Opinión

Volvendo á guerra fría, un mundo de bloques antagónicos

No ano 2018, no mes de abril, escribía en Sermos-Galiza un artigo encol das múltiples evidencias de camiñabamos cara un mundo dividido en dous bloques, daquela non eran moitos os/as analistas que albiscaban como posíbel este escenario. A maioría reducían o aumento da confrontación ás actitudes de Trump ou a conflitos localizados nos que os Estados Unidos (USA) e aliados por un lado, e as potencias emerxentes, Rusia e China, polo outro, buscaban gañar ou non perder control. Mais, a esta altura, non se pode obviar que a tendencia dominante é a que aumenta o enfrontamento, sexa no eido militar, na batalla económica con sancións de todo tipo, ou no eido mediático con fake-news e declaracións agresivas.

A tal punto chegou a confrontación entre potencias que o secretario xeral das Nacións Unidas, o portugués António Guterres, afirmou na abertura do debate da Asemblea Xeral deste ano: "Temo a posibilidade dunha gran fractura, un mundo dividido en dous, coas dúas maiores economías da terra creando dous mundos separados e competindo entre si, cada unha coa súa moeda, regras comerciais e financeiras, a súa internet e infraestrutura de intelixencia artificial e as súas propias estratexias militares e xeopolíticas de suma cero". Máis claro auga.

Que a iniciativa do enfrontamento é dos Estados Unidos resulta evidente, porén tamén que conta coa apoio de potencias aliadas

Que a iniciativa do enfrontamento é dos Estados Unidos resulta evidente, porén tamén que conta coa apoio de potencias aliadas, especialmente as que integran a OTAN, aínda que cando lles afecta directamente, como no caso do gasoduto Nord Stream2, o empresariado alemán se opoña. Os feitos son determinantes. Por exemplo: no ámbito militar a ocupación por parte de USA de partes de Siria e a apropiación do petróleo, e que manteña tropas en Iraq malia que o Governo e o Parlamento dese país pedisen a súa retirada. A imposición de sancións a compañías de China, como Huawei e Tik Tok, porque representan un perigo para a hexemonía das corporacións norteamericanas. A confiscación de compañías e de fondos venezolanos en Estados Unidos, e o nomeamento a dedo dun governo paralelo servil aos seus intereses. As sancións contra dirixentes do Partido Comunista de China por motivos ideolóxicos. A realización de múltiples exercicios militares nas fronteiras de China e Rusia. A demonización das potencias e nacións non submisas aos ditados de Washington  nos medios de comunicación de masas, sobre a que teñen unha evidente hexemonía.

A colaboración, activa ou pasiva, nestas medidas ofensivas por parte da Unión Europea é máis que evidente no caso de Venezuela, nos problemas internos de Bielorrusia, ou na situación política de Rusia. Por exemplo, no caso do líder da oposición pro-occidental Navalny. Resulta difícil de crer que fose envelenado por orde de Putin e que este aceptase axiña o trasladado a un hospital alemán; que tiña o obxectivo evidente e declarado de eliminar calquera sospeita sobre o tema. A acusación contra Putin semella un montaxe para xustificar a intervención en Bielorrusia e paralizar o Nord Stream2 (como lle esixe Trump a Merkel), evitando Alemaña aparecer como un país submiso.

En todos estes feitos agresivos a iniciativa parte de Trump ou das potencias aliadas, a elas deberíase dirixir António Guterres cando intenta evitar a ruptura

En todo caso, en todos estes feitos agresivos a iniciativa parte de Trump ou das potencias aliadas, a elas deberíase dirixir António Guterres cando intenta evitar a ruptura. Por parte de China e Rusia, tamén Iran e outras nacións afectadas, como Venezuela, Siria e Iran, malia sofrer todo tipo de intervencións, sancións e ataques mediáticos, provocacións militares, a especulación na Bolsa, etc. seguen facendo esforzos por manter o comercio e as relacións políticas, e buscar acordos no ámbito internacional en todos os temas posíbeis. Dirase que é porque en caso dunha ruptura ficarían illados na parte máis pequena dos dous bloques. Pode ser, porén falamos de case que 2 mil millóns de persoas e máis de 30 millóns de quilómetros cadrados.

Por último, non se pode ignorar, que son moitas as contradicións no actual bloque hexemónico, e todo indica que iran a máis, porque non deixa de medrar a desigualdade entre países e clases sociais, a precarización laboral, e a desfeita ecolóxica. Asemade, unha división en bloques fortalece estas políticas regresivas e os métodos autoritarios, co que isto implica nun aumento das contradicións, das tensións sociais e nacionais. Daquela que para alén das estratexias que teñan os grupos de poder nas potencias occidentais non estea todo dito sobre o futuro a medio prazo, e polo tanto sigan abertos múltiples escenarios, tamén o de grandes revoltas sociais, cambios sistémicos e un mundo máis solidario.

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios