Opinión

Uns resultados que esixen reflexión 

Resulta evidente que estas eleccións xerais terán unha enorme repercusión política e social, tanto na Galiza como no ámbito do Estado español.

Resulta evidente que estas eleccións xerais terán unha enorme repercusión política e social, tanto na Galiza como no ámbito do Estado español. Mais pensar que debuxan o panorama político-institucional por décadas sería unha análise simplista. A situación segue sendo moi confusa e variábel, tanto no escenario galego, coma no do Estado, da UE e o internacional. Claro que isto non é escusa para os malos resultados de NÓS-Candidatura Galega, xa que superaron as previsións máis negativas, mesmo daqueles que criticamos dende a última Asemblea Nacional do BNG a liña errática na folla de ruta e na política e alianzas. Reinterpretouse unha e outra vez Amio.

A porcentaxe de votos é extremadamente baixa para NÓS-Candidatura Galega (BNG e coligados), e non se pode xustificar coa escusa de vellos e novos atrancos que impón un sistema baseado na explotación e a opresión. Asemade reflicte que existen eivas e erros propios que o nacionalismo anticolonial debe superar e corrixir. Neste aspecto, tanto o derrotismo como a autocompracencia, porque hai alguén a quen lle vai igual de mal, levan á liquidación. Tamén teñen responsabilidade nesta deriva os organismos de dirección, máxime cando se conta cunha base tan combativa e entregada, ligada á conflitividade social e laboral. Non menos importante na socialización do proxecto son os/as referentes, polo que a febleza no discurso e na capacidade de comunicación co povo págase moi caro. Sobre esta cuestión non me quero estender máis neste artigo, xa que con seguridade fareino en novas reflexións nun futuro próximo, a medida que se abra o debate.

A porcentaxe de votos é extremadamente baixa para NÓS-Candidatura Galega (BNG e coligados), e non se pode xustificar

Outra evidencia é que o futuro Governo central será produto dun acordo entre partidos, polo que terá menor capacidade que hoxe o PP para reformar leis e desenvolver políticas ignorando a protesta social. E aínda que o “bipartidismo” a catro non é superador dunha división practicamente á metade no mapa electoral estatal entre forzas que teñen o seu eixo na dereita e no centro esquerda (nunha caracterización simplista), achega un maior grao de pluralidade e complexidade política. Ademais, sexa cal for o futuro governo, máis unha vez volve depender do nacionalismo catalán e vasco para acadar a maioría, traendo ao primeiro plano a “cuestión nacional”. A única opción para superar este problema sería formar unha coligación PP-PSOE-Ciudadanos, e isto, aínda que lle gustaría á UE e ás clases dominantes (tamén a Felipe González e un sector do partido), significaría o suicidio dos “socialdemócratas”. 

Todo fai pensar que un pacto PSOE-Podemos non será algo sinxelo, máxime cando ademais deben sumar o apoio dos partidos nacionalistas. Lembremos que o referendo de autodeterminación de Catalunya semella un atranco insuperábel entre o PSOE e Podemos. A outra opción sería a de convocar novas eleccións xerais, algo que non se debe descartar. 

Esta nova situación política debe ser aproveitada para dar pulo á mobilización laboral, social e nacional

Este bipartidismo imperfecto, a catro, tivo a virtualidade para o sistema de ocupar todo o espazo do debate político nestas eleccións, restándolle ao nacionalismo subalterno o protagonismo que tivo durante décadas. Algo que para as forzas que fan do centralismo o seu proxecto tiña o obxectivo de ser un avance estratéxico, aínda que non resolve e mesmo agrava o confronto coas nacións periféricas. Agora ben, na práctica, este xogo a catro, cunha situación política tan volátil e dependente do momento e dos medios, abriu fendas no bloque de poder e debilita calquera futuro executivo. Máxime cando depende para a maioría do nacionalismo vasco e catalán. 

Esta nova situación política debe ser aproveitada para dar pulo á mobilización laboral, social e nacional. Ficamos diante dun marco máis propicio, como hai tempo non se daba, para a conquista de reformas favorábeis ás clases subalternas. Deste xeito, estas poden medrar en organización e estratexia. Tamén é un escenario máis positivo para as reclamacións culturais e democráticas que faga o povo galego como nación, así como para a autoorganización. Isto será posíbel sempre que o nacionalismo sexa quen de manter e aumentar a iniciativa na mobilización e no debate das ideas, unindo ambos os aspectos coa presenza combativa nas institucións e a boa xestión municipal. Non é cuestión de repregarse nos sentimentos, na autoafirmación, nen de estar ledos ou tristes, senón de reflexionar e de corrixir, de programa e de etapas, de folla de ruta, de métodos de traballo e de política de alianzas. 

http://manuelmera.blogaliza.org/