Opinión

Unidade do nacionalismo. Obxectivo ou medio?

Algunhas persoas que se moven no ámbito da cultura acoden acotío ao argumento da modernidade. Mesmo hai quen o utiliza para ofrecer a súa alternativa política co obxecto de que “o nacionalismo sexa críbel”.

Algunhas persoas que se moven no ámbito da cultura acoden acotío ao argumento da modernidade. Mesmo hai quen o utiliza para ofrecer a súa alternativa política co obxecto de que “o nacionalismo sexa críbel”. Para o cal cómpre fuxir da loita de clases, ou sexa, das “fantasías e formulacións ideolóxicas que, fóra na sociedade, moi pouca xente cre”. O fundamental é volver reunir os “pedazos tan irresponsabelmente separados” no BNG. Segundo esta análise, acadar o éxito electoral estaría chupado mediante unha candidatura unitaria da nación galega, que contaría axiña co respaldo de nacionalistas e galeguistas, máis a proclama aos catro ventos de que “queremos gobernar a Galiza, estamos preparados e sabemos como o facer”.

"Afírmase que a ruptura en Amio foi un paso atrás para o nacionalismo, algo obvio. Mais nun recente artigo, Suso de Toro non aclara de quen foi a responsabilidade".

Afírmase que a ruptura en Amio foi un paso atrás para o nacionalismo, algo obvio. Mais nun recente artigo, Suso de Toro non aclara de quen foi a responsabilidade. Mesmo con este déficit na análise, sería lóxico normalizar as relacións entre todas as correntes que marcharon e procurar acordos que beneficien á nación galega. Porén, alén da teoría, calquera pode comprobar que non existen iniciativas en común de actos e mobilizacións, e tampouco de propostas no Parlamento Galego do BNG, Anova e CxG, alén do anecdótico. Por non falar das diverxencias na folla da ruta e na política de alianzas de cada unha destas forzas, que semella máis grandes que nunca. Entón sobre que bases se construiría esta candidatura unitaria? 

É evidente que para que todas estas forzas aceptasen un programa unitario tería que ser sobre un mínimo común denominador, ou sexa, posturas moi mornas no nacional (Anova) e no social e nacional (CxG). Ademais, de que isto semella unha utopía neste intre, o BNG tería que sacrificar a estratexia aprobada democraticamente en Amio (as Teses, por dous terzos), para chegar a un acordo con calquera destas outras dúas alternativas do nacionalismo galego. E de non aceptar ningunha destas forzas, o BNG amosaría unha postura de debilidade, de incapacidade para seguir avanzando sen o apoio externo, xa que se procuría desesperadamente unha táboa de salvación. Como esta proposta formulouse pola fronte ate o cansazo dende a última asemblea, sen ningún éxito, reforzaríase en moitos/as simpatizantes a idea, que repiten con teimosía os medios do sistema, que o BNG está en retroceso definitivo. Evidentemente trátase dunha idea trabucada, xa que a fronte ten unha forte presenza social e numerosa militancia, mais se alenta estas ideas, terminará por facer realidade o que o españolismo, as clases dominantes, sempre desexaron.

"Mesmo que se uniran as diversas ponlas do nacionalismo nas vindeiras eleccións, isto non garante recuperar o voto perdido"

Mesmo que se uniran as diversas ponlas do nacionalismo nas vindeiras eleccións, isto non garante recuperar o voto perdido, e nen sequera que se sumen mecanicamente as simpatías de cada un dos proxectos. Porque nestes procesos, ademais de sumar tamén se resta. Máxime cando é  unha unidade artificiosa, condicionada pola debilidade electoral, e sen que a sociedade albisque deste xeito capacidade de dirección en ningunha das alternativas. As eivas e atrancos actuais do BNG e as outras forzas nacionalistas non se van superar deste modo. Na fronte compre ofrecer obxectivos que permitan poñer as bases para mudar o sistema  e avanzar cara a libración nacional, ofrecer unha folla de ruta clara, fixar unha política de alianzas, mellorar a comunicación coas clases populares galegas, ligar en todo lugar e momento o concreto co estratéxico, e o social co nacional. Mais estes aspectos xa os teño tratado en moitos artigos, e polo tanto non quero desta volta abondar neles.  

Coido que esta proposta non está casualmente relacionada no tempo co retorno ao primeiro plano dun ex-dirixente do BNG, que sería a figura presuntamente salvadora do nacionalismo nas vindeiras eleccións xerais. A nova foi salientada polos medios, e axiña sería unxido como candidato de consenso por CxG. Unha das forzas que abandonaron o BNG, dende posturas contemporizadoras co capital e mornas no nacional. Esquecendo este partido que quen propoñen tivo un papel destacado na deriva que levou a fronte á situación actual, e que a liña de consenso fixo de CxG unha forza testemuñal, malia a incorporación de persoeiros moi coñecidos, sen que fixesen polo de agora a máis mínima autocrítica ou rectificación. Unha evolución que deberían ter en consideración aqueles que propoñen no seo da fronte adoptar unha liña moi semellante (con todo o dereito e meu respecto, mais que corresponde debater en función da práctica para tirar conclusións e evitar erros no futuro). 

"A unidade débese dar antes na práctica cotiá para non ser artificiosa, e construírse no orgánico sobre unha base sólida. En caso contrario, as contradicións saltarán axiña"

Son dos que sempre defendín o debate político interno, sen medos e sen máis límite que o respecto polos demais, e considero a política de alianzas e de unidade e esencial na loita pola liberación nacional e social. Mais considero que a unidade débese dar antes na práctica cotiá para non ser artificiosa, e construírse no orgánico sobre unha base sólida. En caso contrario, as contradicións saltarán axiña podendo destruír o proxecto (algo deste estilo xa está a pasar hoxe nalgunhas organizacións do nacionalismo). A oferta dun programa e dunha folla de ruta nas eleccións non se pode ollar como algo táctico, senón como parte do proxecto estratéxico (en relación directa coa mobilización), xa que é parte importante da socialización do programa político de calquera organización. Sacrificar esta posibilidade ten custes que non son menores. Ademais, ¿que garantía existiría de que a persoa de consenso defenda todas as reivindicacións do BNG, e que non aumente o desacougo en sectores do electorado da fronte polo que defende ou deixa de dicir?... 

Para a recuperación do nacionalismo na Galiza non hai atallos. É preciso comprender o estado de ánimo da xente e o nivel de conciencia política, saber partir das súas prioridades, entender como se manifestan e fortalecer a interdependencia entre o social e nacional, que é como se expresa no noso país a loita de clases. 

http://manuelmera.blogaliza.org/