Opinión

Unidade, as trampas do simplismo

Teño escrito máis dun artigo neste xornal, nos que incidía a respecto de que unha candidatura nacional galega de unidade


Teño escrito máis dun artigo neste xornal, nos que incidía a respecto de que unha candidatura nacional galega de unidade, coa finalidade de constituír un grupo parlamentar propio nas Cortes, non podía ser condición única, nen o aspecto fundamental, porque os instrumentos nunca deben determinar os obxectivos. O reducionismo que sobre o tema se fixo patente dende os medios e por algúns sectores do nacionalismo, ás veces por simplismo e outras co interese oculto de rebaixar as reivindicacións programáticas, non contribuíu a clarificar a cuestión e a elevar o nivel de conciencia política. Ademais, déuselle tal dimensión ao electoral, baixo o alento dos medios, que perdeu todo valor a mobilización e mesmo a autoorganización, tamén esenciais para poder decidir soberanamente. 

No debate, a autoorganización pasou a ser un aspecto secundario, e para algunhas forzas, unha pexa para poder avanzar nas conquistas populares, porque atrancaba a unidade dunha esquerda sen límites precisos, e en beneficio do marco estatal. Centrouse todo na autonomía da candidatura galega e no que cedía cada partido para facer posíbel este obxectivo. Resulta evidente que o nacionalismo consecuente reafirmouse na necesidade de autoorganización, mais non deu o debate e divulgou o tema coa intensidade necesaria ou fíxoo colateralmente, polo que pareceu que era unha cuestión ideoloxista, carente de actualidade e eficacia, sen un carácter esencial para acadar a soberanía e a xustiza social. Foi así, porque non se trata só de dicir as cousas, senón de como se din, con que forza, cando, e como se argumentan, contando con que os medios hexemónicos moitas veces ignoran ou deforman a mensaxe.

Resulta evidente que o nacionalismo consecuente reafirmouse na necesidade de autoorganización, mais non deu o debate e divulgou o tema coa intensidade necesaria

Neste contexto, ten razón o BNG cando rexeita a proposta de Podemos aceptando para Catalunya, Galicia e Valencia un subgrupo parlamentar propio. Porque non dá a resposta axeitada a esta necesidade política. E non a dá tanto, porque un subgrupo é imposíbel, segundo o actual regulamento, e unha reforma semella moi difícil coa correlación de forzas que as enquisas anuncian nas Cortes, como porque, aínda concretándose, non respondería plenamente aos intereses galegos. Mesmo que Podemos aceptase que as candidaturas na Galiza, Valencia e Catalunya formasen grupo propio (o cal é dubidoso que fose legal, xa que un mesmo partido formaría parte de varios grupos), non ficaría garantido que as súas decisións se tomarían exclusivamente dende Galiza. Lembremos que varias das forzas que integran estas candidaturas teñen o seu centro de decisión a nivel estatal. E isto dá unha determinada identidade política ao grupo parlamentar, mesmo sendo formalmente autónomo.

Polo tanto, que sexan ou non organizacións de ámbito galego as que integrasen o hipotético grupo non é unha cuestión secundaria, porque de non ser así, unha parte dos deputados/as poderían estar ligados á disciplina de partidos estatais. Forzas que, como Podemos e EU, ante todo defenden a unidade de España, aínda que teoricamente acepten o carácter plurinacional do Estado. Que un español de nacionalidade acepte que as nacións que integran o Estado español teñan o dereito a decidir é un importante paso adiante. Porén, esta mesma actitude, por parte persoas das nacións dependentes que logo militan en partido estatais significa reducir a cuestión nacional a un papel secundario ao renegar da autoorganización; ou sexa, é un paso atrás. E o prisma co que se valora a problemática nacional, sexa no eido cultural, económico ou social, non cambia cunha candidatura e un grupo galego, que se transformaría nun aspecto formal, nunha fórmula transitoria, oportunista. 

Dende que xurdiu, Podemos usou os medios de información e o electoralismo como vías para o cambio, dándolle ao tacticismo un releve que nunca tivo na esquerda

Dende que xurdiu, Podemos usou os medios de información e o electoralismo como vías para o cambio, dándolle ao tacticismo un releve que nunca tivo na esquerda. Por iso, en pouco máis dun ano mudou varias veces o seu programa en función do debate nos medios e do momento. E outro tanto fixo co xeito de se presentar nos procesos electorais. Da lectura que realizou das eleccións catalás tirou como conclusión que pagou non telo feito coas súas siglas (en realidade a súa terceira vía non daba resposta á problemática nesa nación). Ademais, rexeitar alianzas permitíalle seguir esmagando Esquerda Unida. Porén, ter que competir en Catalunya, Galiza e Valencia cos seus aliados, coas enquisas reflectindo un enorme recuar na intención de voto, levounos a mudaren a táctica, especialmente cando non van superar o PSOE e van ficar por detrás de Ciudadanos. Agora xa falan de que “tocar o ceo”, hai que deixalo para a seguinte lexislatura.

Todo indica que neste escenario, a existencia de candidaturas especificas axúdalle a Podemos a gañar tempo, e a aparecer como unha forza que ten máis peso que os deputados e deputadas obtidos coas siglas propias. Asemade, saben que nesas candidaturas a dinámica institucional, os medios de información e a tendencia dominante, xoga a prol dos ámbitos de decisión superiores e das políticas de Estado, máxime se estas formas de pensar están integradas e organizadas nas candidaturas de unidade, en Catalunya, Galiza e Valencia. Sen dúbida a reflexión que se fixo dende Esquerda Unida é semellante, e a práctica deulles a razón (véxase como exemplo o que está a acontecer co uso do galego no Concello da Coruña, e a prioridade nas alianzas e relacións das Mareas con outras cidades do Estado, en detrimento do ámbito galego). 

Os sectores do nacionalismo que se incorporaron a esta nova folla de ruta (como Anova), aceptaron que a autoorganización do povo galego non é fundamental e que a soberanía nacional non é o prioritario

Para alén do éxito electoral destas forzas, que non está aínda consolidado, o certo é que os sectores do nacionalismo que se incorporaron a esta nova folla de ruta (como Anova), aceptaron que a autoorganización do povo galego non é fundamental e que a soberanía nacional non é o prioritario. Mesmo hai figuras do proceso que destacan por querer conseguir a unidade como for, que afirman que esta actitude por parte de Anova reflicte que “teñen unha cintura, unha capacidade de moverse políticamente envexábel, un sentido táctico imprescindíbel”, e polo tanto seica o BNG e outras forzas do nacionalismo deberían seguir o mesmo camiño (suicidándose como proxecto nacionalista transformador). Pola súa banda, dende a esquerda estatal recoñeceuse a Galiza como unha nación, mais sen que iso implique tarefas concretas de ningún tipo máis alá do declarativo, polo que na práctica (que é o importante) convértese nunha contradición e tarefa secundarias. 

As candidaturas construídas con esta orientación en Catalunya, Galiza e Valencia, ao abeiro de Podemos e EU, e co apoio de forzas nacionalistas, ademais de non ter un proxecto común para resolver a cuestión nacional, manteñen diverxencias sobre como dar resposta á desigualdade social. Diferenzas que estes días se expresaban nos medios, cando Garzón deixaba en evidencia as eivas da proposta de Pablo Iglesias sobre a renda básica de 600 euros e o complemento con cartos públicos até os 900 para os traballadores/as que gañen menos desa contía. Agora ben, con relación ao tema nacional, aínda que se pretenda adiar, a tensión do conflito en Catalunya obriga a tomar partido. Están dispostas as forzas nacionalistas que integran estas candidaturas a ollar para outro lado ou calar, como fixeron hai uns días cando Podemos e Esquerda Unida asinaron un documento, facendo unha fronte común para lle esixir ao soberanismo catalán máis espazo nas institucións? 

O importante son sempre os obxectivos (a liberación nacional e social), e será máis doado conquistalos cantas máis persoas fagan causa común

O importante son sempre os obxectivos (a liberación nacional e social), e será máis doado conquistalos cantas máis persoas fagan causa común. Non confundamos a función e importancia destes dous conceptos. A unidade non é un fin en si mesmo, senón un instrumento. Porén, non é o mesmo a unidade por arriba, ou con minorías, que construíla por abaixo coa maioría social. Non é igual facela na teoría que trasladala á práctica, onde hai que ter en consideración as militancias partidarias, as ideas dominantes, as actitudes persoais. Só se todas as forzas e persoas que apoian a Candidatura Nacional Galega, e especialmente os/as candidatos, consideran esencial a autoorganización do povo galego, existirá garantía de que defenda con firmeza todos os intereses nacionais (soberanía, desenvolvemento económico, condicións laborais, servizos públicos, fiscalidade, ecosistema, etc.).

Este proceso deixará consecuencias e ensinanzas. Deberíase polo tanto facer unha reflexión final, debatela e socializala. Felicitar os éxitos, e criticar e esixir responsabilidades polos erros. Até despois das eleccións ficarán preguntas sen responder. Gañou espazo e forza o nacionalismo?... Participaron activamente a militancia e os/as simpatizantes?... Permitiu a campaña aclarar as diferenzas que existen nos obxectivos e na folla de ruta entre as distintas opcións?... Chegou a proposta programática ao povo con claridade? Valoracións que non se poden facer só sobre o número de deputados e deputadas. Cómpre valorar ademais, xa que é estratéxico, todo o relativo á organización, conciencia política, etc. En fin, para alén de cales sexan as conclusións, o certo é que este proceso amosou máis unha vez que o BNG segue a ser a única forza que reivindica cun mínimo de coherencia este país, ten un corpo social organizado importante, e garante a defensa das clases populares nas institucións e na rúa. Tamén o demostraron na práctica outras forzas máis pequenas ou comarcais, coas que a fronte debería forxar unha alianza para alén do electoral. Outra cuestión é, que se debe rectificar, que se debe mellorar. A autocrítica sempre é revolucionaria.

http://manuelmera.blogaliza.org/