Opinión

Ulo as clases populares?

O imperialismo utiliza todos os argumentos e escusas para evitar reformas estruturais que modifiquen o reparto desigual e inxusto da renda entre países porén tamén entre as clases sociais. E esta interdependencia entre nación e clase é básica nos países que teñen un papel subalterno na cadea de valor. Estas xustificacións para manter o sistema tamén son empregadas polos países subimperialistas (do centro do sistema, que tiran rédito do intercambio desigual). E tamén  pode existir oposición por parte das potencias emerxentes nas que as clases dirixentes reduzan o multilateralismo á participación en pé de igualdade ás nacións máis poderosas. Mesmo así non hai dúbida que sería un avance respecto da situación actual, xa que as diverxencias serían tratadas de xeito menos agresivo ao aumentar o protagonismo e o número das potencias e países que non apoian a un bloque hexemónico ou rexeitan un mundo dividido en dous bloques confrontados.

Estas últimas son as dúas alternativas que propón Washington co apoio do G-7 e a OTAN. E a provocación a China da Presidenta da Cámara de Representantes de Estados Unidos respecto de Taiwán, mesmo coas matizacións de Biden, foi unha escenificación planificada para aumentar a tensión. A finalidade é trasladala ao ámbito económico, aumentando a tensión nas relacións comerciais. Washington intenta deste agravar e ampliar  o conflito porque aínda ten ao seu favor un inmenso despregue militar no mundo, un gran peso nas finanzas, o control dos organismos internacionais e dos principais medios de comunicación e cultura de masas. Trátase de gañar ou de dividir o mundo, non hai lugar ao pacto.

Mais a situación está evolucionando con moitísima rapidez polo medre das contradicións do sistema, xa nunha etapa senil, e polos límites cada vez máis evidentes en materia ecolóxica e de esgotamento de recursos esenciais. Tamén polos límites da propia globalización, que universalizan o coñecemento, as innovacións, porén aumentan os atrancos, conflitos, desigualdade, especulación. Daquela que analistas de todo tipo (e non precisamente antisistema) valoren que a actual crise é moito máis aguda que a do ano 2008, é non só polas fraquezas do sistema económico, da precariedade social e medre da pobreza, ou polos enfrontamentos armados, como na Ucraína, senón porque os mecanismos de resolución diplomática e pactada dos conflitos, sexa entre potencias, mais tamén no ámbito social e laboral, foron suplantadas polo ordeno e mando (no esencial) en dúas décadas de globalización neoliberal e preponderancia das chamadas “democracias occidentais”.

Vexase o papel da ONU, do FMI, da OEA,... a perda de peso das organizacións sociais e sindicais de masas, substituídas por ONGs que, en moito casos, son estruturas ao servizo das potencias hexemónicas ou prolongación das súas corporacións. Daquela o apoio ás saídas autoritarias e o medre do abstencionismo, sumado ao agochamento polos medios da conflitividade laboral, e a falta dun movemento pola paz que tome as rúas na Unión Europea. En fin, a demostración de que, para alén das excepcións, que as hai, falta unha forte resposta social que acompañe e dispute a dirección a esa tendencia cada vez máis consolidada de países que queren e necesitan construír un mundo multipolar. Na Unión Europea a este proceso fáltalle o empuxe das clases populares na rúa, malia que se presume de “democracia”, mais na maioría dos casos esta é unha representación sen público (ou con el secuestrado), porque carece da participación e protagonismo da maioría social.

O marco foi baleirado de contido estratéxico. O dito, non en todas partes, nen axen igual todos os partidos... mais a excepción non é a regra xeral, ese cambio hai que construílo, primeiro na conciencia social, na folla de ruta, para facelo realidade. Mover a xente por múltiples problemas sociais, laborais, culturais, veciñais... coa conxuntura económica e política non abonda... cómpre ligar o que hai en común en todos estes conflitos e contradicións, hai que unir o concreto co xeral, non só no discurso para a vangarda, senón en toda actividade co povo, nos artigos e análises, nos debates, nas charlas... Ficamos nunha conxuntura histórica, ninguén sabe canto vai durar, mais a cuestión é como rematará e como será a vindeira etapa. Todos os escenarios están abertos.