñen este dereito, fronte ás 430 persoas nacidas na Galiza que viven en Cuba. Un diferencial inmenso; lóxico porque hai moitas décadas que rematou a emigración masiva a ese país. E todo indica que esta tendencia pódese repetir en pouco tempo noutras nacións de América Latina, como a Arxentina, Brasil, Venezuela, Uruguai, Chile, Panamá, etc. Todas elas recibiron milleiros de galegos e galegas durante un século a partir de 1870. Aínda que non se pode obviar que en Bos Aires unha gran parte da poboación era de orixe galega no momento da independencia da Arxentina e que Montevideo, no Uruguai, foi poboada por galegos e canarios na súa fundación. 

Fago este comentario ao fío do anuncio de que o Governo vai eliminar a solicitude previa para poder exercer o voto no exterior, ou sexa: o voto rogado. A escusa é que o método dificulta este dereito, máxime cando os tramites se adían por diversos motivos e os tempos legais son limitados, polo que hai persoas que querendo exercer o voto non poden facelo. Se a cuestión que se quere resolver fose esta chegaría con alongar os prazos. Mais, todo indica que detrás deste debate hai intereses políticos, especialmente daqueles partidos relacionados co poder sistémico e os medios de comunicación hexemónicos. Estes serían os beneficiarios de que a votación abranguese a todos/as os que teñen a cidadanía española no exterior, sen ter en consideración o grao de coñecemento e implicación, en prexuízo das forzas nacionalistas e daqueles partidos da oposición máis pequenos que non governan e carecen de apoio mediatico. No caso de Galiza falamos de 495.000 persoas que terían dereito ao voto no exterior (ou sexa fóra do Estado español) que representan un 18% do censo electoral. A porcentaxe máis alta do Estado español, seguidos a bastante distancia por Asturias. En Andalucía, por poñer un exemplo, o voto exterior representa o 3,7% do censo, e 242.000 persoas, menos da metade que en Galiza para unha povoación que triplica a galega. Ou sexa, que esta cuestión para a nosa nación non é un aspecto menor.

O Governo vai eliminar a solicitude previa para poder exercer o voto no exterior, ou sexa: o voto rogado

 

Sen dúbida o voto é un dereito fundamental, que debería ser obrigatorio, e que necesariamente está ligado a deberes, xa que é obvio que condiciona o governo das institucións, polo que afectan de maneira directa os que residen na Galiza. Agora ben, para os votantes no exterior outórgaselle o dereito máis libéráselles dos deberes. Teñen un trato privilexiado. Se a isto engadimos que na Galiza do medio millón persoas que teñen dereito ao voto no exterior só 1/3 naceu no País, e que posúen un coñecemento mínimo da realidade económica, social, cultural e política do que sucede eiqui (aínda que non sexa así en todos os casos), a democracia representativa perde sentido. Hai quen di que este é un dereito que como tal debe estar ligado á concesión da cidadanía, mais non é certo, tampouco se garanten outros dereitos que teñen os cidadáns que residen no país, como á educación, sanidade e outros servizos e prestacións; e os votantes no exterior tampouco pagan impostos ou realizan unha contribución colectiva e individual á economía, cultura, etc. 

Vivín moitos anos na emigración, militei na Arxentina na loita contra a ditadura, na clandestinidade política. Teño moita familia no exterior, non me parece xusto que voten despois de trinta ou corenta anos. O voto non é unha cuestión sentimental. E non é lóxico que os seus descendentes teñan o privilexio de votar alí e tamén na Galiza. É mentira que sexan galegos e galegas. Son persoas integradas económica e culturalmente no país no que viven, como é razoábel e positivo, e, como moito, senten algún tipo de vencello coa Terra dos seus pais e nais. Este último é un argumento abondo para fortalecer as relacións e manter viva a contribución cultural que realizou a emigración galega. Mais, a reforma implica un relaxamento dos dereitos democráticos con obxectivos políticos que priman o voto carente de relación coa realidade e desinformado a través dos grandes medios, en beneficio do bloque histórico dominante. En troques, non se dedican os recursos necesarios que potencien os contactos entre povos, nen se crean condicións para facilitar o retorno da mocidade que emigrou nas últimas décadas.

Na Galiza do medio millón persoas que teñen dereito ao voto no exterior só 1/3 naceu no País

 

Considero lóxico que os galegos e galegas que emigren teñan dereito a voto. Tamén por que non os que viven no resto do Estado español? Despois de todo teñen un maior coñecemento da realidade e ligazón coas decisións electorais. A cuestión é por canto tempo alguén que emigra debe posuír este dereito. Por exemplo, por tres ou cinco anos, como fan algúns países. Asemade é razoábel, e unha débeda histórica, que os descendentes que adquiriron a cidadanía que deciden emigrar a Galiza (ou ao Estado español) teñan dende o primeiro día todos os dereitos ¡todos! xa que tamén estarán obrigados aos deberes que isto implica. É o xusto! 

A reforma implica un relaxamento dos dereitos democráticos con obxectivos políticos que priman o voto carente de relación coa realidade

 

Choca que por unha banda exista unha regresión constante nas condicións laborais, nos salarios, nas pensións, nos dereitos democráticos, na cultura e linguas propias, e por outro lado se trate con tanta alegría un dereito tan importante como é o do voto. Máxime en sociedades nas que se pretende que as institucións sexan o único mecanismo de representación democrática, restando participación e protagonismo á clase traballadora e outras camadas populares, en beneficio da alta burguesía e, en menor medida, do estrato superior das clases medias. 

https://obloguedemera.wordpress.com/