Opinión

A vía militarista no capitalismo senil

Non se pode afirmar que a preeminencia do aspecto militar nos Estados Unidos sexa consecuencia da elección de Donald Trump. Xa Barack Obama e Hillary Clinton destacáranse por iniciar ou alentar varias guerras (Libia, Siria, Ucraína, Iemen, etc.). Mais co actual presidente norteamericano, todo indica que este será o aspecto central da política norteamericana nesta etapa. Non é unha novidade, en moitos momentos da historia da humanidade o futuro decidiuse a través das armas. Tampouco se pode ignorar que se o dólar segue a ser a moeda de referencia, é en gran medida porque os Estados Unidos son a potencia hexemónica no eido militar. En última instancia, o militar é o que decide a correlación de forzas, non quen ten a razón, nen quen conta cunha economía máis poderosa. Aínda que este factor vaia asociado xeralmente ao militar. 

O ataque norteamericano á base de Shayrat e a presenza de máis “asesores” en Siria, botar a bomba non nuclear máis grande da historia sobre un campamento do EI en Afganistán, o envío dun continxente de soldados a Somalia e dunha frota, con portaavións incluído, rumbo ás costas da Corea do Norte, representan un salto cualitativo. Toman como escenario o mundo e as confrontacións de intereses que se dan nese ámbito, tanto no eido militar, como moi especialmente no económico. Se cadra, pensando que ninguén vai utilizar o armamento nuclear, ou sinxelamente porque é un inconsciente, Trump quere facer valer a superioridade en armamento convencional dos Estados Unidos e aliados. Cando menos, o despregue que está a facer parece responder a esta hipótese. 

Porén, como argumentan Rusia e China, o que están a facer Trump e os seus aliados, é un xogo moi perigoso, no que, de se iniciar unha guerra, non habería gañadores. Evidentemente, todas as razóns que dá Washington para realizar estas accións ou son prefabricadas ou distorsionadas. O presunto ataque químico por parte do exército sirio en Khan Shaikhoun non foi probado, e o bombardeo do campamento do Estado Islámico en Afganistán cunha bomba deste tipo, neste intre, carece de sentido, dicía o ex presidente Hamid Karzai: “o lanzamento sobre Afganistán da bomba GBU-43/B, alcumada 'a nai de todas as bombas', foi planeado de antemán, e a presenza dos terroristas de Estado Islámico na zona sería a escusa para poñer a proba esta arma". Os aldeáns foron evacuados da zona antes do lanzamento. e Harzai preguntouse porque Estados Unidos esperou dous anos para tomar medidas contra os xihadistas.

Trump quere facer valer a superioridade en armamento convencional dos Estados Unidos e aliados

Agora ben, estas políticas agresivas e en extremo perigosas, o que están conseguindo é, por unha banda, aumentar os puntos de conflito, e por outro, dar folgos ao gasto militar. Algo que por outra parte xa alentou Trump, cando aumentou a partida militar no orzamento deste ano en 54 mil millóns de dólares, un 9,27% máis. E por se non abondase, premeu os seus aliados na OTAN para que fagan o propio, elevando o gasto militar ao 2% do PIB como mínimo. Evidentemente esta tendencia será seguida polo resto dos países do mundo, especialmente as potencias emerxentes e rexionais. Un contexto que favorece aos Estados Unidos xa que é o maior exportador de armas do mundo, e o complexo militar industrial representa unha parte moi considerábel da súa economía. Na produción primaria, no sector financeiro, nas novas tecnoloxías da comunicación, na información e na cultura de masas, e no ámbito militar, é onde o imperialismo norteamericano ten un maior dominio. Neste último eido, trátase dun investimento que non beneficia á humanidade, que dá folgos ás guerras, a destrución, e que pon en perigo á humanidade, que non produce bens para mellorar a vida da xente, mais que é un gran negocio para unha fracción importante do capitalismo norteamericano. 

Non pretenderá Trump garantir a través do militarismo a consigna de “Estados Unidos primeiro”? Todo fai pensar que Washington prefire este camiño. Tamén outras potencias, e as corporacións occidentais, porque segundo as súas hipóteses, isto garántelles partir como gañadores, e asegurar así que se manterá o proceso de concentración e centralización do lucro e do poder. Outra cuestión é que o consigan. Ante todo, porque para alén da confrontación con China e Rusia, da desfeita dos ecosistemas, e da destrución dos países que non son submisos aos intereses do imperio, a desigualdade e a pobreza van en aumento nos países imperialistas e na súa periferia máis próxima. E todo indica que se acelerará, de optar polo militarismo, aínda que este xere emprego. A agudización destas contradicións terminarán por ter unha presenza determinante na sociedade e na loita política. Escoller a vía mais agresiva amosa o carácter senil do sistema, como afirmaba xa hai tempo Samir Amin, a incapacidade de ilusionar a sociedade cunha vida mellor, de admitir novas potencias, e tecer consensos. 

Non pretenderá Trump garantir a través do militarismo a consigna de “Estados Unidos primeiro”?

A esta altura, a única saída solidaria é un mundo multipolar, o respecto polas soberanías nacionais,   construír democracias populares e a xustiza social, garantir e dignificar o traballo, camiñar cara economías sustentábeis e autocentradas, e socializar os medios de produción e servizos estratéxicos. Claro que unha solución deste tipo significa construír un mundo ao servizo das maiorías, e non parece que isto sexa posíbel de acadar no capitalismo. Tampouco se conquistará só con presenza nas institucións, sen que o povo ocupe todos os espazos, mediante a mobilización, a organización e a loita das ideas. Ou sexa, cómpre un cambio na conciencia política, na correlación de forzas, e no estado de ánimo das clases populares, e moi especialmente do movemento obreiro.

A única saída solidaria é un mundo multipolar, o respecto polas soberanías nacionais,   construír democracias populares

Un comentario final. Resulta difícil de entender que en momentos tan dramáticos no mundo, ou como mínimo preocupantes, non exista na Galiza un forte movemento popular a prol da paz e do respecto polas normas internacionais tan duramente construídas. Mesmo as organizacións especializadas semella que están noutra cousa, como se os xogos de guerra fosen unha brincadeira ou triunfase a impotencia.

http://manuelmera.blogaliza.org/