Opinión

Unidade, escenarios posíbeis e condicións mínimas

En anteriores artigos xa manifestei que, tendo en consideración a expectativa espertada pola queda do PP e un posíbel cambio nas institucións, unha candidatura unitaria nas xerais é un camiño que cómpre percorrer, se non se quere perder conexión con boa parte da sociedade, e tamén da base electoral nacionalista.

En anteriores artigos xa manifestei que, tendo en consideración a expectativa espertada pola queda do PP e un posíbel cambio nas institucións, unha candidatura unitaria nas xerais é un camiño que cómpre percorrer, se non se quere perder conexión con boa parte da sociedade, e tamén da base electoral nacionalista. É así porque no BNG non se fixeron todos os deberes, tanto levando adiante as rectificacións acordadas en Amio, como poñendo na dirección da fronte as persoas máis acaídas para esta conxuntura tan complexa. Mesmo perdeuse impulso, aínda que o BNG siga a ser a forza con maior presenza na conflitividade social. Daquela que con estes condicionantes, unha Candidatura Nacional Galega de Unidade nas vindeiras eleccións xerais sexa unha proposta axeitada, aínda podendo ser nun primeiro intre un paso a atrás para o BNG, en termos de referencialidade.  Porén, sería un erro pensar que así se solucionan todas as eivas e atrancos, polo que ademais se deben tomar outras iniciativas e rectificacións. 

Concretar esta iniciativa non é algo doado, tanto pola oposición dos partidos sistémicos, como, porque nalgunhas organizacións nacionalistas terminen primando os intereses electorais e persoais curtopracistas. En principio, hai cando menos tres escenarios posíbeis para o nacionalismo. Un, que exista unha caracterización común do momento que supere todas as feridas e diferenzas ideolóxicas secundarias. Dous, que Anova condicione esta lista de unidade a que se lle dea acollida a EU, que xa forma parte de AGE, considerando que o recoñecemento retórico do dereito de autoderminación é unha condición suficiente. Tres, que Anova opte por facer camiño en común con Podemos, Esquerda Unida, e Equo; ou sexa, por dar prioridade á cuestión social nun marco estatal sobre a nacional, que ficaría reducida ao aspecto cultural. 

"O BNG é a forza nacionalista con máis peso electoral, incidencia popular e militancia organizada".

O BNG é a forza nacionalista con máis peso electoral, incidencia popular e militancia organizada. Porén, a chave para a construción dunha candidatura galega de unidade, que abranga a todo o nacionalismo, está en boa medida nas mans de Anova. Tamén a responsabilidade histórica. E nesta altura, non é doado saber cal vai ser a súa postura. Sendo unha forza que se define como nacionalista a opción lóxica debería ser a de fortalecer o conceito de autoorganización, de soberanía. Mais, se nos guiamos polas súas alianzas nas autonómicas, europeas e municipais, mesmo a costa de escisións internas, todo faría pensar que non será así e que optará por seguir na onda de proxectos estatais que lle están outorgando éxitos electorais. O tempo dirá. 

Varios escenarios posíbeis

Evidentemente, ademais destas tres opcións principais pódense dar unha morea de variábeis. O contexto é moi dinámico e confuso. As forzas emerxentes son moi débiles organizativamente, os medios están xogando forte na construción do imaxinario colectivo electoral, e a queda do mundo socialista debilitou tanto a clase obreira como os movementos de liberación nacional. Aqueles que falan da independencia de moitas nacións en Europa, e coidan que a UE é neutral, esquecen que estes foron procesos alentados polo imperialismo para acelerar a desintegración de modelos alternativos ao capital (non é o caso galego), e que todos remataron sometidos á globalización neoliberal.  

"No programa nen a opresión nacional, nen a explotación de clase poden ser un punto máis, porque ambos son a cerna da loita de clases, e de calquera cambio".

Neste contexto é necesario, dado o nivel de manipulación e a confusión reinante, que o BNG demostre decote que é parte do cambio, non só pola súa contribución histórica, senón porque escoita as clases populares galegas (por exemplo, no relativo á unidade). Porén, iso non significa que esqueza, ou que non lembre ao povo galego, que para que a unidade sexa unha ferramenta axeitada debese dar sobre un proxecto transformador e unha folla de ruta apropiada. E para que sexa así, ademais de garantir que o único ámbito de decisión é Galiza, son fundamentais os obxectivos. Mais tamén, por quen vai ser elixida a candidatura e como; e como, cando e a quen os futuros deputados/as van render contas. No programa nen a opresión nacional, nen a explotación de clase poden ser un punto máis, porque ambos son a cerna da loita de clases, e de calquera cambio. O desemprego e as condicións laborais son a pedra angular da desigualdade, do proceso de centralización territorial e concentración social da riqueza e do poder. Non hai liberación popular, nen democracia, sen cambiar este piar básico do capitalismo imperialista. Un aspecto que atinxe directamente ao 85% da povoación activa galega.

Asemade, ten unha importancia central concretar que entendemos por capacidade de decisión. Por exemplo, se abonda con que a candidatura sexa autónoma e de ámbito galego, e con que as forzas acepten o dereito de autodeterminación, mesmo tendo unha dirección foránea. Sobre esta base construíuse AGE. No aspecto teórico, non hai dúbida que se dilúe o carácter nacional da candidatura, o que resta centralidade ao soberanismo. Tamén reflicte as contradicións das forzas estatais, que teñen que aceptar as decisións tomadas nun ámbito que consideran secundario. Polo tanto, poderíase pensar que a inclinación da candidatura e a súa proxección no imaxinario colectivo dependerá da iniciativa e da incidencia interna das clases populares galegas en cada partido. Mais a práctica indica que neste contexto histórico, débese contar con outros factores que son fundamentais nun país colonizado, xa que vivimos en sociedades nas que os medios de comunicación sistémicos teñen un papel moi grande e o marco económico e cultural estatal foi moi reforzado pola globalización.

 "Vivimos en sociedades nas que os medios de comunicación sistémicos teñen un papel moi grande e o marco económico e cultural estatal foi moi reforzado pola globalización".

Aprendendo da práctica

A experiencia de AGE serve para que tiremos conclusións prácticas deste tipo de alianzas que desbordan o nacionalismo. É evidente que acadaron éxito electoral, mais tamén que a cuestión nacional galega foi perdendo peso no proxecto, malia que Anova tiña de partida unha militancia e incidencia superiores ás de EU. Outro tanto aconteceu coas mareas. Por exemplo, a complicidade que buscou a Marea Atlántica no resto do Estado, como en Barcelona, Madrid, etc.. Ou que recuperou o papel do estado e do cantonalismo en detrimento da nación galega. Non atopei unha soa vez no discurso de Xulio Ferreiro unha mención a Galiza como suxeito, e si a estas cidades. É verdade que cada marea é un mundo, e que non se poden meter no mesmo saco. Porén, polo momento non destacan por un discurso no que se reforce o marco nacional galego. Mudará no futuro?

Tampouco se pode ignorar que, sendo o Congreso unha institución cun marco estatal, dá pulo de xeito natural a unha visión centralista dos problemas, das propostas e das estratexias, máxime cando o centro último de decisión política do proxecto se sacrifica en aras da "eficacia electoral". O propio acontecerá coas diverxencias no ámbito social e nacional entre as forzas que se coligan nestas candidaturas, xa que terían que ser moi graves para se converter en parte do debate interno e cara a sociedade. Ficará nun lugar secundario aquilo que non forma parte do consenso. Por exemplo, a divulgación da necesaria liberación nacional, que nunha forza nacionalista non se pode reducir a un dereito básico, como é o de autodeterminación.

O recoñecemento teórico do dereito de autodeterminación, por unha parte da esquerda de ámbito estatal, non abonda para crear conciencia nacional e poder exercer a soberanía neste contexto, máxime cando a proposta é formal, e se utiliza tacticamente coma un cabalo de Troia. Úsase para recompoñer a hexemonía do español, sen propor medidas que garantan un reparto xusto do traballo, a riqueza e o poder entre territorios. Mesmo, todo indica, que alén do discurso de Podemos, ou EU, e da procura dun atallo por Anova, esta aparente cesión debilita o discurso do nacionalismo, tal como amosa a experiencia de AGE. Se a esta candidatura se incorporase Podemos, ademais de EU, esta tendencia regresiva sería máis forte. Unha parte do nacionalismo galego podería quedar sacrificado, como proxecto de liberación, a prol dun hipotético xiro á esquerda, e dun recoñecemento verbal da autodeterminación e do carácter plurinacional do Estado. Non é casual que El País titule: “Podemos intenta absorber as forzas autonómicas de esquerda”. Pablo Iglesias acaba de propor nas primarias que as listas para as xerais en Podemos sexan aprobadas nunha circunscrición única de ámbito estatal. Así entende o dereito de autodeterminación? Deste xeito convertese en letra morta o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, alí onde Podemos ten toda a capacidade para respectalo. Esta vía que algúns consideran de “unidade popular” tampouco garante acadar outros obxectivos hai tempo reclamados. Non se pode obviar que a evolución de Podemos cara a moderación socialdemócrata foise acelerando, afastando da ruptura democrática. Asemade, se medra a debilidade do nacionalismo como alternativa organizada, na loita política cotiá, non haberá forza (ou forzas) que organicen e reclamen eficazmente o dereito á liberación nacional do povo galego e outro modelo económico e social. 

"Pode existir debate sobre os obxectivos realizábeis e prioritarios, mais non pode habelo a respeito da autoorganización, da soberanía"

Daquela ¿que se debería entender por facer unha política aberta, e construír unha candidatura nacional galega de unidade, por parte do BNG? Coido que resulta evidente que se trata de unir todo o nacionalismo e galeguismo que exerce como tal. Ou sexa, que o faga detrás dun proxecto económico e social ao servizo das clases populares. Mesmo poden coexistir puntos de diverxencia tan importantes como son, se o obxectivo para esta etapa é a independencia ou unha confederación ibérica, se dentro ou fóra da UE (aínda que persoalmente coido que sen independencia nacional, e saída do bloque imperialista da UE, Galiza non pode conquistar a xustiza social e defender a súa identidade). Ou sexa,  en relación coa unidade, pode existir debate sobre os obxectivos realizábeis e prioritarios, mais non pode habelo a respeito da autoorganización, da soberanía, da folla de ruta para este período e que a capacidade de decisión a todos os niveis resida no povo galego. Tamén debe existir coincidencia, a respeito a que clases sociais serve, é dicir en: dignificar as condicións laborais, fortalecer as organizacións sindicais e sociais, nacionalizar os sectores estratéxicos, apoiar a economía social e a pequena e mediana empresa, xerando unha economía autocentrada e sustentábel, protexer o ecosistema, democratizar o poder. Debe existir acordo: na necesidade dun sistema republicano, en defender e dar pulo a nosa cultura, historia e lingua, en impulsar a igualdade de xénero, en respectar a diversidade sexual... condenar o racismo e o imperialismo en todas as súas formas... apostar por unha UE con xustiza social, alentar as relacións de fraternidade con Portugal e os países e territorios de lingua galego-portuguesa... Estas deberan ser as liñas vermellas, as condicións mínimas!

Agora ben, preguntarase o leitor, sendo poucas as posibilidades para poder plasmar unha Candidatura Nacional Galega de Unidade, en canto a garantir a participación de todo o nacionalismo, por que o BNG debe facer esta proposta? Ante todo porque é o correcto neste intre. Despois, porque coloca cada forza diante do espello, das súas virtudes mais tamén das súas incoherencias. E asemade, porque é posíbel construír unha candidatura que recolla outras forzas do nacionalismo e activistas que, alén da súa importancia electoral, demostrarían a capacidade integradora do BNG, que o nacionalismo ten iniciativa e un proxecto capaz de convivir coa diversidade. Ofrecería un polo nacionalista máis forte diante da dereita, mais tamén en mellores condicións para disputar o espazo da esquerda.

"O BNG debe asociar en todo momento nun proxecto único, a cuestión nacional e de clase, para construír unha correlación de forzas favorábel".

Reflexión final

A identidade galega é moi forte, e mesmo vai alén da lingua que se empregue, mesmo sendo esta esencial. Mais o nacionalismo non é maioría social, aínda que o traballo realizado durante as últimas décadas permitiu que teña un apoio considerábel, especialmente nos sectores máis dinámicos e politizados da sociedade. O momento no que o BNG obtivo os mellores resultados foi cando se lle consideraba non só a forza que mellor defendía os intereses de Galiza senón que era a que representaba a transformación social. Foi así, porque o nacionalismo galego recolleu as bandeiras da xustiza social e a democracia que abandonou o PCE na transición (aceptación da monarquía, renuncia ao federalismo, Pactos da Moncloa, etc.) e ocupou o seu espazo nacionalizando a esquerda rupturista. 

O BNG foi quen de unir en determinados momentos nacionalistas a secas, nacionalistas de esquerda, e militantes da esquerda antisistema, nun único proxecto de ruptura democrática. O xiro á moderación foi deteriorando esta complicidade.  Reducir o discurso á cuestión nacional (ou social) co argumento de que se sobreentende a interdependencia, significa ignorar que cada persoa e colectivo se integra dende sensibilidades distintas, que desexa ver reflectidas acotío, no movemento nacional popular galego; implica debilitar o proxecto de liberación. O BNG debe asociar en todo momento nun proxecto único, a cuestión nacional e de clase, para construír unha correlación de forzas favorábel. Lembremos a teorización de Gramsci encol do novo bloque histórico, integrado pola clase obreira do norte industrial e os campesiños do sul italiano. 

Polo tanto é fundamental integrar nos obxectivos, no discurso, no protagonismo social e político, na folla de ruta, todos estes compoñentes, que son necesarios para a revolución na Galiza. Regalarlle á socialdemocracia emerxente o discurso de esquerda sería un erro histórico. Tampouco poñer en primeiro plano reivindicacións xustas sentidas por minorías contribúe a forxar unha nova maioría social, porque teñen contradicións entre elas. Daquela, trátase non tanto de unir siglas, aínda que nalgún momento isto axude a rachar con clichés e gañar tempo, como de ofrecer alternativas ás maiorías sociais, de defender unha sociedade solidaria e xusta, mais colocando as locomotoras da conflitividade como forzas de tracción do cambio. 

http://manuelmera.blogaliza.org/