Opinión

Venezuela, unhas eleccións plurais e democráticas

Os resultados das eleccións ao Parlamento en Venezuela son positivos para o chavismo ao acadar sobre un 69% dos votos emitidos e unha ampla maioría no Parlamento. Este novo triunfo electoral permite pechar positivamente o flanco aberto no ámbito institucional hai catro anos, e desmontar a terxiversación mediática respecto de que a oposición contaba co respaldo dunha maioría social, que só usurpación e autoritarismo da Presidencia impedía que se exercese. Esta mensaxe da oposición neoliberal, porén tamén das potencias occidentais e aqueles governos que manteñen unha postura subalterna, agora quérese reafirmar coa descualificación das eleccións utilizando como escusa a baixa participación, xa que foi rente do 32%. Mensaxe que pretende coller folgos cunha consulta virtual por parte de Guaidó, mais carente da calquera control e lexitimidade, e nunha vía esgotada.

Agora ben, aínda que a baixa concorrencia nas eleccións mereza unha reflexión, non vale como termómetro da cualidade democrática do proceso se temos en consideración os criterios que as potencias occidentais empregan ao respecto. Como exemplo máis próximo temos que as persoas que votaron o pasado domingo nas eleccións parlamentares en Romanía, que ninguén cuestionou, foi dun 31,84%, neste caso xustificábase nos medios polos efectos da pandemia. Deixando en evidencia a distinta vara de medir. Asemade en boa parte daquelas que se convocaron recentemente en países de Europa e América Latina o porcentaxe das persoas que non votaron foi maior que daquelas que o fixeron; vexamos, a participación foi na: Francia en 2017 do 48,71%, Chile o mesmo ano do 46,05%, Colombia en 2018 do 48,85%, El Salvador o mesmo ano do 45,73%, Kosovo en 2019 do 44,59%, e Portugal do 48,57%. Nestes casos non se pode dicir que é por mor do covid-19.

Aínda que a baixa concorrencia nas eleccións mereza unha reflexión, non vale como termómetro da cualidade democrática do proceso

Ademais, non é un dado secundario que nestas eleccións en Venezuela se presentasen, entre moitos outros, dous partidos da oposición cunha longa historia política: Acción Democrática (socialdemócrata); e COPEI (democracia cristián), que durante décadas se repartiron o poder institucional. Tampouco se pode obviar que a oposición governa en 4 estados, dos 23 existentes, así como en 27 municipios dos 335 que hai no país, e que conta co apoio de importantes medios de comunicación privados. Aínda así a oposición só sumou pouco máis do 24% dos votos (nas tres principais opcións opositoras que se presentaron ás eleccións lexislativas).

Resulta evidente que a decisión de Estados Unidos, do Grupo de Lima e ela UE de cuestionar o proceso electoral fracturou á oposición, colocando mais unha vez a alternativa en mans da estrema dereita neoliberal (López, Guaidó...). Hai analistas venezolanos que destacan a fraxilidade desta vía pola confrontación entre Capriles e Guaidó. Outra cuestión que xoga en contra deste último e a súa  hipotética base de apoio institucional como presidente xa que en xaneiro asume o novo Parlamento. Ademais todo reflicte que nas próximas convocatorias, das eleccións estaduais e municipais, os partidos da oposición que se presentaron terán unha oportunidade para ocupar a maioría do espazo da dereita. En calquera caso, o máis importante é que, para alén das valoracións que fagan sobre os resultados e a abstención, hai moita coincidencia no relativo a que todo parece indicar que a vía institucional vaise impoñendo na oposición como alternativa sobre a do asalto ao poder, aínda que non se renuncie ao apoio e dependencia exterior.

Por último, mesmo sabendo que a situación económica e social en Venezuela é moi difícil, por mor do bloqueo e todo tipo de sabotaxes e apropiacións de recursos, así como a pandemia, o certo é que  a baixa participación máis que un problema de pureza democrática, como pretende a oposición, é sobre todo un reto político cando está ligada ao protagonismo das clases populares e ao exercicio da soberanía nacional. E a este respecto o PSUV e outros partidos de esquerda seguramente realizaran unha valoración critica, que moitos e moitas estaremos esperando, para poder completar a análise sobre o estado de animo da xente, a tendencia dominante na correlación de forzas e as tarefas pendentes no proceso de cambio, nun país que está na primeira liña de batalla.

https://obloguedemera.wordpress.corn/