Opinión

A vía catalá

A Diada deixou máis unha vez ledicia nuns e sabor amargo noutros. Non podía ser doutro xeito, porque aínda que Rajoy lembre a maioría silenciosa, a mobilización cidadá foi tan grande, que a vontade da maioría dos cataláns non deixa nesta altura lugar a dúbidas. Se o Estado español, e os partidos sistémicos, queren evitar a ruptura política van ter que mover ficha, e rápido; reafirmarse no españolismo non ten os seguidores de hai un lustro, máxime cando o español xa non está unido á milagre económica, senón a falsas utopías e mentiras a esgalla. Tampouco lles vai servir o deporte, por mellores que sexan os resultados, nen as leas con Xibraltar, porque o desemprego, a emigración e a rebaixa de prestacións abafan as clases populares, especialmente cando ademais se engaden á agresión identitaria (e mesmo económica) nas nacións oprimidas.  

A Diada deixou máis unha vez ledicia nuns e sabor amargo noutros. Non podía ser doutro xeito, porque aínda que Rajoy lembre a maioría silenciosa, a mobilización cidadá foi tan grande, que a vontade da maioría dos cataláns non deixa nesta altura lugar a dúbidas. Se o Estado español, e os partidos sistémicos, queren evitar a ruptura política van ter que mover ficha, e rápido; reafirmarse no españolismo non ten os seguidores de hai un lustro, máxime cando o español xa non está unido á milagre económica, senón a falsas utopías e mentiras a esgalla. Tampouco lles vai servir o deporte, por mellores que sexan os resultados, nen as leas con Xibraltar, porque o desemprego, a emigración e a rebaixa de prestacións abafan as clases populares, especialmente cando ademais se engaden á agresión identitaria (e mesmo económica) nas nacións oprimidas.  

"Se o Estado español, e os partidos sistémicos, queren evitar a ruptura política van ter que mover ficha, e rápido; reafirmarse no españolismo non ten os seguidores de hai un lustro"

Estiven na Diada do ano 2012 en Cataluña. Pareceume impresionante, e son dos que está acostumado a grandes mobilizacións. Na rúa había ducias de milleiros de persoas de todas as idades e todo indicaba que da máis diversa condición social. Moitos falaban entre eles en catalán, mais tamén o facían en castelán. Era unha protesta-reivindicación que ía para alén do identitario, reflectía o cansanzo dun pobo fronte á tutela exterior, a máis das veces impondo modelos de comportamento cultural e social alleos ao lugar, e utilizando o poder político pra fixar regras de xogo no económico que favorecen un proceso de centralización na capital do Estado. 

Todo indica que os cataláns son conscientes de que atados ao Estado español están vendidos, que os seus esforzos serven, no fundamental, intereses alleos e que ademais non se lles respeita como nación cunha cultura diferenciada. E, diante desta reclamación, Madrid responde coa prepotencia de quen se sente dono de vidas e facendas, desprezando historia e particularidades nacionais, e agravando así o confronto territorial. Unha actitude que non axuda, senón que vicia e atranca o diálogo e a procura de solucións consensuadas, xa que ignora os mínimos dereitos democráticos, entre eles o da autodeterminación dos pobos. 

"Coido que o nacionalismo catalán está procedendo con coherencia, e que os pasos que está dando son atrevidos e axeitados para este contexto histórico e a correlación de forzas"

Coido que o nacionalismo catalán está procedendo con coherencia, e que os pasos que está dando son atrevidos e axeitados para este contexto histórico e a correlación de forzas existentes en Cataluña. É un proceso que ademais favorece a outras forzas nacionalistas, concretamente na Galiza e Euskadi. Calquera sexa a resposta do Estado español, a longo prazo Cataluña sairá gañando. Se non se permite facer a consulta soberanista, deixará unha pegada na conciencia da xente de que o Estado español procede autoritariamente negando o dereito democrático dun pobo a decidir o seu futuro (diga o que diga unha constitución que ignora as realidades nacionais). Se permite facer a consulta e non ten en consideración o resultado, terá en contra a todos e todas as demócratas no mundo porque ignora a decisión popular; e mesmo haberá estados da UE que cuestionarán unha actitude tan evidentemente autoritaria, e que deixa en evidencia a carencia de dereitos democráticos esenciais. 

A Rajoy quédalle outra posibilidade, a de intentar fracturar a fronte nacionalista, gañando a CiU mediante importantes concesións, tanto no aspecto económico como competencial (algo que agradaría a Durán i Lleida). Mais esta táctica produciría un efecto dominó que a longo prazo terminaría ampliando as competencias reais das nacións dependentes. Un acordo con atrancos, por mor de que os “populares” teñen o seu voto máis fiel no españolismo ultramontano e no conservadurismo. Deixar atrás esta bagaxe e buscar acordos con CiU vai necesitar máis escenificación e concesións que unha reunión en segredo con Mas, unha carta e promesas de negociación. Aceptar ese terreo de xogo é un suicidio para CiU, e avanzar máis toca o corazón da dereita estatal. Polo tanto, o Partido Popular (e o resto dos partidos españolistas) fican diante dunha situación moi complexa e difícil, porque deixaron medrar as contradicións e mesmo botaron pólvora no lume. En calquera caso, a decisión que escolla Rajoy non pode obviar que hai unha mudanza na correlación de forzas en Cataluña, que ademais agravouse co recuar dos partidos sistémicos na intención de voto no Estado español. 

"Dar por feito que a consulta abre a porta da independencia inmediata alenta análises simplistas".

Tampouco se pode ignorar que, a medida que avanzou o proceso da consulta a prol da independencia en Cataluña, foise producindo un corremento á esquerda das preferencias electorais, polo que o tempo transcorre en contra das pretensións de Rajoy de desactivar a vía catalá. Agora ben, sería moi infantil pensar que de se realizar a consulta o voto favorábel á independencia está garantido. Os mecanismos cos que conta o Estado español, mesmo dentro de Cataluña, e por suposto co apoio da Unión Europea e o resto das potencias hexemónicas son inmensos, especialmente nos medios de información e cultura de masas. Polo tanto, dar por feito que a consulta abre a porta da independencia inmediata alenta análises simplistas. Sen dúbida é un pulo cualitativo para poder exercitar o dereito de autodeterminación, e que, con seguridade, a niveis prácticos dará lugar a unha relación distinta entre o EE e Cataluña, mesmo que se perda a consulta (de se realizar). Calquera sexa o resultado, sempre que o nacionalismo teña unha folla de ruta para as dúas posibilidades (gañar ou perder) comeza unha nova fase da loita pola liberación nacional. O dito é valido para o nacionalismo catalán, mais tamén para o doutras nacións dependentes do EE, sempre que comprendan a dialéctica do proceso en toda a súa extensión e non convertan en obxectivo final o que só é unha nova fase do proceso. 

"O pulo cualitativo que representa a convocatoria da consulta en Cataluña, irá despexando dúbidas e, ademais, é unha contribución á superación do sistema".

Resulta que, para alén da similitude das reivindicacións e do esencial da problemática, a situación de Cataluña e Escocia non é semellante dende o punto de vista das formalidades sistémicas. A relación entre Escocia e Inglaterra é a mesma que existía no Estado español durante o “antigo réxime”. Por máis que o poder real residira no Reino de Castela había décadas, os demais tiñan valor xurídico. Por iso o fixo valer a Xunta Superior do Reino de Galiza durante a ocupación francesa. De todos os xeitos ten un forte valor político e social que se recoñecese no seu día a independencia de Kosovo, malia que carecía de soberanía, xa que esta residía en Serbia, segundo a Constitución en vigor. En realidade, para alén destes formalismos, os atrancos veñen no fundamental da oposición dos estados máis fortes da UE a unha reordenación das fronteiras, por máis ampla que sexa a vontade popular, e evidentes os dereitos históricos. O caso de Frandes é sintomático. Non parece que sexa posíbel unha reconfiguración das fronteiras sen unha ruptura da Unión Europea e un proceso de grandes mudanzas sistémicas. Mais, en todo caso, o pulo cualitativo que representa a convocatoria da consulta en Cataluña, irá despexando dúbidas e, ademais, é unha contribución á superación do sistema. 

Os avances nos procesos de liberación nacional no marco da Unión Europea son moi positivos para que o pobo galego faga o propio; especialmente aqueles que se producen no Estado español. Mais, e sabémolo por experiencia, iso non significa reproducir mecanicamente métodos de traballo e formas organizativas que responden a realidades históricas, demográficas, xeográficas, económicas, sociais e culturais distintas das nosas. Nestas cuestións os galegos e galegas temos que partir da nosa praxe, que é moi rica, recollendo do exterior só aquilo que poida mellorar o que estamos a facer. Así como os vascos falan dunha vía propia, as clases populares da Galiza temos a nosa propia folla de ruta (moi madura para uns/as, menos clara para outros/as). Lembremos acotío que non hai atallos, que podemos acelerar os procesos, mais nunca ignoralos.

http://manuelmera.blogaliza.org/