Opinión

USA, o triunfo do mal menor

Ao día de hoxe, venres polo serán, todo indica que o electorado estadounidense terminou dándolle a presidencia a Biden, nunha das eleccións máis disputadas. Aínda que as enquisas previas dábanlle un triunfo máis folgado ao Partido Demócrata, Donald Trump foi quen de manter e mesmo ampliar o voto de 2016, malia desenvolver unha xestión penosa en relación co covid-19 e agresiva coa inmigración, o feminismo, a ecoloxía, etc. Ademais en todo momento Trump socializou a idea de que o voto por correo, auspiciado por mor da pandemia, era parte dunha operación para lle roubar a presidencia, co obxectivo de poñer todo tipo de atrancos a unha vitoria demócrata.

Todo amosa que a Biden non lle vai ser doado governar, tanto pola actitude do ex-presidente, como polo feito de que os republicanos terían maioría no Senado e que o Tribunal Supremo de Xustiza responde a esta mesma liña de pensamento. En poucas palabras, que as políticas demócratas van estar máis condicionadas polos derrotados republicanos que pola corrente de esquerdas do partido; por exemplo, polos seguidores de Bernie Sanders e Alexandria Ocasio-Cortez. Que sexa así é preocupante porque as diferenzas máis notábeis entre republicanos e demócratas danse nas políticas internas, por exemplo respecto das enerxías renovábeis, do programa medicare, etc.

En relación coa política manter con China, Rusia, Venezuela, etc, as diverxencias entre demócratas e republicanos son de matizEn relación coa política manter con China, Rusia, Venezuela, etc, as diverxencias entre demócratas e republicanos son de matiz

En relación coa política manter con China, Rusia, Venezuela, etc, as diverxencias entre demócratas e republicanos son de matiz, e algo máis fortes respecto de Iran, dado que Obama asinou o acordo para conxelar a produción nuclear de Teherán. En calquera caso con ambos partidos no Governo a presenza militar de Washington non deixou de medrar en todos os recantos do mundo, malia que se usase a retirada de tropas de Afganistán como un engado na campaña electoral de 2016 por parte de Trump. Non se fixo efectiva, entre outras razóns, porque ía contra os intereses do complexo industrial militar, que representa máis dunha quinta parte da economía dos Estados Unidos.

As diferenzas entre ambos partidos non están no modelo económico e social e en relación cos privilexios imperialistas de Washington. Senón en que os primeiros pensan que poden vencer nesta batalla sen rachar os circuítos comerciais globalizados actuais (nos que importantes empresas USA teñen un papel central). Daquela que mesmo podan modificar positivamente as relacións coa UE e outros aliados, e non manter unha política de cerco tan forte en relación cas nacións de fóra da súa orbita. Mentres que Trump, e un sector do gran capital estadounidense, consideran que esta loita pola hexemonía só se podería gañar illando a China e Rusia e outros países, golpeando así a súa capacidade produtiva e a centralidade que adquiriron en certos sectores. Esta última folla de ruta, que en principio pretendía ser transitoria, busca reproducir o escenario que terminou coa caída da URSS: excesivo gasto militar, illamento exterior no económico, alentar a oposición e conflitividade interna, e crear unha imaxe favorábel aos intereses occidentais no exterior. Daquela que as feak-news e sancións formasen parte desta estratexia para frear a consolidación dun mundo multipolar, no que Washington e as súas compañías perderían boa parte dos seus privilexios.

Ou sexa, non se deben esperar grandes cambios na política exterior, máxime cando a confrontación está tan agudizada, e dar pasos atrás por parte de Washington sería custoso en imaxe despois de demonizar a Rusia, e meter tanto lume na disputa con China pola hexemonía, especialemnte no eido da tecnoloxía dixital. Todo fai pensar que a distensión levará tempo, e que sería un paso adiante que non continuase a escalada de enfrontamentos, e que a derrota de Trump debilite aos governos e partidos de ultra dereita noutras parte do mundo. Esperar moito máis do imperio sería unha ilusión. A propia sociedade ten reservas respecto do sistema político imperante. Nunha recente enquisa de Gallup un 57% da povoación apostaba porque existise unha terceira opción, como resposta ás cativas que son as diferenzas entre demócratas e republicanos. Aínda así, en principio sempre é mellor optar polo mal menor, neste caso os demócratas. Non é casual que así o faga a esquerda daquel país. A actual crise política e social abrirá a oportunidade a un pluralismo político real?

https://obloguedemera.wordpress.com/