Opinión

A UPG nas xornadas patrióticas e xogos florais de 1968

Despois da morte de Castelao a colectividade galega en Bos Aires perdeu folgos. Este feito coincidiu cunha nova vaga emigratoria, que comezou en 1948 e na Arxentina duraría até a caída de Perón en 1955. Ademais, non había substituto para quen uniu na Irmandade Galega as diferentes sensibilidades existentes na colectividade, tanto respecto da cuestión nacional (autonomistas e arredistas) como no aspecto social (socialistas, progresistas, comunistas, anarquistas). Daquela que a realización do Primeiro Congreso de Emigración Galega en 1956, coa asistencia de figuras como Xosé Velo, hai que entendela como un intento de recuperación, mais que como unha continuidade. A virtualidade deste encontro confirmouse no ano 1961, cando se produciu a captura do barco de pasaxeiros Santa María por militantes revolucionarios galegos e portugueses, entre eles Velo e Galvão que exixían democracia no Estado español e Portugal. 

Mentres tanto na Galiza a loita obreira iría collendo corpo, especialmente en Ferrol e Vigo, ao tempo que a maior parte da povoación vivía no rural en condicións de pobreza, e sobre todo de marxinación cultural, lingüística e económica. Neste escenario entre 1963 e 1964 nacían forzas centradas na Galiza como o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG). Esta última tiña unha manifesta vontade de masas, polo que participou no conflito de Castrelo de Miño (1966) contra a construción do encoro por Fenosa. Eran fenómenos novos, mais sempre esperados por organizacións da emigración como o Consello de Galiza (o Governo galego no exilio) e pola Irmandade Galega. Aínda que para estas organizacións da emigración o agromar destes proxectos chegaba demasiado tarde, coa maioría dos cadros avellentados, e co franquismo no control do Centro Galego dende o ano 1966, a maior institución polo número de afiliados/as (a súa actividade principal era hospitalaria) recuperaríase polo galeguismo dous anos despois. 

Entre 1963 e 1964 nacían forzas centradas na Galiza como o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Povo Galego (UPG)

 

Neste contexto realizáronse no ano 1968 os Xogos Florais do Idioma Galego. Resulta evidente que a pretensión era a de contactar coas novas forzas da oposición nacionalista. O convite aos actos foi previo ao conflito na Universidade de Compostela (abril de 1968). A carta dirixida aos escritores/as convidados a participar nos Xogos Florais, e aos alcaldes galegos respecto da problemática da castelanización da toponimia, leva a data do 14 de marzo. N'A Nosa Terra do mes de maio dese ano Había un artigo sobre as novas forzas xurdidas na Galiza (PSG, UPG e o ¿Social Cristian Galego?) asinado por Moisés Da Presa; o comentario sobre a folga estudantil en Compostela fíxose nun número posterior do periódico, en xaneiro de 1969. Aos Xogos Florais sumáronse sociedades galegas de América Latina e Europa, así como algunha entidade residente na Galiza. O acto inaugural fíxose no Centro Ourensán o 17 de maio, Día das Letras Galegas. 

Algúns datos para que o lector/a contextualice a situación na Arxentina. Dende o ano 1966 até 1973, como consecuencia dun golpe militar que se autoproclamou a “Revolución Argentina”, o país estaba sometido unha ditadura; no período ao que facemos referencia o presidente era o xeneral Juan Carlos Ongania. A ditadura militar sería contestada polo movemento obreiro e a oposición de esquerda; da que xurdiron fraccións que impulsaron accións insurreccionais, e de guerrilla rural e especialmente urbana. 

Como todos os anos ademais fixéronse as Xornadas Patrióticas Galegas, que consistían en distintos actos co gallo do Día de Galicia. Entre os que figuraba o organizado polo Centro Galego no  Teatro Colon, o máis significativo do país (e un dos máis importantes do mundo) no que respecta á opera, ballet e musica clásica. A celebración do Día de Galiza neste lugar era unha excepción en consideración á importancia da colectividade galega e seu papel na historia da Arxentina. En relación coa importancia das xornadas patrióticas para a colectividade galega, o periódico A Nosa Terra salientaba no ano 1969 a realización de 21 actos (8 conferencias; 4 audicións radiais; 1 exposición de pintura; 1 misa en galego; 7 actos conmemorativos; etc). 

Como todos os anos ademais fixéronse as Xornadas Patrióticas Galegas, que consistían en distintos actos co gallo do Día de Galicia

 

No mes de xullo do ano 1968 foi convidado o escritor e poeta Celso Emilio Ferreiro, que militaba na UPG e residía en Venezuela para dar unha serie de conferencias, que eran parte das Xornadas Patrióticas. Unha no teatro Avenida e a central no salón de sesións do Consello Deliberante da cidade de Bos Aires, que versou sobre Eduardo Pondal. Ademais, Celso Emilio Ferreiro mantivo unha xuntanza no Centro Ourensán co Consello de Galiza, representado por Alonso Ríos e Abraira, e a Irmandade Galega, pola que asistiron Moisés Da Presa e o que escribe este artigo (que por certo  está entre os que auspiciaron os xogos florais, tal como se recolle no libro). A conversa xirou arredor da situación política na Galiza, os obxectivos da UPG, e o momento na colectividade en Venezuela. Non lembro que se entrase en aspectos concretos.

Polo tanto a persoa escollida como mantedor dos xogos florais que non foi casual, xa que sería Xosé Luís Méndez Ferrín, que daquela era un militante destacado da UPG. Na Irmandade Galega, e coido que tamén no Consello de Galiza, había unha enorme preocupación por aumentar os nexos co interior. Decatábanse que xa non lles valían os vellos referentes do Partido Galeguista (daquela desactivado por Piñeiro) para coñecer exactamente a realidade, e poder colaborar eficazmente na loita contra a ditadura e axudar ao nacionalismo emerxente. Esta cuestión era central para militantes como Da Presa e Cupeiro.

Os premiados nos Xogos Florais foron os seguintes: Celso Emilio Ferreiro polo poema “Miña Matria Galicia”; Xosé Sesto López polo poema por “A soma do Fisterra”; Manuel María por “Canción de amor á muller galega” e “Canto á vella estirpe celta”. O xurado estaba composto por Victor Lois Molinari, Xohana de Ibarbourou e Francisco Lois Bernárdez. O acto central realizouse o día 31 de agosto no salón de sesións do Consello Deliberante, lendo os poemas dos premiados as actrices Delia Garces e Lita Soriano, e os actores Luís Medina Castro e Fernando Iglesias. Todas e todos figuras de renome no país. O banquete de clausura fíxose no Hotel Castelar, alí, como xa teño contado anteriormente: “Destacaba a presenza do capitán Acosta, en representación do Almirante Benigno Varela (...) a intervención de Méndez Ferrín non lle agradou a este militar, e o seu cambio de aspecto foi evidente pra todas as persoas presentes, entre os que me atopaba”. No acto tamén falou o escritor arxentino Jorge Luis Borges.

A UPG quería que o Consello de Galiza asumise un maior rol como Governo galego no exilio. Era un obxectivo correcto aínda que fose simbólico. Isto permitiríalle  ao nacionalismo gañar espazo como alternativa na Galiza, tendo en consideración o peso que tiña nese intre o Partido Comunista, especialmente no movemento obreiro e estudantil. Agora ben, tanto o Consello de Galiza como a Irmandade estaban a esta altura moi debilitadas, avellentados e mortos moitos dos seus principais dirixentes e activistas. E entre as figuras centrais había divisións, tanto polas contradicións nos obxectivos nacionais como no proxecto social. É verdade que a distancia, os anos, e as dificultades debilitaron estas diverxencias, porén a morte de Castelo non puido ser substituída por unha figura política de igual prestixio e capacidade para tender pontes.

A UPG quería que o Consello de Galiza asumise un maior rol como Governo galego no exilio

 

Ademais, a ditadura militar impedía calquera acción aberta respecto deste tema, fóra dalgún chamamento excepcional como o realizado polo Consello de Galiza en 1970, ou os artigos e comentarios que se publicaron n'A Nosa Terra até 1972. A embaixada española tiña relacións de privilexio cos militares e un peso importante na colectividade (aínda que a finais de 1968 perdeu o control do Centro Galego, que mantivo dous anos). Mesmo con estes atrancos a presenza de Ferrín conseguiu resultados, entre os que están que a UPG se convertese nunha referencia para a parte da colectividade máis nacionalista e de esquerda, xa que ficou ligada co proxecto de liberación e formada por xente moza. Fortalecía esta valoración, de partido alternativo e combativo, a participación en Castrelo de Miño e na folga da Universidade de Compostela. Outro dos efectos foi que un grupo de persoas nos incorporásemos á UPG, formando unha célula en Bos Aires. 

Bibliografía:

-Xogos Froraes do Idioma Galego, Editorial Nos; Bos Aires; 1969
-A Nosa Terra; 1968 e 1969
-A Galiza de Alén Mar; Bieito Cupeiro; Ediciós do Castro; Galiza; 1989
-Manuel Mera, a paixón militante; Xan Leira; Edición Xerais; Galiza; 2000
-Buenos Aires Gallega; Ruy Farías; Comisión para la preservación del patrimonio histórico cultural de la ciudad de Buenos Aires; 2006