Opinión

Venezuela ¿Que facer diante do golpe de estado?

O imperialismo está á ofensiva, non só en Libia, Siria, Costa de Marfil, Malí ou a República Centroafricana, senón tamén en Ucraína e Venezuela. En todos estas intervencións os Estados Unidos só prestan axuda loxística, e quen fan o traballo suxo son as potencias ou gobernos aliados. Neste intre, a confrontación máis álxida está, sen lugar a dúbidas, en Ucraína, Venezuela e Siria. 

O imperialismo está á ofensiva, non só en Libia, Siria, Costa de Marfil, Malí ou a República Centroafricana, senón tamén en Ucraína e Venezuela. En todos estas intervencións os Estados Unidos só prestan axuda loxística, e quen fan o traballo suxo son as potencias ou gobernos aliados. Neste intre, a confrontación máis álxida está, sen lugar a dúbidas, en Ucraína, Venezuela e Siria. Se as potencias atlantistas dobregan Rusia e o Goberno Bolivariano de Venezuela, terán asestado un forte golpe, por unha banda, á construción dun mundo multipolar,  máis respectuoso coa soberanía das nacións, (porque isto é o que se xoga no conflito de Siria e a Ucraína), e no caso de Venezuela, ademais, esmagaríase a procura dun sistema alternativo para a construción dunha sociedade máis xusta. 

"Tanto en Ucraína como en Venezuela, o imperialismo optou polo Golpe de Estado, mais sen recurrir aos vellos métodos, tan desprestixiados na sociedade"

Tanto en Ucraína como en Venezuela, o imperialismo optou polo Golpe de Estado, mais sen recurrir aos vellos métodos, tan desprestixiados na sociedade, como o define con toda claridade o xornalista arxentino Luís Bruschtein: “O golpe de Estado brando consiste en travestir a unha minoría en maioría, amplificar os seus reclamos, crispar as controversias e enfrontamentos e desgastar a verdadeira maioría que goberna, ate facela caer por medio dalgunha farsa xudicial como foi no Honduras, ou parlamentaria, como no Paraguai ou forzando unha intervención estranxeira como se pretende facer na Venezuela. É máis complicado que os golpes militares, porén, a diferenza deles, ten a cor destes tempos, cos seus arquetipos de “tiranuelos bananeiros” no bando dos malos, e un bando dos bos cos seus arquetípicos loitadores pola liberdade, cos seus simulacros de épicas remasterizadas e cos seus falsos discursos de heroísmos cidadáns, todos eles, bos e malos, deseñados como protagonistas dunha película de acción clase Z polas grandes ferramentas de dominación: as corporacións mediáticas”.  (Golpe Blando, Página12, 19-03-2014).

Na Venezuela hai moito debate sobre a actitude da oposición. Non é algo secundario como se caracterice a súa postura, porque define cal debe ser a táctica diante da situación por parte do movemento bolivariano, e tamén os pasos a dar no eido económico e social. Dise que existe un xeito de axer distinto entre Capriles, por un lado, e Leopoldo López e Corina Machado que alentan a violencia, polo outro. E pode ser, porque o primeiro sabe que de caer o Goberno, el será a opción conciliadora, e isto é fundamental nun país tan dividido, e se Maduro supera esta batalla a súa será a única andaina posíbel para a oposición no futuro. Esta dualidade táctica contribúe a que o Goberno non tome máis medidas económicas e sociais que transformen o sistema, na procura de gañar unha parte da oposición e debilitar a violencia dos grupos máis extremistas. Aparentemente é unha decisión intelixente, mais ten o perigo de desmobilizar os sectores máis combativos do movemento bolivariano, que hai tempo exixen reformas máis radicais. Ademais, non soluciona as importantes eivas do proceso, e polo tanto Maduro pode gañar o conflito máis perder a batalla fronte a unha oposición “moderada” e engordada pola falta de saídas aos problemas económicos, de seguridade e corrupción. 

"Na Venezuela houbo grandes avances sociais durante o período bolivariano (ensino, saúde, vivenda, etc.), e serían impensábeis os rápidos cambios producidos na América Latina sen Chávez".

Na Venezuela houbo grandes avances sociais durante o período bolivariano (ensino, saúde, vivenda, etc.), e serían impensábeis os rápidos cambios producidos na América Latina sen Chávez. Mais non se rachou co peso que, na redistribución da riqueza, ten a renda petroleira. E o sector privado segue a manter un papel hexemónico na economía, mesmo en actividades estratéxicas. Con respecto á situación que vive actualmente Venezuela, tanto no eido político como social, di nunha entrevista Gonzalo Gómez, un dos fundadores do xornal dixital Aporrea, (http://argentina.indymedia.org/news/2014/02/855378.php): “hai sectores de dereita que estableceron un prazo para liquidar o Goberno bolivariano, buscan logralo a través de métodos insurreccionais e de violencia na rúa, co obxectivo da renuncia do Goberno ou desestabilizar politicamente o proceso. Outros sectores de dereita non están de acordo co método. Queren instalar no goberno as súas propostas para así desgastalo e que o pobo entre en contradición co Goberno. En 2015 son as eleccións de deputados, polo que buscan mudar a correlación de forzas (...) Hai malestar na poboación, produto da usura, a sabotaxe económica e a corrupción, de sectores da burguesía parasitaria e de sectores corrompidos do aparello do Estado, que negocian con sectores da burguesía”.

As debilidades do Goberno diante da oposición teñen que ver obxectivamente con que non se produciron cambios estruturais que permitiran mudar a fondo as relacións de poder económicas e sociais, e tamén que o suxeito político non é o mais axeitado para esta tarefa histórica. O Partido Socialista Unificado de Venezuela é sobre todo un movemento, carente da unidade ideolóxica necesaria para levar adiante unha revolución económica e social, xa que non responde especificamente a unha clase como suxeito social hexemónico. Neste aspecto o proceso Venezolano padece das mesmas eivas que os de Ecuador e Bolivia, e doutros países, que confunden a fragmentación da clase traballadora, coa súa desaparición ou perda dun papel central (malia que teña hoxe o seu máximo peso histórico no conxunto da poboación ocupada). 

"Para alén das eivas e das tácticas que utilice Nicolás Maduro en relación coa oposición, todo fai pensar que o Goberno de Venezuela non dispón de moito tempo para realizar os cambios económicos necesarios para derrotar o golpe de Estado"

En calquera caso, para alén das eivas e das tácticas que utilice Nicolás Maduro en relación coa oposición, todo fai pensar que o Goberno de Venezuela non dispón de moito tempo para realizar os cambios económicos necesarios para derrotar o golpe de Estado na rúa e na economía. O Banco Central recoñece que o desabastecemento a esta altura atinxe o 28% e a inflación acadou o 56% no ano 2013. As medidas necesarias, segundo algunhas das tendencias internas do PSUV, son entre outras: a urxente recuperación estatal de alimentos e produtos de consumo básico; control de todos os dólares do país; intervención e control estatal e social do sistema bancario privado; poñer baixo control estatal todo o comercio exterior... 

O Goberno bolivariano e pobo de Venezuela amosaron, nun contexto internacional moi negativo, a súa capacidade de mobilización e de sacrificio, e foron quen de levar adiante algunhas medidas de cambio no modelo de xestión e de construción da democracia popular, que colocan este pais á vangarda no mundo (se exceptuamos Cuba, e como produto doutro momento histórico). A dura confrontación coa burguesía e o imperialismo non é algo casual. Agora ben, ningún proxecto revolucionario pode vivir do pasado, debe demostrar arreo que é capaz de seguir avanzando, construíndo, mellorando... Ese é o reto, esa é a esencia da revolución, da liberación nacional e social. Que fracase o golpe será un triunfo histórico para o pobo de Venezuela, mais tamén é fundamental para o resto dos países do mundo e as forzas de esquerda.

http://manuelmera.blogaliza.org/